fbpx
Agro do Campo 3. Foto Colectivo A Rula

Un tractor arrasa un petróglifo recentemente catalogado en Villestro (Santiago)

Tempo de lectura: 2 min.

No mes de xullo do ano 2016 o colectivo A Rula tivo que ver como a zona onde se atopaban a maior parte dos petróglifos da parroquia de Villestro, pertencente ao concello Santiago, se queimaba nun incendio. Estes días pasados do mes de outubro unha maior agresión caía sobre un deles: o petróglifo denominado Agro do Campo 3 foi esnaquizado en parte polas cadeas dun tractor que o propietario utilizou para rozar o monte. 

Petróglifo Agro do Campo 3. Foto colectivo A Rula

O petróglifo de Agro do Campo 3 foi catalogado fai pouco tempo polo servicio de Patrimonio da Xunta de Galicia grazas a labor do colectivo a Rula, que leva moito tempo loitando por poñer en valor o patrimonio e sobre todo os petróglifos desta zona do concello. Este en concreto ten 3 fichas en Patrimonio dende decembro de 2016, unha por cada panel de gravados, e os seus códigos son GA15078144 / 45/ 46. O petróglifo atópase a escasos 50 metros doutros gravados, Agro do Campo 1, danado polo paso da maquinaria antincendios que actuou na zona o ano 2016.

Neste fondo do val tamén están os petróglifos do Rexío, os petróglifos do Valado e as estacións 1 e 2 de Devesa da Rula

Destrozos no petróglifo despois da actuación do tractor. Foto Colectivo A Rula.

Destrozos nunha parte dos petróglifos. Foto Colectivo A Rula

Segundo información do colectivo, o panel 1 do petróglifo de Agro do Campo 3, o máis pegado ao camino de Santiago cara a Fisterra, practicamente quedou destruído.   O panel 2, con motivos de cruces, coviñas e sucos liñais, quedou fraturado nun 30 por cento. O panel 3, o de máis arriba, sufriu a rotura dun lateral onde se atopaban motivos de coviñas e combinación de círculos; por sorte, estes últimos salváronse e quedaron case intactos.  

Combinación de círculos en Agro do Campo 3. Foto colectivo A Rula

Por esta razón a asociación, xunto con algúns veciños da parroquia, denunciou os feitos, o que motivou a presencia da Policía Municipal para levantar acta dando conta do ocurrido.

Escrito por

Divulgador

Pode que che interese...