As ondas rompen en Camariñas durante un temporal na Costa da Morte / RTVE

Os 172 mortos que comezaron a crear o mito da “Costa da Morte”

Tal e como xa se relatou no anterior artigo, os 172 mortos do Serpent darían moito que falar, e durante moito tempo. Tal foi a traxedia que foron moitos os xornais de todo o mundo que se fixeron eco do acontecido e puxeron a Galicia nun sinistro mapa de sinistros marítimos. Tamén no país, a prensa adicou varias semanas a narrar con todo luxo de detalle o que acontecera aquel 10 de novembro.

La Voz de Galicia”, con motivo da catástrofe, referíase ó illamento da Costa da Morte, que aínda hoxendía segue. “Podemos hacernos cuenta de que el ”Serpent” naufragó en Cabo de Hornos o en el fin del mundo. Si se telegrafía a Carballo, estación de servicio limitado, hay que esperar a que un “propio” (mensajero), recorra dieciocho leguas, nueve de ida y nueve de vuelta: si se telegrafía a Corcubión, servicio diurno, hay que aguardar a que el mensajero haga una caminata por montes y brañas de doce leguas; como en Vimianzo no hay telégrafo, la correspondencia tarda poco menos que a Madrid”.

Fagamos un resumo de como “La Voz ” e “El Correo” informaron do asunto… A primeira noticia publícase tanto na “Voz” como “El Correo Gallego” o día 13 de novembro na sección “De sol a sol” e en “Telegramas” no Correo. Trátase dunha referencia breve e con erros, pois di que hai douscentos setenta e catro mortos e pon tamén que aos tres superviventes, “como hablan inglés, no se les entiende”.

Ilustración do Iris Hull, tamén afundido nos Baixos do Boi, coma o Serpent

Algo máis extensa é a información do día catorce, e baixo o titular “El naufragio del Serpent”. Tras resaltar que son moitísimos os telegramas chegados á Coruña dende Inglaterra pedindo noticias, infórmase que faleceron tódolos tripulantes do buque escola menos tres: Bourton, Gould e Costin. Máis adiante escribe que das poucas palabras que emiten os infelices superviventes, parece que o Serpent ía a moita velocidade cando o barco embarrancou nos Baixos da Punta do Boi. O toupetazo foi tan violento que os tres mariñeiros en cuestión, que con outros facían garda na cuberta, atopáronse lanzados contra as ondas axitadas con violencia, antes de darse conta do que pasaba. Di tamén a “Voz”: “Ayer el mar arrojó sobre los puntos de la costa inmediata al Cabo Vilán, veinte cadáveres más que los recogidos anteayer con los cuales ya son 24”.

Primeiras medidas

O “Correo Gallego”, nembargantes escribe que a dotación do Serpent compoñíana 176 homes. Destos dez eran oficiais e os mariñeiros salvados chamábanse J. Gould, E. Bourton e O. Louxon. O comandante chamábase M. Ross. Ademais recollía que o Serpent era un barco novo construído tres anos atrás, de aceiro, de 1600 toneladas de desprazamento. Deuse orde ó comandante da Mariña de Vilagarcía para que, en canto o tempo amaine saia a canoneira Mac-Mahon cara o lugar do desastre. Namentras ás cinco da tarde do día anterior, xa saíra de Vigo para Cabo Vilán a goleta de guerra inglesa Lapwing facilitándoselle un práctico de costa.

O día quince amplíase a información e dáse conta, entre outras novas, da saída de Ferrol cara ó lugar dos feitos do remolcador danés “Belos” e da viaxe dende A Coruña a Camariñas de Mr. Rostrow, mandado polo cónsul inglés, con obxecto de trasladar a Vimianzo aos tres náufragos do Serpent, anunciando tamén a viaxe cara a vila nun coche-correo dende Corcubión, o primeiro e segundo comandante, o médico e dous practicantes cun botiquín e outros utensilios, do vapor de guerra inglés “Tyne”.

