Restos das termas romanas no Balneario de Lugo / terrasdaauga

Desenvolven unha ferramenta tecnolóxica para unir catro xacementos romanos vinculados á auga e á saúde

A Facultade de Historia do campus de Ourense e a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación do campus de Vigo participan con outros dez socios no proxecto europeo CrossCult. Nel, investigadores e investigadoras da área TIC, das ciencias sociais e as humanidades únense para, aproveitando a tecnoloxía da web semántica, fomentar a reutilización de contido dixital que xa existe para diseminar a cultura e a historia.

E neste proxecto, alumnado da Facultade de Historia colaboran pondo a proba a primeira versión da aplicación que se está creando na Universidade de Vigo no marco deste proxecto, que conta con financiamento do programa H2020 da Unión Europea.

Segundo explican no Duvi, Silvia González e Susana Reboreda, investigadoras do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio Geaat, o traballo da Universidade de Vigo en CrossCult céntrase na realización dun dos catro pilotos que está previsto desenvolver para divulgar contidos humanísticos. “No noso caso, o obxectivo é crear unha aplicación que conecte diferentes enclaves arqueolóxicos europeos de época romana vinculados á auga e á saúde, concretamente o Balneario de Lugo; o Balneario de Chaves, en Portugal; Montegrotto Terme, en Italia, e o Santuario de Epidauro, en Grecia”, explica Silvia González.

A ferramenta sobre a que traballa o equipo da Universidade de Vigo que participa no proxecto, liderado por Martín López Nores, quere, indica Silvia González, ofrecer aos visitantes de cada un deste enclaves información específica sobre el pero tamén información que o vincule cos outros enclaves citados, facendo fincapé “no moito que une á cultura europea”. A finalidade última, sinala a investigadora, é acadar que a información sobre cada xacemento chegue ao maior número de xente e do xeito máis ameno posible”.

Ilustración didáctica de como era unha terma romana

Entreter e ensinar

Con este obxectivo en mente, e feito o primeiro bosquexo da ferramenta, este mes alumnado da Facultade de Historia do campus de Ourense está colaborando no proxecto probando a primeira versión da aplicación nos dous xacementos que son próximos xeograficamente, como son o de Lugo e o de Chaves. Se hai uns días, alumnado do centro acudiu ao balneario lucense para coñecer a súa historia e probar in situ a ferramenta, este venres fará o mesmo no Balneario de Chaves, en Portugal.

As visitas permiten ao alumnado participante coñecer o pasado romano e termal destes enclaves e posteriormente probar a aplicación e a súa utilidade en base ao coñecemento adquirido. A aplicación sometida a proba busca a través dun xogo, de preguntas e respostas e de enlaces que os seus usuarios “se entreteñan ao mesmo tempo que aprenden sobre o pasado”, tal e como sinala González.

Estudantes de Historia de Ourense interactúan cunha aplicación sobre termas e baños romanos / Duvi

“Hai moito traballo que facer pero queriamos contar coa opinión de persoas que, como é o caso do alumnado da Facultade de Historia, no futuro se van a dedicar á historia, ao ensino e á súa divulgación. Queremos coñecer a súa valoración de como este tipo de dispositivos e contidos poden facer máis factible o seu traballo no futuro”, comenta a investigadora do Geaat. As valoracións e achegas recibidas por parte dos estudantes, sinala González, “permitirannos ir mellorando a aplicación a medida que a vamos construíndo, contribuíndo ao noso obxectivo de facela o máis atractiva e fácil de manexar posible”. Dada a importancia desta retroalimentación, a investigadora salienta como é posible que, unha vez estea máis avanzado o deseño da aplicación, esta se probe con público xeral para comprobar a súa eficacia antes de pechar o seu deseño e contidos.

Alén de coñecer o Balneario de Chaves e de probar a aplicación, o alumnado do campus de Ourense que participará o venres na visita á cidade lusa tamén aproveitará o desprazamento para achegarse ao “rico pasado romano” deste enclave e á súa vinculación coa auga, e máis concretamente co termalismo, temáticas de especial interese tendo en conta a súa área de formación nun campus especializado na auga como é o campus de Ourense.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: