As plantacións de eucaliptos son un dos maiores perigos aos que se enfronta o megalitismo galego / inter.rev.foroactivo.com
As plantacións de eucaliptos son un dos maiores perigos aos que se enfronta o megalitismo galego / inter.rev.foroactivo.com

A “destrución masiva” que a eucaliptización está provocando no patrimonio galego chega a Bruxelas

Un total de 34 persoas pertencentes a 18 colectivos diferentes de defensa do patrimonio cultural, arqueolóxico e natural, ecoloxistas, arte rupestre e montes viaxarán até Bruxelas os días 6 e 7 de decembro para denunciar no ente comunitario a situación de ameaza que está a provocar o monocultivo de eucalipto na nosa terra.

“Queremos informar á UE e denunciar alí o que non está facendo a Xunta aquí para protexer o patrimonio”, suliñou Manuel Miranda Ruíz, presidente de Mariña Patrimonio, que estará nesa comitiva. “A Xunta está mirando para outro lado e está incumprindo o seu deber, tamén moral, de protexer o patrimonio, atendendo aos intereses dunha industria celulosa totalmente insensible e irresponsable”, afirmou. “Os xacementos arqueolóxicos están protexidos pola lei e non se poden danar para plantar eucaliptos nin outras árbores. Polo tanto, a Xunta debe actuar e facer cumprir a lei, algo que non fai”, denunciou.

Esta iniciativa está promovida pola eurodeputada galega Lídia Senra cunha serie de actividades encamiñadas a internacionalizar no Parlamento Europeo a problemática de eucaliptización que sofre o patrimonio galego. Nunha rolda de prensa coa eurodeputada de AGE, Miranda acusou á industria celulosa do eucalipto de estar provocando unha “destrución masiva” do patrimonio arqueolóxico, “como demostran os centos de denuncias presentadas nos últimos anos” e tendo en conta que “só se denuncia unha pequena parte do total de agresións”.

O castro de Viladonga rodeado de eucaliptos / Arte, cultura y viajes - WordPress.com

O castro de Viladonga rodeado de eucaliptos / Arte, cultura y viajes – WordPress.com

“Desleixo e complicidade”

Para o representante de Mariña Patrimonio, a relación entre a Xunta e a industria celulosa é “como mínimo de corrupción, desleixo e complicidade”. “A sociedade ten claro que a Xunta non actúa na defensa do patrimonio porque hai intereses comúns coa industria celulosa. Din que hai que plantar eucaliptos porque esa industria é moi rendible. Se é así, deberían empregar parte desa rendibilidade en protexer os xacementos arqueolóxicos e non en destruílos”, argumentou.

Ante esta situación, defendeu que “non queda outro remedio que a sociedade civil, as asociacións, actuemos”. “Estamos seguros de que podemos atallar esta desfeita. Hai que esixirlle á Xunta e á industria que cumpran as leis autonómicas, estatais e europeas. Tócanos denunciar publicamente a industria do eucaliptos e explicarlles aos consumidores europeos que estamos ante unha industria que destrúe boa parte do patrimonio europeo”, insistiu.

“Esta visita é oportuna para contribuír a visibilizar na UE o que pasa na Galiza”, dixo pola súa banda Lídia Senra sobre o gran problema que está provocando a masiva plantación de eucaliptos en gran parte dos montes do país. Así, Senra reclamou que esta especiesexa declarado como especie exótica invasora e criticou a resistencia que está poñendo o Estado español no marco do Convenio de Berna do Consello de Europa, en conivencia coa industria forestal, para que esto sexa posible.

Surcos nos que se plantaron eucaliptos nun campo de mámoas no Carrio / Antonio Presas

Varias asociacións

No grupo de persoas que se desprazarán a Bruxelas para participar desta iniciativa, haberá membros do Sindicato Labrego Galego, do SOS Arte Rupestre Galega, da Sociedade Antropolóxica Galega, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcedo, do Colado do Vento, de Cousa de Raíces, da Asociación para o Fomento do Deseño Sostible Kunterbunt, de Adega, da Asociación Nordés, da Asociación [email protected] de historiadegalicia, do colectivo A Rula, da Asociación Mariña Patrimonio, da Asociación Cultural Irmandade de Santo Estevo, de Amigos do Patrimonio de Castroverde, de Anova Terra, Umia Vivo, Irmandade Illa de Tambo e do Colectivo da Defensa do Patrimonio A Forneiriña.

Durante a visita ao Parlamento Europeo, a delegación galega reunirase con representantes da Comisión Europea competentes na materia para explicarlles a situación que se está a vivir na Galiza, e tamén con eurodeputados doutros países, especialmente alemáns, xa que a maior parte da produción de Ence é exportada. Concretamente, un 23% vai para Alemaña, un 16% vai para Italia, e só o 5% queda no Estado español.

Tamén se levarán a cabo unha serie de coloquios centrados na “destrución do patrimonio galego por parte do sector industrial madeireiro”, “o desleixo da Xunta de Galiza co patrimonio cultural galego e a problemática dos incendios” e “artellando solucións para protexer o patrimonio fronte á eucaliptización”.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: