fbpx
Casino de Noia / Concello de Noia

Rehabilitan o Casino de Noia, un fermoso edificio modernista, como centro de visitantes

Tempo de lectura: 2 min.

O Casino de Noia non é un edificio calquera. É unha das xoias arquitectónicas deste concello. Situada en fronte dos Xardíns Felipe de Castro, foi construído no ano 1928 por Pepe de Aguila, que deixou a súa particular pegada na fachada do edificio.

Neste lugar deron conferencias Otero Pedrayo, Álvaro de las Casas… e outro ilustres pero polo que realmente era recoñecido era polos seus luxosos bailes e festas que se celebrabaron durante anos.

Tras anos de abandono, o edificio vai ser completamente restaurado. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria investirá un total de 100.000 euros na rehabilitación deste casino, o que permitirá levar a cabo no inmoble unha actividade cultural estable. O Consello da Xunta autorizou a pasada semana o convenio de colaboración entre a Consellería e o Concello de Noia para a realización das obras de rehabilitación do edificio, cuxo custo total ascende a preto dun millón de euros.

Ao abeiro do dito convenio, o departamento de Cultura do Goberno galego comprométese a financiar con 100.000 euros –distribuídos en dúas anualidades– estas obras, cuxa execución correrá a cargo do Concello. Tras a súa rehabilitación, o Casino de Noia habilitarase como Centro de Visitantes Multifuncional do Xeodestino da Ría de Muros-Noia, favorecendo o seu aproveitamento con diversos usos, xa que contará con sala de conferencias, salón de actos, espazos acondicionados para exposicións etc.

Un inmoble singular

O edificio reúne unhas características arquitectónicas singulares e que o sitúa como un inmoble de referencia na evolución urbana da vila. No que atinxe ao aspecto decorativo, os elementos singulares máis significativos son a pedra tallada, os balaústres, pináculos e a reixa de ferro. Canto ao aspecto construtivo cómpre destacar as columnas, balcóns voados e vans en arco.

Hoxe en día, a súa estrutura presenta un aspecto ruinoso nalgunhas partes, posiblemente derivado das filtracións de auga durante os anos que permaneceu en estado da abandono. De aí que precise dunha intervención que permita recuperar o edificio para uso público.

Pode que che interese...