fbpx
Bandeira que foi utilizada para representar o reino suevo

Novas investigacións en Galicia: Como os suevos se foron facendo co poder na antiga Gallaecia

Tempo de lectura: 5 min.

A desfeita do Imperio Romano en Occidente durante o século V d.C. deu lugar a un período caracterizado pola fragmentación e a rexionalización. Xurdiron así un número moi importante de reinos e entidades que conformaron o mapa político de Europa occidental durante séculos. De todos estes, o reino suevo é quizá un dos máis sorprendentes. Foi un dos primeiros reinos que se constituíron como tal, nomeado a partir de diversos grupos de elites militares que chegaron á península ibérica xunto con outras coñecidas etnias como son os vándalos e alanos. Tamén foi un dos primeiros reinos en establecer unha sede rexia, neste caso en Braga, xerando todo un programa político de embelecemento da cidade que lembraría o antigo evergetismo romano. Igualmente foi o primeiro reino medieval que se converteu oficialmente ao catolicismo, establecendo con iso unha forte alianza coa Igrexa niceana que chega ata os nosos días, como mostraría o coñecido Crismón de Quiroga. O reino suevo atraeu poderosamente a atención e a imaxinación do público e dos intelectuais, como mostra, por exemplo, o que se chegou a crear en datas recentes unha bandeira representativa deste reino.

Con todo, o reino suevo é tamén un dos máis descoñecidos dos reinos postromanos. Como mostra Pablo Cruz Díaz no seu recente libro sobre o tema (O reino suevo (411-585), Akal), as fontes escritas para estudar este período son especialmente escasas, e hai certos momentos da súa historia que descoñecemos por completo. E existe aínda máis descoñecemento sobre as xentes e comunidades locais que habitaban este territorio. Salvo algunhas escasas referencias moi complexas de interpretar que nos dá Hidacio, bispo de Chaves a principios do século V, non temos información sobre como vivían os homes e mulleres que compuñan o reino suevo e como afrontaron este complicado período. É por iso que a Arqueoloxía resulta fundamental para afrontar este problema. Nos últimos anos puxéronse en marcha importantes proxectos que tratan de desentrañar os segredos dun reino escuro e ás veces confuso. As escavacións levadas a cabo en Braga e as súas contornas están a dar moita información sobre este período. Os recentes descubrimentos en Vigo deron un envorco á forma de entender as conexións deste territorio co Mediterráneo e o comercio marítimo durante os séculos V ao VII d.C. Igualmente, o proxecto arqueolóxico e de divulgación de longa duración en Viladonga (cuxo desenvolvemento se pode ver no seguinte blogue: http://intervencionviladonga17.blogspot.com/) continúa desvelando importantes segredos sobre este importante sitio. Por último, cabe mencionarse que se está organizando unha importante exposición en Ourense sobre a arqueoloxía dos suevos que mostra a actualidade e o interese sobre este tema.

Lenzo de muralla en Penadominga / Carlos Tejerizo

Como se derrubou a Gallaecia romana

O proxecto que actualmente estamos a levar a cabo ten como obxectivos analizar a través das evidencias arqueolóxicas, as transformacións que se produciron no interior da antiga provincia romana da Gallaecia tras o derrube do sistema romano; e entender como as comunidades locais adaptáronse, e tamén resistiron, a unha fonda crise que, salvando os evidentes anacronismos, podería lembrarnos á actual crise política e económica. E un dos elementos que nos vai a permitir estudar todo este proceso son os castros. Pouco se pode engadir á importancia dos castros na conformación cultural dos territorios do noroeste peninsular durante a Idade do Ferro. Algúns destes foron intensamente reocupados durante o período suevo e a nosa hipótese é que a súa análise arqueolóxica pode ofrecer unha información crucial sobre estas comunidades locais.

Durante esta primeira campaña de traballos arqueolóxicos centrámonos no estudo dun conxunto de castros con evidencias de reocupacións durante o período suevo que se atopan na conca do Sil e os seus arredores. Nesta contorna existe unha densa concentración de castros útiles para os nosos propósitos, como son Valencia do Sil, Formigueiros, Santa María de Mones ou Penadominga. Para este primeiro achegamento, utilizamos técnicas arqueolóxicas tradicionais, como a prospección sistemática en busca de evidencias na superficie; pero igualmente aplicamos novas técnicas de investigación, como o uso de drones ou os coñecidos Sistemas de Información Xeográfica, que nos permiten realizar análises moi pormenorizadas das características espaciais destes castros.

Castro de Valencia do Sil / Carlos Tejerizo

Sen dúbida, esta primeira incursión sobre o período suevo a través destes castros reocupados foi un éxito. En primeiro lugar permitiunos constatar non só esta densa concentración de asentamentos en altura ocupados durante este período, senón tamén que obedecen a unha organización moi complexa do espazo. Non se trata de reocupacións esporádicas ou anárquicas, senón que responden a unha vontade de integración do territorio no que se asentan. Desta maneira, unha hipótese que manexamos é que o curso do río Sil durante o período do reino suevo actuase como un nexo de comunicación e de comercio fundamental para o territorio. Como se comentou antes, as novas investigacións levadas a cabo en Vigo por parte de Adolfo Fernández fortaleceron a idea de que a antiga Gallaecia xogou un papel comercial de primeira orde con importantes vínculos no Mediterráneo durante os séculos V ao VII d.C. É moi posible que o curso do río Sil participase destes procesos e que nos mostre unha sociedade moi complexa e organizada, como nos leva a pensar a investigación en marcha.

Fotografía aérea mediante voo dron do castro de Formigueiros, reutilizado en época sueva / Antonio Franco “Muros”

Castros para controlar vías de comunicación e comercio

Doutra banda, a análise espacial deste conxunto de castros lévanos a pensar nunha especialización funcional. Así, algúns deles parecen máis vinculados co control de certas vías de paso, quizá relacionados coa gandaría de curto percorrido, como ocorrería co coñecido caso de Penadominga. Neste castro localizáronse hai algúns anos algúns broches que moi probablemente pertenzan a unha necrópole asociada ao castro e que nos sinalaría unha comunidade organizada e de certa complexidade social. Tamén localizamos castros cuxa función parece estar relacionada co control e a articulación territorial a pequena escala. Este podería ser o caso de Formigueiros, en Samos, onde se realizaron varias escavacións que puxeron en evidencia un conxunto de estruturas domésticas posiblemente pertencentes a varias fases así como de material moi interesante, como as coñecidas laxes con imaxes de peixes gravados. O voo dron que realizamos non só nos deu a oportunidade de sacar imaxes espectaculares do sitio, senón que o seu tratamento dixital vai permitir ter unha idea moito máis densa sobre a estrutura espacial do castro.

Materiais suevos documentados no castro de Valencia do Sil / Carlos Tejerizo

Como diciamos ao comezo, o reino suevo segue atraendo a atención dos especialistas precisamente polo moito que queda por facer. A investigación que puxemos en marcha esperamos que boten algunha luz sobre un período apaixonante do que sabemos moi pouco e aínda menos das xentes sinxelas que viviron naquela época, as “sociedades sen historia” das que fala o antropólogo americano Eric Wolf. Os primeiros pasos deste proxecto sobre os castros con reocupaciones en época sueva mostran un complexísimo mundo no que contornas como o curso do río Sil serían nós fundamentais de articulación das relacións comerciais do momento. Esperamos que nas próximas campañas poidamos ampliar esta información e, sobre todo, compartila con todo o mundo.

INFORMACIÓN ELABORADA POR:

Equipo “Sputnik Labrego” (sputniklabrego.com)
Carlos Tejerizo García (Incipit-CSIC)
Mario Fernández Pereiro (Universidade de Santiago de Compostela)
Celtia Rodríguez González (Universidade de Santiago de Compostela)
Álvaro Carvajal Castro (Universidade do País Vasco)

 

Pode que che interese...