fbpx

Maquinaria pesada arrasa un campo de mámoas en Rodeiro, ao carón do Camiño de Inverno

Tempo de lectura: 5 min.

Moi cerca do porto da Serra do Faro, por onde está trazado o corredor Lalín-Chantada, atópase unha pequena necrópole formada por tres mámoas, situadas a carón do Camiño de Inverno, no tramo que transcorre entre o mencinado porto e o alto do Monte Cabeza.

Estas tres mámoas están incluídas no PXOM do concello de Rodeiro coas mesmas referencias que aparecen no Listado de Xacementos da Provincia de Pontevedra da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia.

A pequena necrópole de Monte Cabeza, está formada, na actualidade, por tres mámoas que, pese a existencia dun panel explicativo situado ao pé das mesmas, víronse afectadas por traballos agrícolas, realizados a finais da primavera (2017), consistentes en aradura mecánica con volteo da capa superficial, un traballo de decruado preparatorio para outros posteriores, previos a implantación dalgún cultivo.

Segundo fontes consultadas por HdG, o alcalde da localidade, Luis López, xa estaría ao tanto deste atentado patrimonial e baralla poñelo en coñecemento de Patrimonio da Xunta para que o responsable sexa sancionado. De feito, nas súas mans ten xa o informe que este portal reproduce na súa totalidade.

Esta desfeita foi xa documentada tamén por Jhonathan Zúñiga, o Meigo do Tea, na súa canle de facebook

INFORME

DANOS CAUSADOS POR ROTURACION DE PARCELAS, EN MÁMOAS CERCANAS AO ALTO DO MONTE CABEZA (RODEIRO-CHANTADA)

1- LOCALIZACION

Moi cerca do porto da Serra do Faro, por onde está trazado o corredor Lalín-Chantada, atópase unha pequena necrópole formada por tres mámoas, situadas a carón do Camiño de Inverno, no tramo que transcorre entre o mencinado porto e o alto do Monte Cabeza. 

Atópanse a unha altura considerable, entre os 870-880 metros, na divisoria dos concellos de Rodeiro, provincia de Pontevedra e Chantada, provincia de Lugo. Tomando como referencia o mapa parroquial localízanse entre a parroquia de San Xoán de Camba (Rodeiro) e San Miguel de O Monte (Chantada).

Tendo en conta o parcelario catastral localízanse nas parcelas 411, 412 e 413 (adicada a matogueira) do Polígono 1 do concello de Chantada, nun sitio denominado “Os Agüeiros” na parroquia chantadina de San Miguel de O Monte e “As Chairas” en San Xoán de Camba.

Estas tres mámoas están incluídas no PXOM do concello de Rodeiro coas mesmas referencias que aparecen no Listado de Xacementos da Provincia de Pontevedra da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia.

2- ALGUNHAS CONSIDERACIÓNS

Estas mámoas eran coñecidas polo vecindario da zona pero non tiveron unha significación máis específica ata que se trazaron cortalumes polo monte entre as provincias de Lugo e Pontevedra, na década dos anos 80.

Arredor do ano 2005, unha vez construído o parque eólico da Serra do Faro-Cabeza, procedeuse á limpeza das mámoas que se atopaban afectadas pola instalación eólica, incluídas estas tres mámoas de “As Chairas”-“Os Agüeiros”. Arrincáronse todos os arbustos e plantas, que forman o mato, pola raíz, quedando o seu chan pelado.

Uns anos despois colocouse, a un lado da pista de acceso aos aeroxeneradores de Monte Cabeza, á altura das tres mámoas, un panel explicativo no que se fai referencia a cada unha delas, promenorizando a súa importancia.

Panel informativo da necrópole das Mámoas de Monte Cabeza

A existencia deste panel informativo, moi visible, desempeña unha doble función: (1) serve para chamar a atención de todas cantas persoas pasen por alí (camiñantes,visitantes do parque, peregrinos que recorren o Camiño de Inverno, etc) e (2) tamén serve como unha sinal de advertencia para todos aqueles que se propoñan realizar traballos de destrucción nas mámoas e non poidan alegar que o fixeron por ignorancia e descoñecemento da súa existencia.

3- AFECTACIÓNS CAUSADAS NAS MAMOAS DENOMINADAS MONTE CABEZA 1, MONTE CABEZA 2, MONTE CABEZA 3 POR ROTURACIÓN DAS PARCELAS NAS QUE SE ATOPAN

A pequena necrópole de Monte Cabeza, está formada, na actualidade, por tres mámoas que, pese a existencia dun panel explicativo situado ao pé das mesmas, víronse afectadas por traballos agrícolas, realizados a finais da primavera (2017), consistentes en aradura mecánica con volteo da capa superficial, un traballo de decruado preparatorio para outros posteriores, previos a implantación dalgún cultivo.

MAMOA GA36047074 (Monte Cabeza 1) 

Localizada moi preto dun camiño que ven desde o “corredor Lalín-Cantada”, por esta portela que hai na Serra do Faro, en dirección á aldea de Vilanova. No grupo das tres mámoas é a situada na posición Sur.

Diámetro: 16 m

Altura. 0,80 m

Altitude do topo: 873 m

Presenta un pequeno crater de violación e na zona arada ao seu arredor aparecen pedras soltas que, seguramente, formaron parte da coiraza pétrea que a recubría. A existencia destas pedras soltas de granito, moitas delas rotas polo recente traballo con maquinaria, non se aprecia noutras partes da finca roturada alonxadas da mámoa

Afectación.

Afectada por todos os lados, pero con maiores danos no seu túmulo pola parte Sur e Norte

MAMOA GA36047075 (Monte Cabeza 2) 

Situada entre as outras dúas mámoas, a moi escasa distancia delas. Tamén presenta cráter de violación duns 2,50 metros de diámetro e aparecen pedras soltas ao seu arredor que seguramente foron da súa coiraza de protección.

Diámetro: 13 m

Altura. 0,60 m

Altitude do topo: 875 m 

Afectación.

Afectada en conxunto, pero con danos máis acusados polos lados Sur e Norte

MAMOA GA36047076 (Monte Cabeza 3)

Esta mámoa é a que está máis ao Norte, localizada a carón da pista de servizo do paque eólico que vai ata o alto de A Cabeza.

Diámetro: 17 m

Altura. 1,20 m

Na parte superior presenta un crater de violación de 3X2 metros de diámetro e dentro do mesmo aflora unha laxe granítica que, posiblemente, debeu ser un ortostato da súa cámara.

Altitude do topo: 875 m

Afectación.

Afectada polo lado Sur.

.

Escrito por

Divulgador

Pode que che interese...