fbpx
Excálibur, a espada sagrada / blagstinews

Miguel Losada: “Dende Galicia podemos reivindicar como propia a lenda de Excálibur”

Tempo de lectura: 4 min.

Secretario da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) e viaxeiro incansable na procura do pasado que ocultan os nosos montes, Miguel Losada é coma unha desas personaxes tiradas dunha novela de Otero Pedrayo.

Gran coñecedor da antropoloxía e da historia ourensá, Miguel Losada será o guía da sexta andaina que este sábado protagoniza o proxecto Rutas de Historia por terras de Trives, unhas terras que atesouran vestixios históricos de grande beleza e grande significado histórico que Miguel descubrirá.

Esta fin de semana Rutas de Historia lévanos a Trives “tra-las pegadas de Excálibur e os primeiros reis”. Que imos ver con ese suxerente nome?
Nesta ocasión habemos percorrer un senlleiro espazo xeolóxico e histórico galego. Un que fixo parte da cerna ideolóxica da prehistoria galaica, foi un lugar central dentro do contexto continental e foi o solar certo de feitos monumentais durante os últimos dous mil anos.

Pero existe realmente unha Excálibur galega, aínda que sexa en forma de mito?
Con toda lexitimidade, tal como se exporá durante este roteiro. Dende Galicia podemos reivindicar como propia a lenda da espada prodixiosa. Non só unha, senón varias destas armas metidas nas rochas, teñen sido atopadas e consérvanse actualmente malia que non están expostas ó publico.

Miguel Losada, divulgador e secretario da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA)

A Unión Europea definiu nos anos 90 a idea da “primeira idade de ouro” do vello continente. Lugares como o que imos visitar forman parte dese contexto. Por que?
Efectivamente, a UE considerou que hai uns 2500 anos o vello continente experimentou un desenvolvemento social de grande magnitude e transcendencia para todo que habería de vir despois. Lugares como os que habemos de visitar na nosa xeira, forman parte por dereito propio desa realidade. En boa media a identidade dos europeos, tal como a coñecemos, comezou a xurdir naquel tempo. Parte desa pegada pode percibirse inda hoxe en día.

Miguel Losada, da Saga, analizando unha inscrición romana

Veremos entón lugares prehistóricos, romanos, suevos e escenarios de batallas napoleónicas, pero que destacarías ti de todo o percorrido?
Pode que o mais destacable e todo este magno escenario sexa o feito de que coñecer todo o que imos tentar evidenciar serve para mudar moito mais a nosa visión do presente e o futuro que a dun pasado pouco coñecido polo gran público.

Trives ven do topónimo “tiburi”. Quen eran os tiburi?
Pouco podemos saber en detalle sobre a xente que vivía nestas terras hai 20 séculos. A falla de investigación ó respecto non permite establecer verdades a pequena escala. É o coñecemento a escala peninsular e continental do mundo no que habitaron, mais algúns datos coñecidos da protohistoria galaica, os que permiten apuntar cara unha realidade que, polo de agora e perante a falla de mais investigacións ó respecto, somentes podemos contemplar como un suceso na distancia.

Ti, que es secretario da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) e un gran coñecedor da mitoloxía popular, que nos podes dicir sobre os mitos ou lendas que oculta a andaina deste sábado?
Moitos mitos, contos e lendas teñen como base para o seu desenvolvemento as paisaxes que imos coñecer ou ver con outros ollos, no caso de quen xa as coñeza. A idea é a de transmitir a perspectiva de que coñecer, actualizar e compartir ese bagaxe cultural ofrece unha oportunidade para que, entre todos e todas, poidamos construír un presente mellor para esta Terra e para Galicia. Poñeremos e coñeceremos un caso concreto que penso que vai ser sorprendente para quen acuda a esta proposta.

E outros sitios que recomendas para visitar pola comarca?
O Mosteiro de Montederramo, o Castelo do Castro Caldelas, a Ponte Bibei, a antiga fábrica de Chocolates Salgado, sobre o río Cabalar, son puntos de interese que non debemos perder antes ou despois deste roteiro. De feito, pode que noutra ocasión fagamos un percorrido polos segredos que agochan. Outros como os espectaculares campos de túmulos das alturas dos canons do río Sil, ou as antiquísimas minas de ouro de San Xoán de Río son menos coñecidas. Tampouco podemos esquecer os valores naturais e ambientais unha Terra privilexiada neste sentido. Os vales glaciares da Serra da Cabeza Grande de Manzaneda, cos petróglifos a meirande altitude de Galicia, as inmensas forestas do río Navea e o incrible canón final deste rio, son algúns dos que agora se me ocorren, inda que poderiamos indicar outros…Grazas, e vémonos o sábado!

Paisaxe nevada de Trives / Miguel Losada

Pode que che interese...