Escavacións no castelo altomedieval de San Salvador dos Penedos, en Allariz / Duvi

Por que non se regula a profesión de arqueoloxía en Galicia?

Un numeroso grupo de arqueólogos e arqueólogas de Galicia acaba de sacar un manifesto reivindicativo da súa profesión. Un documento no que reclaman que se regularice polas administracións a súa actividade para “poñer un pouco de orde” na definición das titulacións universitarias antigas e recentes que son precisas para exercer a súa profesión e evitar o intrusismo profesional.

Tamén piden xa a creación dunha titulación de grao en Arqueoloxía nas universidades galegas, ben na de Santiago de Compostela, ou conxuntamente entre dúas ou tres universidades galegas. Esa titulación, din, é precisa por “dúas razóns esenciais”; porque o patrimonio arqueolóxico galego “é singular, específico e diferenciable doutros ámbitos culturais peninsulares e europeos” e porque “ten unha importancia esencial na configuración e identidade da cultura galega”.

O documento é apoiado por máis de 150 arqueólogos/as e dous colectivos profesionais (o de empresas de Arqueoloxía AEGA e o dos traballadores do ramo ATAGA). Entre os asinantes se atopan maioritariamente os profesionais do sector privado (autónomoss e asalariados de empresa); pero tamén outros e outras do público (profesores e investigadores universitarios, arqueólogos municipais, das Deputacións e da Xunta, arqueólogos de museos, etc).

“O profesional da arqueoloxía asume moitas e variadas responsabilidades científicas, xurídicas e sociais, do que moitas veces se esquecen os medios de comunicación”, apuntan.

Unhas das primeiras escavacións de Cidadela / flickr-Sindo Mosteiro

Este é o seu manifesto:

SOBRE A NECESIDADE DE DEFINIR O QUE É UN/UNHA PROFESIONAL DA ARQUEOLOXÍA

Ás persoas que nos dedicamos á arqueoloxía preocúpanos a falta de recoñecemento profesional que mostran algunhas institucións públicas e medios de comunicación social respecto do que é e se entende por “arqueólogo e arqueóloga” no mundo actual. Desgraciadamente resulta habitual que moitos medios de comunicación se refiran a determinadas manifestacións, achados ou denuncias feitas por “arqueólogos”, que non teñen a titulación de Arqueoloxía, nin están recoñecidos como tal polo mundo académico; normalmente son afeccionados á arqueoloxía que aínda tendo coñecementos na materia –moitos ou poucos- non son arqueólogos ou arqueólogas –no sentido profesional do termo-, nin teñen unha titulación universitaria. Outros, en cambio, que tamén se chaman ou son chamados arqueólogos/as, teñen titulacións universitarias, pero non de arqueoloxía, ou relacionadas con ela directamente. A un afeccionado ou entendido en arquitectura a prensa nos os denomina arquitectos, nin xuristas aos que practican debates sobre as normas xurídicas, sen ser licenciados en Dereito.

Toda esta confusión sobre quen se pode ou debe denominar arqueólogo ou arqueóloga, podería non ter maior transcendencia se non tivese ningunha vinculación coa responsabilidade derivada dun exercicio profesional; é dicir, se só acollese aos escritores sobre materia arqueolóxica –con carácter científico ou non-, ou ás persoas que tivesen unha afección pola arqueoloxía. Pero, chamarse arqueólogo ou arqueóloga, desde un punto de vista normativo, ten maior transcendencia e alcance xurídico, económico e social. Se un xulgado ten que chamar a un perito de arqueoloxía para declarar nun procedemento xudicial, a quen chama? A aquel aos que a prensa alcuma de arqueólogos/as sen ter unha titulación universitaria; ou ás tituladas e titulados universitarios en calquera materia que teñen coñecementos de arqueoloxía?, ou soamente aos titulados en Arqueoloxía ou equivalentes academicamente? Se alguén precisa dunha valoración económica sobre obxectos ou xacementos para esixir indemnizacións, sancións, ou recompensas, a quen debe acudir?

Quen pode facer unha valoración de danos sobre un xacemento arqueolóxico: calquera que diga que ten coñecementos en arqueoloxía, aínda que teña unha formación distinta? Quen pode realizar unha escavación arqueolóxica?

Unha escavación arqueolóxica non é repetible ou non se pode repoñer; todo o que non foi rexistrado queda destruído. Cando a Xunta de Galicia autoriza unha intervención arqueolóxica sobre un xacemento, debe ter garantías de que o actor é un profesional da arqueoloxía, que como mínimo ten formación teórica, técnica e histórica relacionada cos restos arqueolóxicos.

Que unha persoa teña unha titulación determinada que o habilite para un exercicio profesional concreto, non significa obviamente que sexa un bo profesional; pero, lle dá polo menos as garantías mínimas á sociedade de que non se trata dun intruso. Para exercer a medicina –a oficial, non as “alternativas- as Administracións públicas esixen unha titulación adecuada, e non permiten o intrusismo; non por gremialismo, senón para garantir aos cidadáns que o profesional ten coñecementos suficientes de medicina e está habilitado para o exercicio da medicina. Pois, o mesmo queremos os profesionais da arqueoloxía; nin máis, nin menos.

Aínda que tanto os xulgados como a Xunta de Galicia e o Estado –non tanto os concellos- teñen claro quen son as persoas que se dedican a arqueoloxía, falta aínda por fixar a profesión de arqueólogo e arqueóloga de maneira clara e precisa, e iso pasa, por un lado, pola creación de titulacións adecuadas nas universidades de Galicia –xa existen noutras comunidades autónomas ou estados europeos-, e polo recoñecemento profesional por parte dos órganos adecuados da Xunta e do Estado.

Por unha, banda, é precisa a definición clara por parte do Estado e da Xunta de Galicia do que se entende por arqueólogo ou arqueóloga, a efectos de clasificación profesional. Por outra, a necesidade de que dunha vez por todas se poña en práctica polas Administracións públicas, comezando pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, a esixencia de que ás persoas que queiran comezar a traballar como profesionais da arqueoloxía a partir de agora se lles requira necesariamente o título de grao en Arqueoloxía, por calquera universidade europea, con independencia da experiencia profesional que se determine para as intervencións arqueolóxicas de campo.

A ARQUEOLOXÍA PROFESIONAL NO SECTOR PRIVADO

Desde finais dos anos oitenta foise creando un sector de profesionais da arqueoloxía no ámbito privado, en relación coas obras públicas e privadas que están condicionadas pola realización dunha intervención arqueolóxica, seguindo a dinámica do que viña sucedendo noutros países da Europa occidental.

Na actualidade hai máis de 200 arqueólogos e arqueólogas traballando no sector privado do patrimonio arqueolóxico, constituídos en pequenas empresas, autónomos ou como asalariados. As contratacións son indefinidas ou temporais –por intervención ou traballo. Aos profesionais da arqueoloxía hai que agregar a figura do chamado auxiliar de arqueoloxía que se veu definindo nos últimos anos, como aquela persoa sen titulación universitaria, pero que ten formación ou experiencia para realizar traballos de escavación ou prospección arqueolóxica como auxiliar do técnico en arqueoloxía.

No ano 2009 asinouse entre as empresas e os asalariados da arqueoloxía o primeiro convenio colectivo laboral, onde se regulaban os salarios e as condicións de traballo do persoal (arqueólogos/as directores ou técnicos, auxiliares, etc.) nas intervencións arqueolóxicas. Na actualidade está vixente o II Convenio colectivo de ámbito autonómico de Galicia para a actividade arqueolóxica (anos 2015-2018), aprobado mediante Resolución de 7 de maio de 2015 da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social (DOG, nº 107, 9 de xuño de 2015). Os traballadores da arqueoloxía galega contan con un representante sindical da CIG (Asemblea de Traballadores do Sector da Arqueoloxía de Galicia).

Pola súa parte, as empresas e autónomos da arqueoloxía constituíronse no ano 2007 na Asociación Empresarial Galega de Arqueoloxía (AEGA).

O profesional privado da arqueoloxía ten, como toda empresa ou autónomo, unha serie de obrigas que esixen determinados organismos públicos (Traballo, Facenda, etc.): contratación dunha mutua de seguros, seguro de responsabilidade civil –que nalgún caso pode chegar a 1 millón de euros-, estar no rexistro de contratistas, ter a clasificación empresarial, etc. Nalgúns seguros está recollida a actividade profesional da Arqueoloxía (caso da póliza de seguro de responsabilidade civil anexa); pero, na maioría dos casos, falta unha regulación precisa da actividade arqueolóxica. A título de exemplo, a alta en Facenda dunha empresa ou dun autónomo da arqueoloxía realízase no epígrafe “construción completa, reparación e conservación” (501.1), ou “noutros servizos técnicos” (843.9).

Os profesionais da arqueoloxía do sector privado, ao igual que os do público, están sometidos a determinadas responsabilidades científicas e xurídicas, inherentes a súa profesión e titulación; a saber:

  • Asumir a dirección de escavacións arqueolóxicas en documentos históricos únicos, como son os xacementos; esa responsabilidade ten que ver con que o que non se rexistra non existe, desaparece e se destrúe.
  • Facer valoracións económicas e científicas sobre os bens mobles e inmobles arqueolóxicos.
  • Asistir como peritos do patrimonio arqueolóxico a procesos xudiciais penais ou contencioso-administrativos.
  • Inspeccionar obras e intervencións sobre o patrimonio arqueolóxico.
  • Asinar informes sobre o impacto ambiental sobre o patrimonio arqueolóxico de obras de infraestruturas públicas ou privadas.
  • Dirixir traballos de conservación e protección do patrimonio arqueolóxico.
  • Divulgar o coñecemento arqueolóxico.
  • Etc.

Todas estas cuestións teñen o suficiente calado como para que se deba ir ordenando adecuadamente.

OS PROFESIONAIS DA ARQUEOLOXÍA COMO TÉCNICOS DA XUNTA DE GALICIA

No ano 1992 a Xunta de Galicia, a través da Lei 12/1992, de 9 de novembro, creou, entre outros, o Corpo Facultativo de Arqueólogos, concretamente a Escala de Arqueólogos dentro do Corpo Facultativo Superior da Xunta de Galicia (DOG, nº 221, do 12 de novembro de 1992). Para o ingreso nesa escala requiríase, ademais de superar una oposición ou concurso-oposición específico, estar en posesión da titulación de licenciado en Xeografía e Historia –ou Historia-, coa especialidade de Prehistoria e Arqueoloxía. Con eses requisitos celebráronse tres oposicións ao longo destes anos, agás a última, no ano 2014. A devandita lei fixa como funcións da Escala de Arqueólogos/as: o estudo, xestión, execución, propostas e inspección de carácter facultativo superior.

Os arqueólogos e arqueólogas da Xunta de Galicia desempeñan funcións de: informe de obras que afecten ao patrimonio arqueolóxico, tanto no marco dos procedementos urbanísticos como de impacto ambiental, propostas de intervención sobre o patrimonio arqueolóxico, informes sobre o tratamento dos xacementos arqueolóxicos nos planeamentos urbanísticos, informe dos proxectos de intervención arqueolóxica e dos informes valorativos e memorias técnicas entregadas, inspección e tutela das intervencións arqueolóxicas, informes valorativos de danos ao patrimonio arqueolóxico, informes para os xulgados e outras Administracións públicas en relación co patrimonio arqueolóxico, elaboración de fichas de inventario de xacementos arqueolóxicos, e outras varias. As súas tarefas están centradas no patrimonio arqueolóxico, no marco das responsabilidades que, como técnicos especializados, se supón que teñen. Para iso requírese un coñecemento específico.

Nas últimas oposición á Escala de Arqueólogos da Xunta de Galicia, no ano 2014, por mor da indefinición das titulacións das universidades galegas, nas bases da convocatoria sinalábase que a titulación requirida para acceder á Escala de Arqueólogos/as era a de licenciado ou graduado en Historia, Historia da Arte, Antropoloxía e Humanidades. Esa proposta puido raiar na ilegalidade, xa que non se recoñecía a licenciatura ou grao das universidades españolas, portuguesas ou europeas, onde si se pode cursar unha titulación exclusiva de Arqueoloxía. Esa convocatoria foi protestada, por esa razón, pola totalidade dos arqueólogos e arqueólogas da Xunta de Galicia (vinte), mediante un escrito enviado á Dirección Xeral da Función Pública da Xunta de Galicia, á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e aos sindicatos.

OS PROFESIONAIS DA ARQUEOLOXÍA COMO TÉCNICOS DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

Nos vinte últimos anos varios concellos galegos (A Coruña, Ferrol, Santiago, Noia, Lugo, Mondoñedo, Ribadavia, Ourense, Pontevedra, Vigo, Cambados, Baiona, etc.) e Deputacións, crearon prazas de arqueólogo/a municipal ou provincial, ben de funcionario, mediante unha oposición, ben a través de contratacións laborais ou asistencias técnicas, para exercer tarefas relacionadas co patrimonio arqueolóxico municipal. As súas funcións son moi semellantes ás dos arqueólogos e arqueólogas da Xunta de Galicia, se ben poden realizar ocasionalmente intervencións arqueolóxicas de campo e estudos sobre os xacementos e restos arqueolóxicos dos concellos.

Nas oposicións a técnico de arqueoloxía da Administración local seguiron os criterios da Xunta de Galicia, tanto no relativo aos requisitos de titulación para presentarse a unhas oposicións, como nos temarios. Porén nos últimos anos estanse a dar contratacións –non oposicións- de titulados en Humanidades e Historia da Arte, como arqueólogos nalgúns concellos puntualmente que, na nosa opinión, poden ocasionar certas irregularidades, por non ter a titulación académica adecuada ao posto que se vai desempeñar; consecuencia –claro está- da indefinición da profesión desde o punto de vista normativo e educativo, que se complica coa inexistencia dunha titulación de Arqueoloxía nos plans de estudo post-Bolonia nas universidades galegas, pero que si existe nas universidades españolas, portuguesas ou europeas.

AS TITULACIÓNS DE ARQUEOLOXÍA

Preocúpanos a actual situación da arqueoloxía en Galicia desde o punto de vista das titulacións. Ata non hai moitos anos para exercer de arqueólogo ou arqueóloga víñase esixindo polas Administracións públicas desde comezos dos anos oitenta unha titulación de Xeografía e Historia (especialidade de Prehistoria e Arqueoloxía); e logo unha licenciatura de Historia con itinerario de Prehistoria e Arqueoloxía. Pero, a partir do ano 2010, coa instauración do Plan Bolonia, nas universidades españolas reduciuse nun ano (de cinco a catro) a titulación universitaria, así como a súa denominación. Mentres nalgunhas universidades españolas se crearon titulacións de grao en Arqueoloxía, nas universidades galegas mantivéronse os graos de Historia, Historia da Arte e Xeografía, fora dalgún asimilado ao conxunto destes (Humanidades).

Coa instauración do Plan Bolonia de estudos universitarios, e a aparición de titulacións de grao, desaparece as especializacións en Arqueoloxía das universidades galegas. Iso crea un problema, posto que desde o punto de vista académico o grao de Historia –e non digamos de Historia da Arte ou Humanidades- non pode ser homologado actualmente a un grao de Arqueoloxía, xa que a formación é moi diferente. Os titulados de Arqueoloxía reciben unha información máis variada, específica e adaptada aos tempos actuais, como se pode ver no seu programa de estudos.

Paralelamente, noutras comunidades autónomas do Estado, coa instauración do Plan Bolonia, creáronse títulos universitarios de grao en Arqueoloxía. Pódese estudar o grao de Arqueoloxía (4 anos) nas seguintes universidades españolas (ver documento anexo):

  • Universitat de Barcelona.
  • Universitat Autónoma de Barcelona.
  • Universidad Complutense de Madrid.
  • Universidades de Sevilla, Granada e Jaén, conxuntamente.

Pola súa parte, en Portugal pódese estudar o grao de Arqueoloxía (3 anos) nas seguintes universidades:

  • Universidade do Minho (Braga).
  • Universidade do Porto.
  • Universidade de Coimbra.
  • Universidade Nova de Lisboa.
  • Universidade de Lisboa.

Que en Portugal se complementa cun mestrado en Arqueoloxía (2 anos):

  • Todas as universidades anteriores e
  • Instituto Politécnico de Tomar.

A titulación máis semellante á de Arqueoloxía das outras universidades españolas, pode ser no caso das universidades galegas a de Historia; pero, nin incluso esta lle ofrece ao alumno a formación precisa para poder definirse como profesional da arqueoloxía e exercer como tal, senón completa a súa formación cun máster en Arqueoloxía. Mesmo é discutible que un grao de Historia cun complemento dun máster en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade –caso do máster conxunto das universidades de Santiago e Vigo- chegue a solucionar o problema. A iso hai que agregar que ao citado máster da USC-UVigo pode acceder calquera graduado universitario sen titulación e formación nas análises e métodos da historia, nin da arqueoloxía. Que vai pasar ao respecto de cara a unha posible convalidación de títulos? A Arqueoloxía é unha disciplina moi específica.

As normas xurídicas que regularán a actividade arqueolóxica en Galicia probablemente non permitirán que os titulados en Historia da Arte e Humanidades poidan exercer a profesión de arqueólogo/a de campo, se non están xa recoñecidos como tal ou teñen a titulación de Arqueoloxía ou outra homologada a partir de determinada data.

Desde o noso punto de vista resulta preciso crear xa un grao de Arqueoloxía nas universidades galegas, que pode ter por centro a Facultade de Xeografía e Historia da universidade compostelá, ou noutra. A capacidade de absorción de profesionais da arqueoloxía polo mercado é inferior seguramente a 20 titulados por ano.

A creación dunha titulación de Arqueoloxía en Galicia debe ter unha finalidade estratéxica, xa que, senón, os alumnos galegos que queiran estudar Arqueoloxía non lles vai quedar máis remedio que estudala nalgunha universidade portuguesa próxima (Braga, Porto) ou española. Por outra parte, a falta dunha titulación de Arqueoloxía en Galicia pode ser un problema, tanto desde o punto de vista da investigación, como social. Os xacementos arqueolóxicos de Galicia e do Noroeste peninsular foron, polo menos na Pre e Protohistoria, singulares, respecto dos existentes na Meseta española o Levante e o Sur peninsulares. A súa especificidade require dunha formación especial, vinculada ao territorio. En caso contrario, a historia e identidade de Galicia poderá resentirse.

As titulacións deben crearse en función das demandas sociais, aínda que non exclusivamente; pero, o que non ten moito sentido é que as titulacións se creen en función das necesidades docentes do profesorado, ou das dispoñibilidades de profesorado. Cremos que na actualidade é precisa unha titulación de Arqueoloxía que despexe as distintas dúbidas en torno a quen pode ou debe exercer como arqueólogo ou arqueóloga.

Por tanto, a nosa proposta é que se cree un grao de Arqueoloxía propio en Galicia, que pode ser dado pola Universidade de Santiago ou compartido coas de Vigo e A Coruña, ben sexa de carácter anual ou bianual, así como un máster específico de Arqueoloxía, no que se entronquen materias doutras disciplinas (xeoarqueoloxía, edafoloxía, arqueozooloxía, arqueobotánica, antropoloxía física e cultural, estatística, topografía, debuxo, xeomorfoloxia, sistemas de información xeográfica, lexislación de patrimonio arqueolóxico, restauración, proxectos arqueolóxicos, técnicas e materiais de museoloxía, conservación e posta en valor, pedagoxía e divulgación arqueolóxica, pensamento filosófico, etc.), non só coñecementos históricos.

A REGULACIÓN DA ACTIVIDADE ARQUEOLÓXICA DE CAMPO

Unha das máis importantes responsabilidades da normalización da actividade arqueoloxía profesional en Galicia compételle á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, porque dela depende a regulación dunha boa parte –a máis importante- da actividade arqueolóxica de campo. É urxente modificar o Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica en Galicia, aínda vixente, logo de vinte anos da súa publicación.

O futuro decreto que regule a actividade arqueolóxica debe adaptarse á realidade social e económica de Galicia na actualidade, e destinar os fondos precisos para que os traballos arqueolóxicos culminen o fin social que perseguen (xerar coñecemento e difundilo). Nesa liña de actualización, débese definir claramente que titulación se require para realizar as actividades de campo sometidas a autorización e que experiencia concreta é precisa. Por outra parte, o futuro decreto débelle dar maior cabida e responsabilidade ás empresas e entidades actuantes, e asumir os convenios laborais de arqueoloxía que aproba a propia Xunta de Galicia.

 

Listaxe de persoas e asociación asinantes do manifesto “Pola defensa da Arqueoloxía”

XULIO CARBALLO ARCEO Arqueólogo/a da Xunta de Galicia
LINO GORGOSO LÓPEZ Arqueólogo/a Asalariado/a
ERUNDINA ALVELA FIGUEIRA Arqueólogo/a Autónomo/a
MANUEL ALFONSÍN SOLIÑO Arqueólogo/a Autónomo/a
ROBERTO ABOAL FERNÁNDEZ Arqueólogo/a Autónomo/a
BRAIS X. CURRÁS REFOJOS Arqueólogo/a Investigador/a Posdoutoral
ALVARO RODRÍGUEZ RESINO Arqueólogo/a Desempregado/a
MANUEL LESTÓN GÓMEZ Arqueólogo/a Autónomo/a
Mª CARMEN ÁLVAREZ GARCÍA Arqueólogo/a Autónomo/a
ROSA VILLAR QUINTEIRO Arqueólogo/a Autónomo/a
RAFAEL PENEDO ROMERO Arqueólogo/a da Xunta de Galicia
CRISTINA SEOANE NOVO Arqueólogo/a Investigador/a Predoutoral
ANÓNIMO 1 Arqueólogo/a da Administración Pública
ADRIÁN FOLGUEIRA CASTRO Arqueólogo/a Asalariado/a
MANUEL ANTONIO FRANCO Arqueólogo/a Autónomo/a
ISABEL CABRERA TILVE Arqueólogo/a Autónomo/a
EVA CARBALLAL BARBEITO Arqueólogo/a Autónomo/a
VANESA Arqueólogo/a Desempregado/a
VÍCTOR BARBEITO POSE Arqueólogo/a Municipal
PATRICIA MORAGA VAZ Arqueólogo/a Asalariado/a
CRISTINA TOSCANO NOVELLA Arqueólogo/a Municipal
CRISTINA FERNÁNDEZ FERNANDEZ Asociacións relacionadas coa Arqueoloxía
TOMÁS RODRÍGUEZ FERNÁNDEZ Arqueólogo/a da Xunta de Galicia
ROSA MARÍA PAZ LOBEIRAS Arqueólogo/a da Xunta de Galicia
MAR LLINARES GARCÍA Arqueólogo/a Profesor/a de Universidade
ÁNGEL CARREIRA DÍAZ Arqueólogo/a da Xunta de Galicia
ARTURO DE LOMBERA HERMIDA Arqueólogo/a Investigador/a Predoutoral
ELENA CABREJAS DOMINGUEZ Arqueólogo/a de outra Administración
MARÍA MARTÍN SEIJO Arqueólogo/a Investigador/a Posdoutoral
JOSEFA REY CASTIÑEIRA Arqueólogo/a Profesor/a de Universidade
MARÍA RAQUEL MEJUTO CANAVAL Arqueólogo/a Desempregado/a
CRISTIAN ÁGUILA SEIJAS Asociacións relacionadas coa Arqueoloxía
MANUELA PÉREZ MATO Arqueólogo/a Autónomo/a
ALEXANDRE PAZ CAMAÑO Arqueólogo/a Autónomo/a
MARIA CARMEN GÓMEZ NISTAL Arqueólogo/a da Xunta de Galicia
ROBERTO PENA PUENTES Arqueólogo/a da Xunta de Galicia
XERMÁN DARRIBA BARBA Arqueólogo/a de outra Administración
CARLOS MAYO TORNE Arqueólogo/a de outra Administración
ANA BELÉN CRESPO RUIZ Arqueólogo/a de outra Administración
MARTIÑO XOSÉ VÁZQUEZ MATO Arqueólogo/a Asalariado/a
EMILIO ABAD VIDAL Arqueólogo/a Investigador/a Predoutoral
ÁNGEL CONCHEIRO COELLO Arqueólogo/a Autónomo/a
ENRIQUE GONZÁLEZ FERNÁNDEZ Arqueólogo/a Municipal
COVADONGA CARREÑO CASCÓN Arqueólogo/a Municipal
RUBÉN DE LA FUENTE SEOANE Arqueólogo/a da Deputación
EMILIO GARCIA LORENZO Arqueólogo/a Profesor/a de Instituto
MATEO FONTÁN COUTO Arqueólogo/a da Deputación
ISRAEL PICÓN PLATAS Arqueólogo/a Autónomo/a
ASOCIACIÓN EMPRESARIAL GALEGA DE ARQUEOLOXÍA (AEGA) Asociacións relacionadas coa Arqueoloxía
ANDRÉS BONILLA RODRÍGUEZ Arqueólogo/a Autónomo/a
XURXO CONSTELA DOCE Arqueólogo/a Autónomo/a
SUSANA Arqueólogo/a Autónomo/a
SANTIAGO FERRER SIERRA Arqueólogo/a Autónomo/a
FERNANDO JAVIER COSTAS GOBERNA Asociacións relacionadas coa Arqueoloxía
M.SOLEDAD PRIETO ROBLES Arqueólogo/a Asalariado/a
EDUARDO VELÁZQUEZ TURNES Arqueólogo/a Autónomo/a
ELÍAS CARROCERA FERNÁNDEZ Arqueólogo/a Profesor/a de Universidade
MIGUEL SAN CLAUDIO SANTA CRUZ Arqueólogo/a Autónomo/a
JAVIER LUACES ANCA Arqueólogo/a Desempregado/a
ESPERANZA MARTÍN HERNÁNDEZ Arqueólogo/a Autónomo/a
MIGUEL ÁNGEL VIDAL LOJO Arqueólogo/a Autónomo/a
MATILDE GONZÁLEZ MÉNDEZ Arqueólogo/a Autónomo/a
CRISTIAN LORENZO SALGUEIRO Arqueólogo/a Investigador/a Predoutoral
EDUARDO RODRÍGUEZ SAIZ Arqueólogo/a Profesor/a de Instituto
JULIÁN BUSTELO ABUÍN Arqueólogo/a Investigador/a Predoutoral
Mª DEL CARMEN GARCÍA CABEZUDO Arqueólogo/a Autónomo/a
MINERVA MÉNDEZ DÍAZ Arqueólogo/a Desempregado/a
ALICIA AMEIJENDA IGLESIAS Arqueólogo/a Desempregado/a
OSCAR BARROS FERNÁNDEZ Arqueólogo/a Asalariado/a
JOSÉ CÉSAR LLANA RODRÍGUEZ Arqueólogo/a de Museos
BEGOÑA ALBERTOS FIGUEROA Arqueólogo/a Autónomo/a
F. JAVIER CHAO ALVAREZ Arqueólogo/a Autónomo/a
MARÍA DEL CARMEN MARIÑO DOMÍNGUEZ Arqueólogo/a da Xunta de Galicia
PATRICIA IGLESIAS GARCIA Arqueólogo/a Autónomo/a
SERGIO RÍOS GONZÁLEZ Arqueólogo/a Autónomo/a
EUGENIO RODRÍGUEZ PUENTES Arqueólogo/a da Xunta de Galicia
ANGEL ACUÑA PIÑEIRO Arqueólogo/a Empresario
VICTOR BARBI ALONSO Arqueólogo/a da Xunta de Galicia
MANUEL DÍAZ VÁZQUEZ Arqueólogo/a da Xunta de Galicia
CARLOS RODRÍGUEZ RELLÁN Arqueólogo/a Investigador/a Posdoutoral
RAMÓN FÁBREGAS VALCARCE Arqueólogo/a Profesor/a de Universidade
JUAN JOSÉ PERLES FONTAO Arqueólogo/a Autónomo/a
MARÍA LUÍSA CASTRO LORENZO Arqueólogo/a da Administración Pública
MANUEL RODRÍGUEZ CALVIÑO Arqueólogo/a da Xunta de Galicia
PAULA MARÍA PAREDES RUANO Arqueólogo/a Autónomo/a
ELISA PEREIRA GARCÍA Arqueólogo/a Autónomo/a
V. CARMEN TORRES BRAVO Arqueólogo/a Autónomo/a
ANA MARÍA VARELA MONTES Arqueólogo/a Desempregado/a
SOLEDAD BELTRAN MORENO Arqueólogo/a Autónomo/a
ALBERTO MARTÍNEZ GAGO Arqueólogo/a Desempregado/a
SANTIAGO VÁZQUEZ COLLAZO Arqueólogo/a Empresario
JOAQUÍN FERRER CRUZ Arqueólogo/a Asalariado/a
ALFREDO SEARA CARBALLO Arqueólogo/a da Xunta de Galicia
ANTONIO CASTRO ROZADOS Arqueólogo/a da Deputación
CLÍODHNA NÍ LIONÁIN Arqueólogo/a Asalariado/a
EVA CASTRO VIGO Arqueólogo/a de Museos
XOSÉ LUKAS MOLEDO SANTIAGO Arqueólogo/a Desempregado/a
ANTÓN A. RODRÍGUEZ CASAL Arqueólogo/a Profesor/a de Universidade
NÉSTOR BACELAR DOMÍNGUEZ Arqueólogo/a Asalariado/a
ERNESTO MULEIRO PONTES Arqueólogo/a Desempregado/a
EVA ALBALADEJO IGLESIAS Arqueólogo/a Desempregado/a
MAR CORTEGOSO COMESAÑA Arqueólogo/a Autónomo/a
VICTOR GARCÍA PIÑEIRO Arqueólogo/a Autónomo/a
LUIS CORDEIRO MAAÑÓN Arqueólogo/a Autónomo/a
ANÓNIMO 2 Arqueólogo/a Investigador/a Posdoutoral
MONTSERRAT VÁZQUEZ DOMÍNGUEZ Arqueólogo/a Profesor/a de Instituto
NIEVES VEIGA LÓPEZ Arqueólogo/a Autónomo/a
Mª JOSÉ BÓVEDA FERNÁNDEZ Arqueólogo/a Empresario/a
PAZ BLANCO SANMARTÍN Arqueólogo/a Autónomo/a
RUBÉN DARÍO ÁLVAREZ ASOREY Arqueólogo/a da Xunta de Galicia
ESTEBAN AMADO RODRÍGUEZ Arqueólogo/a Investigador/a Predoutoral
IGNACIO JAIME SENÍN FERNÁNDEZ Arqueólogo/a da Xunta de Galicia
XOSÉ IGNACIO VILASECO VÁZQUEZ Arqueólogo/a da Xunta de Galicia
JOSE MANUEL REY GARCÍA Arqueólogo/a da Xunta de Galicia
XOSÉ LOIS LADRA FERNÁNDEZ Arqueólogo/a Autónomo/a
JUAN LUIS NAVEIRO LÓPEZ Arqueólogo/a Asalariado/a
BELEN SÁENZ-CHAS DIAZ Arqueólogo/a de Museos
JOSE MORENO FLORES Arqueólogo/a da Deputación
MARÍA MÉNDEZ MARTÍNEZ Arqueólogo/a Autónomo/a
EMILIO RAMIL GONZALEZ Arqueólogo/a Empresario/a
J. PABLO VAAMONDE DÌAZ Arqueólogo/a Asalariado/a
PAULA MÉNDEZ SANTIAGO Arqueólogo/a Asalariado/a
FERNANDO CARRERA RAMIREZ Arqueólogo/a Profesor/a de Escola Superior
VÍCTOR TOMÁS BOTELLA Arqueólogo/a Autónomo/a
GONZALO MEIJIDE CAMESELLE Arqueólogo/a da Xunta de Galicia
PURIFICACIÓN RODRÍGUEZ GARCÍA Arqueólogo/a Autónomo/a
Mª DOLORES GIL AGRA Arqueólogo/a Autónomo/a
EDUARDO-BREOGÁN NIETO MUÑIZ Arqueólogo/a Autónomo/a
IVÁN ANTONIO ÁLVAREZ MERAYO Arqueólogo/a Autónomo/a
ANTONIO DE LA PEÑA SANTOS Arqueólogo/a de Museos
SANDRA GONZÁLEZ PARENTE Arqueólogo/a Asalariado/a
SARA RODRÍGUEZ SOUTO Arqueólogo/a Desempregado/a
Mª PILAR FERNÁNDEZ PINTOS Arqueólogo/a Autónomo/a
NURIA CALO RAMOS Arqueólogo/a Autónomo/a
SOFÍA CADENAS BALSEIRO Arqueólogo/a Asalariado/a
PAULA BALLESTEROS-ARIAS Arqueólogo/a Autónomo/a
JUAN CARLOS CASTRO CARRERA Arqueólogo/a Empresario/a
MARÍA JOSÉ ALLES LEON Arqueólogo/a Desempregado/a
SANTIAGO VILAR LABARTA Arqueólogo/a Desempregado/a
ANA ISABEL FILGUEIRAS REI Arqueólogo/a Municipal
MIGUEL SARTAL LORENZO Arqueólogo/a Asalariado/a
MANUEL REBOREDO TAJES Arqueólogo/a Profesor/a de Instituto
ANA DURÁN PENABAD Arqueólogo/a Autónomo/a
JOSÉ Mª EGUILETA FRANCO Arqueólogo/a Municipal
RAFAEL MARÍA RODRÍGUEZ MARTÍNEZ Arqueólogo/a da Deputación
EUSEBIO REY SEARA Arqueólogo/a Outros
ANTÓN FERNÁNDEZ MALDE Arqueólogo/a Autónomo/a
REMEDIOS VARELA Arqueólogo/a Autónomo/a
SOFÍA BAQUEIRO VIDAL Arqueólogo/a Asalariado/a
FÁTIMA CORES BARCIA Arqueólogo/a Autónomo/a
ASEMBLEA DE TRABALLADORES DE ARQUEOLOXÍA DE GALICIA-CIG Asociacións relacionadas coa Arqueoloxía
MANUEL XUSTO RODRÍGUEZ Arqueólogo/a de Museos
ALBA LOSADA GARCÍA Asembleas
BEATRIZ PILAR COMENDADOR REY Arqueólogo/a Profesor/a de Universidade
ELOY MARTÍNEZ SOTO Arqueólogo/a Profesor/a de Instituto
MARÍA DE LOS ÁNGELES COELLO FERNÁNDEZ Arqueólogo/a Asalariado/a
LADISLAO CASTRO PÉREZ Arqueólogo/a Profesor/a de Universidade

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: