Parque do Pasatempo, en Betanzos, o primeiro gran parque temático europeo / mapio.net

O Parque do Pasatempo, a Casa Gótica, o convento das Donas…Como salvar o patrimonio que desaparece en Betanzos

A comezos de ano un grupo de xente, entre eles José Souto Santé e Ángel Arcay, daban a coñecer a gran problemática e a situación de abandono na que se atopaba o Parque do Pasatempo de Bentanzos coa perda de varias pezas, a caída de varios muros e zonas especialmente ameazadas. Unha obra que no seu día foi o primeiro gran Parque Enciclopédico de Europa, obra dos irmáns Naveira, dous dos principais filántropos que deu Galicia.

“Non sabemos se o motivo é a falta de interese ou a ignorancia, o caso é que cando alguén visita por primeira vez este lugar non é capaz de comprender como pode estar no estado en que se atopa”, critica José Souto, que xunto con Arcay e outras persoas amantes do patrimonio creaban a Asociación de Amigos do Parque do Pasatempo para impulsar a súa recuperación.

Lavadeiro público de Cascas, en Betanzos, un dos máis grandes do mundo, inaugurado en 1902 polos irmáns García Naveira

Unha recuperación que tamén vai máis alá das obras dos irmáns Naveira xa que, nos últimos anos, Betanzos perdeu a Casa Gótica, a máis antiga da vila. “Un secadoiro de lúpulo, a fábrica da luz vai por ese camiño igual que o seu veciño edificio dos Sindicatos, o conventos das Donas e un longo etcétera”, critica Souto.

Nesta entrevista José e Ángel falan dese gran patrimonio desta gran vila medieval e do traballo que realizaron emigrantes como os irmáns García Naveira ou Juán Etxeverry, fundador do primeiro banco de España, o Banco Echeverría. Precisamente, esa Betanzos que fixeron os nosos emigrantes será o motivo da úúltima xeira de Rutas de Historia.

 

Remata o I ciclo de andainas de Rutas de Historia por Betanzos, un trazado digamos urbano, en comparación co restro e no que os irmáns Naveira e Juán Etxeverry, serán os protagonistas. E, para quen non os coñeza, quen foron estes persoeiros?

Son dúas das liñaxes contemporáneas máis importantes que pasaron pola vila de Betanzos. Os primeiros son dous irmáns que marcharon a mediados do XIX sendo analfabetos e volveron da Arxentina cunha gran fortuna que invertiron en mellorar a vila con escolas, asilo, casa do pobo e o Parque do Pasatempo.

Os segundos son unha familia que fai a viaxe inversa, chegan no XVIII, fundan unha fábrica de curtidos a extramuros da cidade e crean o primeiro banco que se coñece en España, fundado en 1717, e que ata fai un par de anos funcionaba co nome de Banco Etcheverría.

José Souto, da Asociación de Amigos do Pasatempo

Marcaron, entón, boa parte da vida da Betanzos contemporánea, non?

Si, a súa inversión en Betanzos foi capital para que esta vila mantivese a importancia que tiña antigamente.

E que imos ver nesta andaina?

Imos facer un roteiro por todo o seu legado. Pola banda dos Etcheverría aínda mantemos parte da súa fábrica de curtidos, dentro dun barrio tamén bastante peculiar como é o da Condomiña e aprenderemos algo máis sobre a súa historia, xa que aquí chegou a estar Vicente Ferrer preso durante a Guerra Civil. Visitaremos tamén a sede do seu primeiro banco.

Pola banda dos García Naveira o patrimonio é moito maior xa que case todas as súas obras filantrópicas seguen en pé, estando algunhas en funcionamento. Comezaremos polo Parque do Pasatempo e logo achegarémonos tamén ao Lavadoiro Gratuíto, ás antigas Escolas e Asilo, veremos o seu “Refuxio para nenas anormais”, a Casa do Pobo, as Escolas Jesús García Naveira e a casa de Don Juan.

Será un roteiro por toda a vila de Betanzos, xa que tamén pasearemos polo seu casco histórico en busca da pegada destas familias.

Unha das paradas obrigadas é a do Parque do Pasatempo, como comentas. Que supuxo esa infraestrutura no seu tempo?

Digamos que é a xoia da coroa. É un lugar que simboliza perfectamente o legado dos García Naveira xa que seguindo a súa filosofía de axudar aos demáis nos permite facer unha viaxe por medio mundo. Luís Seoane definíuno coma un Parque Enciclopédico e cremos que esa é a mellor definición que se lle pode dar. Se na actualidade supón un lugar no que podemos pasar de ver o cadro do Fusilamiento de Torrijos a pasear baixo o Canal de Panamá, no pasado supuxo unha fonte de traballo e educación para varias xeracións de betanceiros que viviron nun momento complicado para a nosa terra.

 

E como está agora?

O Parque estivo pouco tempo en funcionamento. O seu creador morre en 1933 e ninguén máis se preocupa nunca por este lugar que pasa a quedar sumido no abandono. Nos oitenta o Concello de Betanzos faise cargo da súa xestión, desenvolve un proxecto de rehabilitación un tanto discutido pero non aporta o mantemento que un lugar así precisa.

En consecuencia, xa se perderon varias pezas, caeron varios muros e hai zonas especialmente ameazadas. Non sabemos se o motivo é a falta de interese ou a ignorancia, o caso é que cando alguén visita por primeira vez este lugar non é capaz de comprender como pode estar no estado en que se atopa.

 

A vosa asociación leva meses tentando recuperar todo ese rico legado. Pero, estase facendo algo máis, a nivel institucional, para recuperar o que se considera como o primeiro parque de atracións de Europa?

Somos unha asociación que está nacendo. Durante os últimos cinco anos foi José Souto Santé o que se encargou de ir recollendo información deste lugar, axudándose de varios veciños de Betanzos. Co paso do tempo, e sobre todo trala caída dun dos muros do Parque, empezamos a valorar a creación da Asociación. O primeiro foi xuntarnos para facer a solicitude de Ben de Interese Cultural e a partir de aí xestionar unha serie de grupos de traballo nos que a xente pode participar. Dividímonos en varias temáticas para que cadaquen traballe na parte que máis lle interese. Hai xente estudando a vexetación, outros centrándose nas actividades do 125 aniversario que celebraremos o próximo ano, hai quen se ocupa de facer un seguimento das obras que se realizan no Parque e quen sae á rúa a buscar firmas para gañar apoios na súa protección.

Isto súmase a unha presión institucional constante da que aínda non obtivemos todos os obxectivos que buscábamos. O BIC está en fase de analise por parte da Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña xa anunciou unha inversión de 750.000 euros para o ano 2018.

Ángel Arcay, da Asociación de Amigos do Pasatempo

O certo é que esta andaina dará unha visión ben diferente á Betanzos que moitos están acostumados. Como é a simbiose entre esa Betanzos medieval e a nova que forxaron os emigrantes?

O Betanzos que moitas veces se promociona é o que radica en torno ás súas igrexas e o seu casco histórico. Ese Betanzos dos Cabaleiros, berce do gótico galego. Pero nós pensamos que a riqueza deste pequeno lugar radica en contar con este patrimonio que se pode combinar, nunha mesma visita, co inmenso patrimonio industrial co que conta, co legado de arquitectos coma González Villar ou cas obras filantrópicas de Juan e Jesús. Por desgraza, cada vez vai sendo máis o patrimonio que desaparece na vila sen que ninguén lle poña remedio nin lle pida explicacións ás institucións responsables: nos últimos anos perdimos a Casa Gótica, a máis antiga da vila; un secadoiro de lúpulo, a fábrica da luz vai por ese camiño igual que o seu veciño edificio dos Sindicatos, o conventos das Donas e un longo etcétera.

Ti, que ademais es arquitecto técnico, ademais da vila en sí, que recomendas visitar á xente que se achegue por Betanzos?

Ademais da riqueza patrimonial que poderemos cun paseo polo seu Casco Histórico existen outros lugares que poderían xustificar unha visita a Betanzos: probar a súa tortilla e o seu viño, coñecer o Museo das Mariñas ou aproveitar a gran cantidade de recursos naturais cos que conta ao seu redor, nas que sen dúbida destaca a zona das mariñas coruñesas e terras do Mandeo que son Reserva da Biosfera.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Xornalista, profesor da USC e coordinador do HdG.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: