fbpx
Petróglifo A Carrasca, en San Xián / Monte PItuco

Coñece as riquezas arqueolóxicas de San Xián, desde o Neolítico ata a Era Moderna

Tempo de lectura: < 1 min.

A Adega A Capeleira de Marín acolle este venres unha ‘barferencia’ de Antonio Costa sobre a riqueza arqueolóxica de San Xián. As Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio desta parroquia organizadas pola Asociación Monte Pituco e a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo completaranse o sábado cunha andaina.

A Asociación Monte Pituco e a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organizan unhas “Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián” que comezarán este venres día 24 cunha barferencia ás 19:30 horas na Adega A Capeleira de Marín (rúa do Forno, 23) a cargo do experto en patrimonio, investigador e divulgador Antonio Costa.
As Xornadas continuarán o sábado 25 cunha andaina que sairá ás 10:00 horas dende o adro da igrexa de San Xián, percorrendo os lugares de A Carrasca, Champás, o rego de Castiñeiras e Pelagartos, para finalizar sobre as 14:00 horas no punto de inicio da ruta.

O obxectivo destas Xornadas é dar a coñecer o importante e variado patrimonio cultural e arqueolóxico de San Xián, que vai dende o Neolítico ata a Era Moderna. Tamén pretenden concienciar a veciñanza sobre a riqueza desta parroquia como unha das zonas con maior densidade e diversidade de petróglifos prehistóricos non só do Concello de Marín, senón da península do Morrazo. Ademais, reivindican a posta en valor dos conxuntos rupestre da Carrasca e de Champás, para que formen parte da necesaria conexión co corredor ambiental e cultural entre o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños e o Lago de Castiñeiras.

Pode que che interese...