Torres da catedral de Santiago no lusco e fusco / turismodecompostela.com

O enigmático castelo de Busto-Madriñán, desde onde os mouros bombardeaban Compostela

A Serra do Carrio non para de dar sorpresas. Este fermoso espazo natural merece un fondo estudo do seu patrimonio. Hai unha semana HdG daba conta de dúas grandes estruturas circulares que se atopan moi preto unha da outra.  E hai uns días de como unha nova plantación de eucaliptos estaba poñendo en perigo un campo de nove mámoas. Desta volta, a Serra do Carrio é a protagonista dunha nova historia para o noso patrimonio.

E que na súa ladeira occidental, e a unha altura de 715 metros sobre o nivel do mar, atópase o castrelo de Busto-Madriñán. En realidade tratase dos restos dunha fortaleza medieval formada por un espazo superior no que se atopan pedras de cachotería granítica “careadas” correspondentes a unha construcción de base seguramente cadrada, seguida dun recinto adosado, e restos dun posible muro exterior, situado a un nivel máis baixo, que o pechaba.

Vista dos restos do Castelo de Busto Madriñán / Patrimoniogalego

Esta fortaleza, ou torre de control, aparece posiblemente referenciada, segundo as investigacións efectuadas por Francisco Rubia, nun documento de comezos do século XVII pero, pese a esa constancia non existen referencias bibliográficas coñecidas, algo que non sucede a nivel popular entre os veciños de Busto e Madriñán.

Castrelo Grande e Castrelo Pequeno

Para os habitantes destas dúas parroquias do concello de Lalín, esta formación rochosa, aproveitada para ubicar nela unha fortaleza, recibe o nome de “Castrelo Pequeno de Busto ou Madriñán”, por estar no límite das referidas parroquias. Moi cerca do Castrelo Pequeno, a uns uns 300 metros de distancia en liña recta en dirección NNL, atópase o “Castrelo Grande”, unha formación rochosa acastelada (“castle koppies” ou “tor”) non ocupada con construccións defensivas de época medieval.

Na actualidade o Castrelo Pequeno está ocupado por unha densa vexetación formada por toxos e xestas que impiden unha observación directa das estructuras constructivas existentes pero, no ano 2006, un forte incendio puxo ao descuberto as referidas estructuras e mesmamente algúns restos de caracter arqueolóxico, como tellas curvas de barro e algúns anacos de cerámica. Segundo teñan manifestado algúns veciños de Busto, en ocasións teñen aparecido moedas moi deterioradas tipo “dos vellos patacóns de cobre que había antes das pesetas de Franco”.

Restos de muro no castelo de Busto Madriñán /Patrimonio Galego

Lendas de mouros e Santiago

Nas rochas que se atopan arredor do Castrelo Pequeno teñen aparecido diferentes tipos de grabados, tanto prehistóricos como recentes. Entre os prehistóricos figuran varias coviñas marcadas nun penedo polo lado Sur e entre os recentes aparecen cruces sobre pedestal (cruceiros) e nomes de persoas. Estes últimos posiblemente teñan relación co delimitación dos montes veciñais de Madriñán e Busto.

Aínda que non hai referencias bibliográficas, si existen numerosas lendas relacionadas coa ocupación deste lugar. Lendas que nos leva ao período medieval e á época da Reconquista. Segundo esta lenda os cristiáns, co apóstolo Santiago ao frente, tiñan colocado un potente canón na fortaleza do Castrelo de Busto-Madriñán e desde este lugar bombardeaban a cidade de Santiago de Compostela. Co apoio deste canón puideron asaltar a cidade e botar fóra aos infieis (non critiáns), é decir, aos “mouros”. Despois diso o castelo mantívose ocupado por moito tempo, ata o seu abandono definitivo por atoparse nun lugar alonxado.

A escasa distancia do Castrelo atópase un manantial de auga restaurado na década dos anos 90 polo vecindario de Madriñán. Este manantial debeu ser utilizado durante o período de ocupación do Castrelo polos seus habitantes.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Investigador e divulgador

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: