fbpx
Visita nocturna aos petróglifos de Campo Lameiro / PAAR

Coñece as actividades que se realizarán por toda Galicia para celebrar o Día do Patrimonio Mundial

Tempo de lectura: 3 min.

Con motivo do Día do Patrimonio Mundial que se celebra o vindeiro 16 de novembro, 25 entidades asociadas á esta rede organizarán case 40 actividades entre conferencias, andainas, concertos, e diversas actividades relacionadas co patrimonio. As accións realizaranse desde esta fin de semana e ao longo da seguinte.

Roteiros, visitas guiadas, conferencias, concertos, xantares e actividades varias procurarán concienciar aos galegos da importancia da conservación e promoción do patrimonio. Convocadas pola, un total de 25 entidades realizarán case 40 actividades para celebrar o Día do Patrimonio Mundial.

Actividades do Día Mundial do Patrimonio realizadas pola Rede do Patrimonio Cultural

A UNESCO estableceu esa data no 16 de novembro, pero a RPC realizará actividades ao longo desta fin de semana e toda a que ven. Será a primeira vez que esta entidade contribúa á visibilización do patrimonio cultural galego e das entidades que o promoven, protexen e poñen en valor, ofrecendo un calendario conxunto de actividades do tecido patrimonial e cultural de Galicia. Ademais, a RPC propón empegar o cancelo #DiadoPatrimonio para as as comunicacións nas redes sociais relativas aos disintos eventos convoados.

Entre estas actividades salientan dez roteiros, once visitas guiadas, dous xantares populares, dúas charlas, unha xuntanza patrimonial, un programa de radio, un concerto, unha proxección e unha publicación.

Actividades

Así, entre estas accións a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte nas Ondas realizará un programa de radio sobre o pergameo Vindel. O Sorriso de Daniel fará o domingo 19 unha xeira románica por Guntín e unha visita guiada ao museo diocesano de Lugo. Amigos do Patrimonio de Castroverde realizarán o sábado día 11 un percorrido por parte do roteiro do val do río Tórdea e Xérmolos, unha andaina ata a Pena Xiboi de Parga.

Pola súa banda, Peton do Lobo , Asociación Galega Cova Crea e Asociación Ouriol do Anllóns organizan un roteiro tras ao antigo cemiterio civil de Corcoesto o 18 de novembro e a Asociación de Amigos do Pasatempo unha visita guiada ao Parque do Pasatempo o 19 de novembro. Tamén a Gentalha do Pichel convoca ás III Conversas sobre a xestion cultural e a presentación do tríptico sobre o Megalitismo en Compostela, así como a un roteiro polos castros e mámoas de Santiago.

A Asociación Cultural Apelón Educación organiza unha andaina Cultural con visita ao xacemento romano de Noville o 18 de Novembro e a Asociación Amigos dos Castros de Cuntis unha saída fotográfica. Tamén Patrimonio dos Ancares realizará un roteiro e a Asociación Monte Pituco, o sábado 25, unha visita aos conxuntos rupestres da Carrasca e Champás. Pola súa banda, a Asociación Festa da Prehistoria organiza unha visita á “Laxe das Cruces” e a Asociación Batistales, un concerto nas campás da Igrexa de Mondoñedo.

Toda a información, horarios, lugares e días de actividades pódese consultar na web redepatrimonio.gal, onde tamén hai un mapa interactivo e os carteis con toda e cada unha das accións da RPC.

Asociacións que apoian a Rede polo Patrimonio Cultural Galego / Soledad Felloza

A Rede do Patrimonio Cultural

A Rede do Patrimonio Cultural botou a andar o día 3 de xuño de 2017 nun acto celebrado no Museo do Pobo Galego no que se aprobou un documento avalado por 69 asociacións e entidades galegas relacionadas co patrimonio cultural.

A RPC entende o noso patrimonio cultural como un dos principais activos sociais, identitarios e económicos de Galicia e, polo tanto, un recurso estratéxico para a sociedade galega contemporánea que debe ser conservado e transmitido, nas mellores condicións, ás vindeiras xeracións. Por iso, acolle a entidades que teñan por obxectivos a defensa e posta en valor do patrimonio cultural galego, tanto material como inmaterial. É un instrumento orientado a aqueles ámbitos territoriais ou sociopolíticos que resultan de difícil acceso para cada unha das entidades en particular.

Poden participar na RPC as asociacións, colectivos e entidades civís interesadas na divulgación e protección do patrimonio cultural, xa que esta entidade é un instrumento para a visibilización das actividades e accións das entidades participantes alén dos seus círculos habituais de difusión.

Pode que che interese...