fbpx
Representación de trobadores medievais, un cristiano e o outro mouro.

Como foi redescuberto o gran Martin Codax: do “trovero de playa monótono” ao “vigués máis universal”

Tempo de lectura: 5 min.

Sete séculos tivo que agardar Martin Codax para que a súa figura e a súa obra tivesen difusión a través dos xornais e dos libros, concretamente ata o 7 de xuño de 1876, cando o escritor vigués Teodosio Vesteiro Torres publicou no xornal ourensán El Heraldo Gallego a primeira noticia que daba conta do achado dun poeta do medievo, cuxo tema central era a ría de Vigo. O traballo de Vesteiro Torres viu a luz meses despois de que Ernesto Monaci editara o Cancioneiro da Biblioteca Vaticana e un exemplar deste chegase, ben a Biblioteca Nacional, ben a mans dalgún particular, relacionado cun círculo de persoas cultas radicadas en Madrid, onde, desde 1871, estaba Vesteiro Torres, sempre moi atento a todas as novidades bibliográficas, en especial ás relacionadas coa súa terra.

“Pese a ser un gran vigués, non elixiu ningún dos dous principais xornais da cidade Faro de Vigo e La Concordia, para ofrecer a noticia do achado. Publicouno nun xornal ourensán de periodicidade semanal- en realidade unha revista literaria- El Heraldo Gallego, creado en 1873 por Valentín Lamas Carbajal,”, explicou o cronista oficial de Vigo, Ceferino de Blas, na conferencia que o pasado xoves ofreceu no ciclo Os Xoves do Vindel, na que abordou a divulgación que os xornais realizaron da figura de Martin Codax e das súas cantigas.

De Blas, que foi presentado pola catedrática emérita da Universidade de Vigo Camiño Noia, comezou a súa intervención contextualizando o momento histórico do descubrimento das cantigas de Martin Codax no último cuarto do século XIX, no que o nivel cultural da poboación era escaso e abundada o analfabetismo, “premisa que explica que só accedesen a esa información persoas concretas, e que interesase de forma especial ás máis concernidas”, sinalou De Blas al e como recolle o xornal da Universidade de Vigo. Tras destacar que o achado da obra do trobador vigués unicamente tivo eco nos xornais galegos, mentres os nacionais obviaron a existencia da lírica galego-portugesa e das cantigas de Codax, o ex director de Faro de Vigo personalizou nos escritores Vesteiro Torres, Rodríguez Elías e Álvarez Blázquez e no arqueólogo Oviedo y Arce, o mérito da difusión entre a sociedade galega da figura do autor das sete cantigas de amigo, das que seis teñen notación musical.

Pergamiño Vindel, obra de Martin Códax / DUVI

Vesteiro Torres, o primeiro en atribuír orixe viguesa a Martin Codax

O seu suicidio cinco días despois da aparición do seu traballo en El Heraldo Gallego, impediu a Vesteiro Torres publicar nada máis en vida sobre Martin Codax e a súa obra. Non obstante, os seus curmáns, a escritora coruñesa Emilia Calé e o seu home Lorenzo Quinteiro, recompilaron os traballos do finado e entregáronos á imprenta do xornal La Concordia, que publicou un volume, reeditado polo Instituto de Estudios Vigueses, no que Vesteiro “con cautela intelectual, atribúe a Codax orixe viguesa”, destacou Ceferino de Blas, que tamén lembrou a doazón, que en vida realizou o escritor, dun exemplar dun Cancioneiro da Biblioteca Vaticana de Monaci á Biblioteca Xeral da Universidade de Santiago.

Salvo polas páxinas que na súa obra Historia de Vigo y comarca, editada en Madrid en 1896, dedica o historiador vigués José de Santiago y Gómez á literatura medieval galaico-portuguesa, o nome de Martin Codax esvaeceuse da prensa ata 1913.

