fbpx
Participación nunha feira cultural / Marcos Lorenzo-Galaxia

As políticas culturais en Galicia

Tempo de lectura: 3 min.

Marcos Lorenzo, xestor e consultor cultural

Ao longo deste artigo realizaremos unha reflexión xeral sobre as políticas culturais en Galicia, sobre os seus principais destinatarios e axentes, os seus obxectivos (implícitos e explícitos) e a súa evolución recente. Deixaremos indicados algúns problemas, abriremos preguntas para suscitar o debate e apuntaremos posibles solucións. Non se trata dun texto académico senón ensaístico, e polo tanto non aspiramos a sentar cátedra senón a mostrar un conxunto de informacións e opinións persoais desde un estilo libre e con certa orde.

Como é ben sabido, a política é unha forma de canalizar o conflito social. Ningunha política é neutra: favorece a certos segmentos de poboación en detrimento doutros. O mesmo sucede coas políticas culturais. Se queremos coñecer quen sae beneficiado e quen prexudicado da acción cultural pública, teremos que observar cales son os obxectivos manifestos de política cultural das administracións. E aquí xa atopamos o primeiro escollo: en moi contadas ocasións os obxectivos culturais son explícitos, e cando o son adoitan expresar boas intencións e vaguidades difíciles de cuantificar e que a pouco comprometen. Di Arturo Rodríguez Morató (2012):

Se partimos da clásica distinción en socioloxía das organizacións, entre organizacións que operan con tecnoloxías e obxectivos ben definidos e están sometidos a estritos controis dos seus outputs (organizacións baseadas na eficiencia) e outras cuxos obxectivos e procedementos son máis vagos e carecen deses controis (organizacións baseadas na lexitimidade), vemos que as administracións e institucións culturais, que canalizan a política cultural, se sitúan claramente do lado das segundas.

Hai planificación da cultura en Galicia?

Aínda que podemos identificar numerosas excepcións na contorna estatal e europea, cremos que este principio xeral é particularmente acaído para as institucións culturais galegas. No noso país, a planificación da cultura é unha rareza, así como a elaboración previa de diagnósticos que xustifiquen unha política ou a posterior avaliación de resultados. Polo tanto, se non dispomos de documentos oficiais a partir dos cales discernir que grupo social está sendo priorizado ou subordinado, recorramos aos expertos. Di Pau Rausell (2016):

O gasto local en cultura en España mostra os maiores niveis de ineficiencia, sucumbiu, como noutros casos, ao modelo clientelar e, en xeral, mostra poucos niveis de transparencia e participación.

E a respecto das tomas de decisión dos responsables políticos da cultura, engade:

En primeiro lugar, hai que superar a aproximación ocorrencial e presentar certa racionalidade instrumental. O contexto das políticas culturais viviu baixo unha retórica onde o argumento “culturalista” e a repetición de clixés e lugares comúns foron suficientes para xustificar decisións ocorrenciais. Estas decisións, en moitos casos foron froito da incompetencia, pero noutros moitos serviron para que axentes interesados e lobbies secuestrasen o interese colectivo.

Tamén, ao falar das políticas culturais en España a partir da Transición, Lluís Bonet (2016) sinala que estiveron “orientadas á oferta”, foron “manirrotas”, “pouco sustentables a longo prazo“, “miopes a respecto das dinámicas socio-comunitarias” e “clientelares cos produtores”. Polo tanto xa podemos deducir algo. Houbo unha tendencia xeral ao clientelismo e á relación privilexiada entre decisores públicos (responsables políticos ou técnicos da administración) cos produtores de cultura (artistas, empresas, lobbies sectoriais), que secuestrou o interese colectivo e que desatendeu a cidadanía e as dinámicas sociais. O retrato encaixa á perfección co que a nosa experiencia indica para o caso galego.

Un dos síntomas da escasa ou nula orientación en Galicia das políticas culturais cara á cidadanía podémolo atopar na demanda cultural. Os consumos culturais galegos son sensiblemente inferiores á media española (201,9 €/ano por persoa en Galicia, fronte a 260,1 € en España, para o ano 2014), e non recortamos esa distancia na última década. Non só gastamos menos, senón que o facemos en moita maior proporción en equipos audiovisuais e informáticos que en servizos culturais (asistencia a espectáculos, adquisición de libros, visitas a museos…). E iso se falamos de forma agregada, porque se analizamos os consumos dos diferentes segmentos de poboación en función das rendas, niveis educativos, idades ou hábitats, veremos como a sociedade galega está máis polarizada ca a española e que hai un subgrupo social máis amplo que apenas consome cultura.

O artigo completo en: “As políticas culturais en Galicia”, revista Grial, nº 215

Pode que che interese...