fbpx
Castro de Chandebrito | Foto 1.1 Fotografia
Castro de Chandebrito tras os lumes de 2017

Escoita o fermoso himno do Nunca Máis aos lumes que queiman o noso patrimonio

Tempo de lectura: < 1 min.

O FB do Coro Tradicional Cantares do Brión, do Centro Cultural de Vincios, publicou un fermosisimo e emotivo vídeo que é un canto ao que nunca máis pode acontecer co noso patrimonio natural; que se queime.

Este coro, que é dunha das zonas máis afectadas pola vaga de lumes deste outubro, musica unha poesía de Manuel María, Poemas ao Outono, que acompaña coa imaxe dos montes queimados de Galicia, pero tamén das tarefas de recuperación.

O Coro Cantares do Brión constituíuse formalmente en marzo de 2010. Recoñécese continuador dos coros tradicionais que a finais do século XIX e comezos do XX resultaron fundamentais para o rexurdimento da cultura galega. Entre os seus propósitos principais, segundo apunta a súa web, “está a interpretación, divulgación e restitución da música coral tradicional galega con acompañamento instrumental, así como o uso e divulgación do traxe tradicional”.

Asumen aquelas palabras que Valentín Paz Andrade colocou no seu libro Galicia como tarefa: “Témo-la obriga de manter a tradición cultural recibida, anovándoa e actualizándoa; de engrosar o seu caudal coas nosas voces, coa parcela de verdade por nós conquistada, co recendo do noso tempo… para transmitilo todo aos nosos fillos.”

Baixo a dirección de Pablo Rial Salgueiro e presidido por Xosé Manuel García Crego, o Coro Tradicional Cantares do Brión está integrado na actualidade por 65 persoas, a maioría delas do Val Miñor, fundamentalmente da parroquia de Vincios, pero tamén doutras comarcas como O Condado, Baixo Miño, Pontevedra ou Vigo.

No seu repertorio de pezas tradicionais e de autor destacan as pandeiradas, foliadas, maneos, muiñeiras e alalás.

Pode que che interese...