Oviedo y Arce e o achado do Pergamiño Vindel

Foi o arqueólogo Eladio Oviedo y Arce quen, en outubro de 1913, primeiro no xornal compostelano Eco de Galicia e días despois no Diario de Galicia, coa publicación do artigo De Santiago a Vigo, rescata a Martin Codax do esquecemento. Entre 1916 e 1917 Oviedo y Arce publicou, en tres capítulos, no Boletín da Real Academia Galega o traballo El genuino Martin Codax, trovador gallego del siglo XIII, no que refire o achado por parte do libreiro madrileño Pedro Vindel, en 1914, do pergamiño que contén as cantigas de Codax. “Con notable experiencia, Pedro Vindel, intuíu que atopara algo especial. Por fortuna aínda vivía o pontevedrés Víctor Said Armesto, o mellor especialista en literatura medieval, a quen consultou e resolveu dúbidas: era a música das trobas de Martin Codax”, destacou De Blas, que lembrou que unha das versións facsímil de tirada reducida do pergamiño que editou Vindel é propiedade a biblioteca da Escola de Artes e Oficios de Vigo.

Museo do Mar, en Vigo, onde estará custodiado o pergamiño Vindel / DUVI

Faro de Vigo e Rodríguez Elías achegando a Martín Codax á sociedade viguesa

“Os vigueses len por primeira vez o nome Martin Codax en 1917. Dá a noticia o redactor do Faro Avelino Rodríguez Elías, nun artigo que aparece no centro da portada co título Martin Codax. Una gloria viguesa”, detallou Ceferino de Blas na súa intervención, na que lembrou que Rodríguez Elías xa propuxera daquela que “os anacos do pergamiño que hoxe posúe o señor Vindel e que contén o xenuíno Martin Codax, deberan, cremos nós, vir á posesión de Vigo, para aquí gardalos e conservalos. Adquiramos o xenuíno Codax recentemente descuberto e teremos un verdadeiro monumento que moitos sabios virán a estudar”, suxería o escritor.

Tras enumerar outras referencias publicadas na prensa da época sobre Martin Codax, Ceferino De Blas referiuse á polémica suscitada, no ano 1920, pola concesión, por parte do pleno do Concello de Vigo, dunha rúa ao trobador vigués. A proposta de Rodríguez Elías recibiu forte contestación por parte do xornalista de Faro de Vigo Pío Lino Cuiñas, o máis popular columnista vigués da época. “Este Codax, se cremos aos que andan sacudindo o po dos arquivos, viviu hai oito séculos e foi un trovero de praia repetidor e monótono, que non fixo outra cousa que meter e sacar o laúde a modo de sonda nas ondas do mar de Vigo”, refería Lino Cuiñas, que desexaba que lle fose outorgada unha rúa a Vesteiro Torres, ao tempo que consideraba a Codax un poeta menor.

Cotarelo Valledor, José Signo, Alfredo García, Carballo Calero e Manuel Lustres foron outros xornalistas citados por Ceferino Blas polas súas contribucións á divulgación de Martin Codax, que se frea no período posterior á guerra civil, para volver a rexurdir na década de 1950 da man de José María Álvarez Blázquez.
Álvarez Blázquez, o rexurdimento e consolidación

“A de 1950 foi a década de Álvarez Blázquez, empeñado en consagrar a cidade a Martin Codax, a quen cualifica como ‘o vigués máis universal de todos os tempos’. A través dun exhaustivo repaso a noticias publicadas por Faro de Vigo, De Blas deu conta doutras accións do escritor a prol da difusión da figura do trobador, en especial a elaboración da biografía Martin Codax, cantor del mar de Vigo, que lle valeu o premio da Asociación de la Prensa de Vigo e da solicitude de que se erixise un monumento, algo que non ocorreu ata 1967, ano desde o que e alza no castelo de O Castro unha estatua do trobador, que xunto a Medinho e Xoha de Cangas foi o protagonista do Día das Letras Galegas de 1998.

Pode que che interese...