Inclúe a “Voz” unha carta do ilustrado e activo corresponsal do xornal en Camariñas, asinando coas iniciais Q.B.S.M. Di que a tripulación do Serpent era de cento setenta e seis homes, que procedía do porto inglés de Plymouth, de onde saíu o 8 de novembro, e dirixíase a Serra Leona (África). Fixa a hora do naufraxio ás once da noite do día dez, pero en Camariñas non se tivo noticia da traxedia, ata as dez da mañá do día seguinte: “O Serpent era dun só pao de 3000 Tm. de desprazamento e soía navegar a quince nós. Algúns cadáveres chegaban sen roupa á costa. O corresponsal fala dunha traxedia de dezasete anos atrás que coincide na mesma data, o 11 de novembro de 1873, cando o mar arrastraría ó mesmo punto da costa ás vítimas do barco inglés “Iris”, que tamén naufragara na Punta do Boi. Remata dicindo “E de noite e teño que facer de “propio”, (mensaxeiro), para que esta carta chegue A Coruña mañá, pois do contrario xa non chegaría ata o día dezasete, si é que chega”.

Marjiñeiros e oficiais do Serpent

Unha costa esquecida

Ó día seguinte, na primeira páxina, o xornal publicaba un artigo titulado “Las costas de Galicia”, na que se fai eco do abandono no que se atopa a comarca na navegación e á comunicación terrestres. Di nos parágrafos máis importantes: “¡En que país vivimos!, ¡Como queda la honra de España ante las naciones extranjeras que le preguntan lo que ha pasado y responde que nada sabe; porque nada le comunican, ya que ni siquiera hay medios de comunicación!”. “En Camariñas, por ejemplo, ¿qué puede hacer una ayudantía de Marina cuando en aquella villa no hay estación telegráfica y aquella autoridad tiene que servirse de un propio para transmitir noticias desde Corcubión?”.

No Correo o día 16 tamén escribe que o señor Cónsul recibiu un telegrama para que se enterren os cadáveres dunha forma decorosa segundo vaian aparecendo, sendo ata agora 28 os atopados.

O xornal segue a publicar cartas do corresponsal de Camariñas que agora asina co nome de “Zadi”. O día dezaoito apareceu en dúas columnas e media, (cada páxina tiña catro), no que se informa que “a canoneira Lapwing recolleu xa aos tres superviventes que se apelidan Bourton, Gould e Lacsne, tan pronto como chegou o Porto de Camariñas”. De todos modos, a Voz traduce mal o apelido Lacsne, sendo Luxon, que para os oídos galegos sonaríalle máis ou menos como eles o dixeron.

Un reporteiro da “Voz” puido entrevistar aos tres superviventes. Din que o Serpent viña gobernando en demanda de Cabo Fisterra, con mar fortísima de oeste e a media máquina. Por efecto da oleaxe derivou moito, sen rectifica-lo rumbo. Só así se explica que pasara a rentes do Cabo Veo sen vela luz do Vilán a causa da cerrazón reinante, o que provocou o embarrancamento sen remedio na Punta do Boi.

O topetazo foi terrible, pero o buque mantívose a flote ó menos durante tres cuartos de hora. Cando ocorreu o sinistro, o comandante Henry L. Ross ía na ponte de mando. Sobre a cuberta, di a testemuña Bourton, facían garda trinta tripulantes. Gould e Lascne estaban nos seus camarotes, pero deulles tempo a vestirse e a saír a cuberta. O comandante mandou lanzar un canón lanzacabos, pero o mar levounos. Arriáronse varios botes e o mar esnaquizounos en cachos. Pouco despois, as testemuñas oíron ó comandante berrar o “sálvese o que poida”. Os tres náufragos foron atendidos ó chegar á costa por uns labregos que lles deron pan de broa para que comesen algo. Máis tarde foron recollidos polo párroco de Xaviña.

Temporal no cabo Vilán, en Camariñas / fotocommunity

Os cadáveres enchen a praia

Ó mencer, o mar estaba calmo; a flor da auga aínda se podían ve-los restos da cuberta do Serpent. Organizáronse cuadrillas de salvamento que foron recollendo os anacos do barco que o mar ía tirando á costa. Escribe a “Voz” que na mañá do día dezasete xa se recolleran 48 cadáveres, e que os están enterrando no cemiterio que se está a facer, moi preto da Punta do Boi, nun sitio que lle chaman Porto do Trigo. O comandante foi enterrado ó anoitecer do sábado. Sábese que era o comandante, porque as súas señas coincidían coas que deu ó do Lapwing, moi amigo seu. A información destaca a valente actuación do cura párroco de Xaviña, o señor Carrera Fábregas.

