Ilustración dunha lexión romana / Enric Marini

Na procura das pegadas de Xulio César en Galicia: A batalla contra os herminios

Julio E. Villarino Espino, investigador e divulgador

Durante anos díxose que Xulio César estivo en Galicia e chegou a Brigantium. Unha historia que relatan algúns libros de historia. Pero, existiu realmente esa expedición?. A fonte destes feitos foi Dion Casio quen no século segundo da nosa era escribiu unha completa historia romana onde se menciona a campaña, previa ao seu primeiro consulado, dun Xulio César que aínda non era a fulgurante figura que fundaría o Imperio Romano. A fonte primixenia desta narración foron outras narracións máis someras como as de Suetonio (do S I DC), que tivo acceso directo á correspondencia tanto de César como de Augusto, como secretario ab epistulis deste último.

Destas dúas fontes principais beben numerosos textos do século XVIII que probablemente entroncan con textos medievais que rescatan aos autores latinos e que elevan a categoría da campaña de César. Podemos falar do texto do 1700 de Juan Ferreras “Sinopsis histórica cronológica de España”, do texto do 1759 de Francisco Javier Manuel de la Huerta y Vega “Anales del Reyno de Galicia” (1º Tomo) ou da “Historia Sagrada de España” publicada por Enrique Florez en 1782.

Precursores do movemento do romanticismo galego, onde os autores galegos tomaron a historia de Xulio César en Galicia e engrandeceron a xesta coma nos textos de Herminio Ramos (historiador local de Baiona) no 1925 ou José Verea e Aguiar no 1932. Ambos autores son os principais inspiradores do texto mais completo publicado por José María Álvarez Blázquez para estructurar a narración da campaña de Xulio César en Baiona, nas súas obras “La ciudad y los días” e “Historia de la España Romana” que marcarán a pauta para os escritores modernos do final do século XX.

A campaña de Julio César por Galicia foi relativamente sombreada dende a década dos noventa e permaneceu case no esquencemento durante moitos anos ata que no ano 2016 a conferencia da Universidade de Vigo “IV Ciclo de Conferencias Baiona Cultural” e o artículo publicado na revista Historia 2.0 “Julio César en Galicia” reavivaron a polémica pola realidade desta campaña e o seu rigor histórico.

Vía per loca maritima

Textos latinos

Tendo presente que a fonte mais antiga tivo acceso a documentación directa (Suetonio) e Dion Casio non se afasta tanto no tempo de fontes moi próximas á personaxe, os argumentos en contra desta campaña deberan refutar as narracións dos autores romanos, en vez de tratar de anular os textos contemporáneos. Os autores latinos falan dunha gobernación ou prefectura de Xulio César no ano 61 AC, que sae da capital para afastarse dos múltiples problemas que acosan ao patricio romano neses momentos; as enormes débedas cos prestamistas, o malévolo escándalo da infidelidade da súa muller, ou o rumor da súa participación nun fallido golpe de estado contra a República.

Xulio César poría terra de por medio e partiría cara a Hispania, e pronto buscaría unha campaña militar que elevase o seu prestixio militar e lle permitira sufragar unha campaña política en Roma. Por iso non é difícil pensar que ante as noticias de que algunhas tribus lusitanas violaran os tratados de paz, César convocara ás súas tropas hispanas para unha acción punitiva.

Depósitos de machados e outros obxectos / González Ruibal

Lusitania ou Gallaecia?

Curiosamente, unha das principais polémicas radica na situación xeográfica desta campaña e non na súa veracidade. Suetonio fala dunha campaña para castigar aos pobos lusitanos, pero non concreta as localizacións. Dion Casio entra en mais detalles, detallando un gran río que atravesarían os pobos rebeldes na súa fuxida (posiblemente o Douro ou o Miño) e as illas en que se refuxiarían ao norte da provincia. Ao final o punto máis polémico é a batalla entre historiadores portugueses e galegos por facerse coa localización da campaña.

O caso é que César, decidido a castigar aos lusitanos rebeldes que arrasaran as aldeas de tribos aliadas, perseguiu tras derrotar aos pobos levantiscos, denominados “Herminios” (Seguramente polo seu orixe, no Monte Herminio sito na Serra da Estrela, no macizo noreste de Portugal) atravesando as chairas portuguesas ata chegar á actual comarca de Vigo.

Herminio Ramos, sempre localista, sitúa a contenda en Baiona e mesmo trata de poñer data en agosto do ano 60 AC, arriscando quizáis de máis da conta nas súas prediccións. O certo é que a situación do arquipélago que Dion Casio menciona na súa narración coinciden coas Cíes mellor que outros emplazamentos que poideran propoñerse (Como a illa de Peniche, ou as portuguesas illas Berlengas), e os autores posteriores deron por bo o emprazamento, ainda que adobiando con agarimo pouco rigoroso a narrativa lendaria, ata facela case épica. Ponse nome ao centurion que puxo pe en terra na primeira intentona dos romanos no seu asalto ás illas, fálase dunha flota guerreira que dende Cadiz poidera por rumbo ao norte para asaltar as illas, e ponse case que día e hora ao asalto definitivo, entre o 24 e o 25 de agosto dese ano 60 AC.

Atinxíndonos aos textos orixinais, a victoria merecería unha cerimonia de triunfo para César, ao seu retorno a Roma, co cal teríamos que falar dunha campaña con máis de cinco mil inimigos abatidos. Curiosamente, o dilema que se lle plantexou a César no seu retorno á urbe, tendo que elexir entre disfrutar do seu ben gañado triunfo militar ou presentarse ao consulado político, é unha situación totalmente aceptada polos historiadores romanistas, e ninguén o pon en dúbida.

Campañas de Xulio César en Hispania

Onde tiveron lugar as batallas herminias?

Por tanto, parece claro que ninguén poría en controversia a existencia da campaña de César na Lusitania, e que ésta tivo certo tamaño, dada a victoria política que lle supuxo. Asemade, proponse que César encheu as súas maltreitas arcas na súa campaña. Por conseguinte, só o lugar de loita pode ser obxecto de debate.

Ao marxe das argumentacións que os autores modernos debaten, acerca da localización exacta da batalla e loitas herminias (Bellum Herminii), no que non se quere entrar en profundidade neste artigo, propoñemos outros aspectos que tamén poden sumar deitando luz no debate existente.

Esencialmente unha é a proba palmaria da presenza no Século I AC de romanos nas nosas costas, co descubremento dun anel republicano que luce nos museos de Vigo, atopado nas mesmas Illas Cies, que ademáis recolle restos anteriores de comercio fenicio e helenístico. O xefe de excavacións, José Manuel Jesús Hidalgo, non dubida en lamentar públicamente que no se fixeran excavacións en profundidade nos restos castrexos e romanos de Vigo e das illas, convencido que agochan interesantes indicios.

Falamos dunha comarca, a de Vigo, que recolle unha ruta comercial previa a gregos e fenicios, dende varios milenios antes de Cristo (Petroglifos de Augas do Cebros en Oia, investigacións de Costas Goberna e De la Peña Santos), ata aparecer coma a moi relevante Via Per Loca Maritima, reseñada no Itinerario Antonino no S III. A comarca de Vigo era un punto neurálxico e moi relevante das rutas ao norte, que confluían tamén en Brigantio (A Coruña), que moitos autores tamén vinculan co punto final desta campaña de César.

Vigo mesmo recollería algunha das colonias helenas das que fan gala tanto Pontevedra coma Tui ou Baiona nas súas orixes místicos e lendarios, e dos que se burlan autores coma Plinio, Asclepíades de Mirlea, Estrabón ou San Isidoro, por citar algunhas fontes.

Os novos avances da arqueoloxía mesmo solventarían algunhas das dúbidas que plantexan algúns escépticos. Por poñer un exemplo: Como se podería asentar un campamento romano de campaña, que requerían de moita extensión en planicie, nunha comarca irregular como é a do Val Miñor?. A resposta está nas novas investigacións arqueolóxicas (Manuel Gago, Rebeca Blanco, David González) que achan os castellum utilizados polas tropas romanas nas guerras cántabras de Octavio Augusto, e que mostran campamentos moito mais moderados, aproveitando fortificacións naturais, e por tanto moito mais difíciles de determinar e achar na actualidade.

Por conseguinte, cales son os argumentos en contra da teoría da campaña de César en Galicia?. Parecen vencidos case todos os argumentos salvo a inexistencia de restos, que pode ser suplida polas fontes directas da campaña (de novo Suetonio e Dion Casio) e a imposibilidade de achar restos arqueolóxicos que confirmen a campaña, Pero por un lado estes restos moi posiblemente serían confundidos ou reutilizados en campañas e actividade posterior, e por outro lado os restos da batalla case seguramente serían eliminados nunha zona de tanta actividade coma é a do sur da provincia de Pontevedra.

Illas Cíes / turismo.gal

Na procura de achados da época

Non obstante, antes de descartar a existencia arqueolóxica de restos, debera existir un rastrexo total e real de estructuras preexistentes, cousa que actualmente non é factible. Para mostra, máis da metade dos castros referenciados oficialmente son descubrimentos da última década, e os sistemas modernos permiten analizar zonas moito mais extensas e con maior probabilidade de éxito. Habería que plantear unha verdadera análise da zona, que seguro daría éxitos dado que existen indicios de posibles descubrimentos importantes coma unha mina nunha das illas Cíes que nos referencian Oscar Pazos (Aterraeo) e Gustavo Cabral Hermida (Mais que petroglifos), importantes xacementos na ría, baixo do mar (José Antonio Fernández Bouzas, director do parque Illas Atlánticas), ou notables decubrimentos urbanos de tempos romanos en Vigo que presupón no sustrato Manuel Santos (CSIC).

Todo isto propón unha maior veracidade desta campaña, que non foi social nin políticamente relevante para Galicia, pero que suporía sen embargo o punto de inflexión na vida de Xulio César, e por ende da historia occidental de Europa. Un orgullo histórico do que se tratan de facer deudores historiadores galegos e portugueses, cadanseu cos seus argumentos localistas. Pero parece certificada a campaña, e somentes un descubrimento arqueolóxico moi relevante poderá poñer fin a este longo debate de incertezas.

BIBLIOGRAFÍA:

  • Acuña castroviejo, Fernando. Vigo en su historia. 1980

  • Alonso Troncoso, Víctor. Primeras etapas en la conquista romana de Gallaecia. Artículo publicado en revista Militaria, Nº 8. 1996.

  • Álvarez Blázquez, José María. La ciudad y los días. Ed. Monterrey, 1960.

  • Blázquez, José maría y Tovar, Antonio.  Historia de la España romana. Alianza Editorial, 1975.

  • De la Huerta y Vega, Francisco Javier Manuel. Anales del Reyno de Galicia, Tomo 1º. 1759.

  • De Santiago y Gómez, José. Historia de Vigo y su comarca. 1989.

  • Dión, Casio. Historia romana.

  • Eslava galán, Juan. Grandes batallas de la historia de España. Ed. Planeta, 1994

  • Eslava galán, Juan.  Julio César, el hombre que pudo reinar. Ed. Planeta, 1995.

  • Ferreras, Juan. Sinopsis histórica cronológica de España. 1700.

  • Florez, Enrique. España sagrada, Tomo XIII. 1782.

  • García y Bellido, Antonio. España y los españoles hace dos mil años, según la geografía de Strabón. Espasa Calpe, 1968.

  • Mc Cullough, Colleen. Las mujeres de César. Ed. Planeta, 2007.

  • Muñón de Lara, Manuel, Tarradell, Miquel y Mangas, Julio, Historia de España I. Ed. Labor, 1980.

  • Ramos, Herminio. Crónicas históricas da vila de Baiona. 1925

  • Suetonio. Vida de César.

  • Torres Goberna, Javier. Los Herminios. Artículo en Celtiberia.net, 2007.

  • Verea y Aguiar, José. Historia de Galicia, 1º parte. 1832.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

  • Celso Alberte Magariños Costas

    O mapa da Via per loca maritima, non ten pes nin cabeza. Fai coincidir a ruta co trazado da VIA XIX, e localiza Brigantium con Arzúa, en fin, normal que non se recolla a fonte.

    • Julio Losada Garcia

      Fonte do mapa que comentas:

      AIIG/ICOIIG Jornada la Vía Romana XX. Miércoles, 25/10/2017 20:00 hrs.

      I.C.O. Ingenieros industriales. Delegación Vigo. Avda. Camelias, 2-Entlo. 36202 Vigo.

      César M. González Crespán.

      • Celso Alberte Magariños Costas

        Pois estes señores, polo que se ve, non teñen moita idea do asunto. Se localizamos Brigantium na Arzúa haberá que levar o Atlántico ata os pes do río Iso.

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: