fbpx
Estatua de Breogán coa torre de Hérculos ao fondo, na Coruña / http://sergallegounorgullo.blogspot.com.es

Un xornal irlandés recolle a historia do “rei medieval” Breogán, o “líder celta que subxugou ás tribos en guerra de España”

Tempo de lectura: 2 min.

Un artigo aparecido nun dos principais xornais irlandeses, o Irish Times, destaca a historia de Breogán e as súas conexións irlandesas. “O rei Breogán é un dos heroes medievais máis venerados de Galicia”, chega a escribir.

De feito, nesta información apuntase á gran relación que existe entre Galicia e Irlanda, que vai máis alá da música do gaiteiro Carlos Núñez ou a banda Luar na Lubre. “As opinións difiren sobre a dirección destes contactos, pero todos poden estar de acordo en que houbo unha gran cantidade de intercambios culturais ao longo dos séculos, entre aquí e alá”, engade.

Así, e recollendo como punto de partida a Torre de Hércules, lembra a historia de Breogán, cuxo fillo, Ith, foi un dos conquistadores de Irlanda tal e como recolle o Lebor Gabála ou Libro das invasións, unha compilación de lendas irlandesas do século XII. Segundo estas lendas “Breogán era un líder celta que, subxugando ás tribos guerreiras de España, acabou na Coruña, onde construíu unha torre”.

Imaxe idealizada dos celtas

Relacións “celtas” entre Galicia e Irlanda

No artigo tamén se comenta a vinculación “celta” que existe entre Galicia e Irlanda, sobre todo en festas como o Samaín. “Como no Samhain irlandés, aos galegos tamén lles gusta baleirar cabazas e esconderse nas cunetas dos camiños para asustar á xente”, recolle.

De feito, o Irish Times recomenda, para unha visión racional e académica, ler o ensaio de John Carey “Did the Irish Come From Spain?” que se pode descargar en historyireland.com, ou escoitar a historia contada con todo tipo de “florituras” proto-celtas –coa axuda da Orquestra Sinfónica de Galicia– no álbum de Luar na Lubre de 2014, Torre de Breoghán.

“Se a Torre de Hércules ten algunha conexión coa torre de Breogán, e cal podería ser esa conexión, aínda é un tema de debate. Non é a única conexión irlandesa da Coruña. A Universidade da Coruña ten o Instituto de Investigación da Universidade Amergin en Estudos Irlandeses. Tamén hai un club GAA co nome de Fillos de Breogán”, conclúe.

Pode que che interese...