O mércores 19, os xornais publican que o mar segue a tirar cadáveres, aínda que con menos frecuencia e que faltan moitos pra completa-los 172 que faleceron. Ademais a Alcaldía de Camariñas dirixiuse por medio de oficio á de Laxe, para que ordene unha maior vixilancia na costa dese término, posto que é moi probable que as correntes arrastren algúns cadáveres cara a mesma, e que se fai preciso darlles sepultura decorosa e conveniente.

O sábado 22 escribe a Voz, “sae a canoneira Lapwing para Camariñas co obxecto de facer as honras fúnebres ás vítimas do naufraxio do Serpent, e que o sepelio será o domingo”. Tamén di que a bordo do buque vai o virtuoso párroco de Santa María de Xaviña, Sr. Carreras, encargado de consagrar o cemiterio construído para o enterramento dos náufragos.

Mapa cos puntos máis importantes da costa onde se afundiu o Serpent

O mércores 26, no Correo e o 27 na Voz escriben que o comandante da canoneira Mac-Mahon, telegrafou o seguinte ó Sr. Capitán Xeneral do departamento: “Ás dez da mañá do domingo 23, fun coa dotación armada ó lugar do sinistro, onde estaba acampada a dotación da goleta inglesa Lapwing co seu comandante e o cónsul xeral da Coruña, chegando ás doce e media. Á unha empezaron as cerimonias fúnebres colocándonos nos paralelos ó costado E. do cemiterio e os ingleses en dúas filas perpendiculares. Despois da bendición do cemiterio e responsos do rito católico, fixen as descargas de ordenanza, repitíndoas ó concluír o cerimonial, despois dos ingleses. O axudante da Mariña colocou unha coroa de flores naturais con cintas na que se lía a dedicatoria da Mariña Española aos náufragos. O cónsul e o comandante da goleta recoñeceron e reiteraron a súa profunda gratitude. Na mañá deste día apareceron oito cadáveres e pola tarde uns vinte, todos completamente putrefactos. Ás tres saudou o Lapwing con 21 canonazos á bandeira española como consideración e agradecemento”.

A derradeira nova sobre este naufraxio dáo a Voz o domingo 30 de novembro nun artigo moi curto no que escribe, “ata a data o mar botou á praia de Camariñas 111 cadáveres dos náufragos do Serpent”.

Máis dun século despois

Hoxe en día consérvase o cemiterio que foi restaurado en 1990, e con motivo do centenario do afundimento, descubriuse un monolito en honra a tódolos náufragos da Costa da Morte. A campá do Serpent consérvase na igrexa parroquial de Camelle, pertencente ó concello de Camariñas. O mascarón de proa chamado “o barbudo”, estivo cravado durante trinta anos na porta do agora derruído muíño do pai do “Cunchas” e sesenta anos escondido no faiado da casa do mesmo home na aldea de Santa Mariña, na parroquia de Xaviña. Hai uns cantos anos foi adquirido polo doutor De Ramón y Ballesteros.

Tamén no xardín de San Carlos da Coruña atópase unha fermosa placa conmemorativa de tan tráxico suceso. A raíz do naufraxio acelerouse a posta en servizo do novo faro, o actual, e que foi o primeiro en traballar con electricidade.

 

Bibliografía:

-BAÑA HEIN, JOSÉ: “Costa de la Muerte. Historia y anecdotario de sus naufragios”. Gráficas Venus, 1980.

-CAMPOS CALVO-SOTELO, JUÁN: “Náufragos de antaño”. Editorial Juventud, 2002.

-TROIANO CARRIL, XOSÉ: “Camariñas, corazón da Costa da Morte. Colección de historia e etnografía galegas,vol.LX. Asociación galega para a cultura e a ecoloxía (A.G.C.E.). Sanguiñeda, Mos, Pontevedra, 2017.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Divulgador

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: