fbpx
Temporal no cabo Vilán, en Camariñas / fotocommunity

Coñece como foi unha das maiores traxedias marítimas de Galicia; o afundamento do Serpent (I)

Tempo de lectura: 6 min.

Un 10 de novembro de 1890 producíuse a gran traxedia do buque escola “Serpent” no corazón da Costa da Morte. Unha traxedia que aínda pervive na memoria das xentes da Costa da Morte e tamén na da Armada británica que, durante anos, por esas datas, lanzaba unhas salvas en honra aos soldados que pereceron nese naufraxio.

Tentarase reconstruír esta triste historia grazas ás informacións recollidas polo investigador de Camelle, Xosé Baña Hein, que relatou tódolos naufraxios nun gran libro como é “Costa de la Muerte” ademais de diversas crónicas na “Voz de Galicia” e no “Correo Galego” recollidas no libro “Camariñas, corazón da Costa da Morte”.

Para contar esta traxedia hai que situarse un bo día do 8 de novembro de 1890. Ás dúas da tarde zarpaba o buque inglés do porto de Plymouth e dirixíase á súa colonia de Serra Leona. O capitán do barco chamábase Harry L. Ross, un home moi experimentado da Mariña Real Inglesa, e con máis de vinte anos de servizo á Coroa de Inglaterra. O cargo de segundo exercíao un tenente de navío chamado Mr. Guy Grenville, e como oficiais estaban Mr. Richards e Mr. Torquil Macleod. Como xefe de máquinas ía Mr. Robins e o médico era o Doutor Rae.

O cruceiro HSM Serpent, afundido en Punta do Boi, Camariñas, en 1890

O gran día da traxedia

Unha terrible noite do 10 de novembro de 1890, dous días despois de zarpar de Plymouth, o Serpent ía con rumbo ó Cabo Fisterra, a través do chamado Corredor de Fisterra, por onde deben pasar tódolos barcos mercantes e de pracer que se dirixen a Africa ou ao Mediterráneo. Pois ben, esa noite, marcada por uns fortísimos ventos do Oeste e un mar embravecido, navegaba o cruceiro-torpedeiro a media máquina. Era tanta a forza do vento e das ondas que o buque foi levado á costa batendo contra unhas pedras chamadas “Os Baixos do Boi”.

Mapa cos puntos máis importantes da costa onde se afundiu o Serpent

Dende alí teríase que ver o faro Vilán antigo, pero non era así. Dende esa posición, o antigo faro tan só emitía unha escasa luz, e esa noite nin sequera se vía o reflexo dese fráxil luceiro polo temporal. Por que tan pouca luz dende esa posición?… O antigo faro tiña un promontorio rochoso no cal está o novo faro. Esta mole rochosa impedía o reflexo da luz que proxectaba, e aínda que se dinamitou a montaña e logo se elevou o faro todo sería inútil pois era un promontorio grande e moi rochoso polo tanto a luz non traspasaba e os barcos tiñan un punto morto ó pasar pola zona noroeste do cabo.

No Serpent, ás once da noite do día dez, deuse a alarma ó impactar nas rochas. No buque, o capitán mandara a toda a tripulación subir a cuberta para organiza-lo salvamento. Na escasa hora que estivo a frote o barco, e en relativo bo estado aínda, o capitán mandou o lanzamento de cabos polo canón lanza-cabos, pero foi inútil, estes rompían como finos fíos de encaixe contra as afiadas rochas batidas ferozmente polo mar e a escuma. Mandouse ir para os botes, pero os golpes de mar varrían sen discriminación todo o que había na cuberta do barco. Pronto o capitán berrou o ¡sálvese quen poida! e ¡abandonen o barco!, namentres o mar xa se tragara a maior parte da tripulación, incluído o capitán e oficiais.

Nesa terrible noite estábase materializando a catástrofe máis grande de toda a Costa da Morte. A escura noite e o embravecido temporal, parecía pedir como antigamente o sacrificio humano. Só se oían berros de angustia, berros por querer salvarse desesperadamente.

Os corpos chocaban entre si e contra o desfeito e case afundido buque escola Serpent. Pero, por verdadeiro milagre, ou porque o mar xa se cobraría o seu tributo, tirou á praia do Trece, bastantes malferidos, pero con vida a tres mariñeiros que tiñan como apelidos Bourton, Gould e Luxon.

Dos 175 tripulantes do barco tan só se salvarían estes tres e aos 172 restantes foinos tirando o mar xa cadáveres en días vindeiros. O Serpent xa desarbolado e partido en dous, quedaría sepultado para sempre. Os sobrevivintes deambularon terra adentro na escura e fría noite na que chegaron á parroquia de Xaviña. Ó mencer, as xentes xa enteradas do caso, movilizáronse rapidamente e foron en busca de máis superviventes, pero Praia Trece parecía un inferno, un campo de batalla. As xentes de Xaviña déronlles pan de broa, roupas e moitas frases de ánimo.

Marjiñeiros e oficiais do Serpent

O párroco de Xaviña, o señor Carrera Fábregas, mobilizou a tódolos veciños para cumprir a cristiá misión de rescata-los sucesivos cadáveres que ían aparecendo ao longo dos vindeiros días e del diríase que “fixera gran honra ó cargo que ostentaba”. A súa actitude contrastou coa do seu colega de Camariñas, que mereceu a repulsa de todo o mundo.

A traxedia coñécese no mundo

O 16 de novembro de 1890, a prensa londinense daba eco da traxedia e criticaba duramente ó ministro da mariña inglesa. Dito ministro estaba presidindo unha cea política cando recibiu un terrible telegrama coa noticia do naufraxio do Serpent, buque escola da Mariña Británica. O xefe do goberno cunha pasmosa indiferenza, leu a noticia aos comensais e, segundo a prensa inglesa o discurso que pronunciou despois de le-lo telegrama aos asistentes estaba cheo de salpicaduras cómicas, como se nada ocorrese.

O día 13, a Mariña Británica mandou zarpar ó canoneiro “Lapwing” cara ó lugar do naufraxio, que esperou ata a mañá do venres a orde da autoridade eclesiástica para que se fixese o levantamento do cemiterio onde están soterradas as vítimas e que hoxe se coñece como cemiterio dos ingleses. Ese mesmo día a Armada Española mandou dende Vigo á canoneira “Mac-Mahon”, da división de gardacostas. Tamén saíu dende Ferrol o remolcador “Belos” de pavillón Danés, para recolle-los náufragos, pero ó final non chegou a tempo posto que xa estaba a canoneira inglesa no lugar.

Unha vez oficiada a cerimonia, a dotación do Lapwing asistiu ós funerais e, acto seguido arbolou o pavillón español á honra da cal faría unha salva de artillería como demostración de gratitude ás autoridades e pobos da zona camariñá polos seus humanitarios servicios e coidados aos náufragos.

Ilustración do Iris Hull, tamén afundido nos Baixos do Boi, coma o Serpent

Pero, ó principio, existiu o temor de que a autoridade eclesiástica demorara a resolución, xa que o párroco de Camariñas mostrou o seu desacordo co de Xaviña por dedicar oracións, funerais e enterro a todos sen discriminación, argumentando que só había sesenta e tres católicos. Esta actitude foi moi censurada por todos, incluída a prensa. Os tres sobrevivintes foron embarcados no Lapwing e despois pasarían ó transporte “Tyne” que os levou a Inglaterra.

Mandouse pecha-lo cemiterio, fronte o cal, os primeiros anos, o almirante inglés ordenaba tirar unha coroa de flores a un barco da Armada mandado adrede a Camariñas. Durante moitos anos despois, ata o comezo da Segunda Guerra Mundial, un barco inglés da mariña de guerra pasaba fronte a Praia Trece e disparaba as salvas de ordenanza como mostra de gratitude polo comportamento exemplar do señor cura de Xaviña, dos pobos de Xaviña e Camariñas e do alcalde. Tamén o almirantado envioulle uns agasallos. Para o señor cura, unha escopeta, na culata da cal podíase ler: “The Lord Commisioner of the British Almiralty”, para o alcalde, o entón don Vicente Pérez, un reloxio de ouro e para o concello, un magnífico barómetro. Este aínda se pode ver hoxe na parede dunha casa preto do peirao.

Isto foi o que aconteceu neses tristes días de hai 127 anos, pero, ¿cómo se viviu na prensa e demais organismos?. Na seguinte reportaxe daremos conta da segunda parte da historia.

Escrito por

Divulgador

Pode que che interese...