Ilustración de gaiteiros galegos interpretando música do país

Os artistas que emigraron entre 1875 e 1951e a música que perdeu Galicia

Galicia perdeu millóns de persoas nos dous últimos séculos, sobre todo, xente sen recursos, principalmente, gandeiros e campesiños, que decidiron probar fortuna na emigración. Pero tamén marcharon artistas, algúns deles logo acabarían converténdoso en estrelas internacionais.

A investigación financiada polo MINECO ‘Fondos documentais de música nos arquivos civís de Galicia (1875-1951): Cidades do Eixo Atlántico’, que dirixen os profesores da USC Carlos Villanueva e Javier Garbayo, tenta explotar a emigración artística galega. Para iso, organiza a vindeira semana en Santiago un simposio sobre o movemento migratorio dos músicos galegos a América.

O encontro, que se desenvolverá no Museo do Pobo Galego entre os días 9 e 11, reunirá especialistas de toda España e americanos en torno a etapa que vai do gran movemento migratorio galego de finais do XIX –que tivo resultados asociativos de gran transcendencia– ata 1951, coa primeira etapa da posguerra.

Banda de Música de Santiago nos anos 60 / Consorcio de Santiago

Músicos docentes

A consecuencia inmediata dese movemento foi un efecto chamada que atraeu músicos galegos para cubrir tarefas docentes e recreativas que sen dúbida repercutiron no contido, a mensaxe e a lingua de composicións de salón, obras corais, estampas, zarzuelas galegas e cancións en xeral que se trasladarán ao outro lado do Atlántico e que repercutirán a modo de espello na música en Galicia con lembranzas da tradición xunto con elementos transculturados.

Coa fin da Guerra Civil española producirase outra vaga de exiliados, xeralmente republicanos, que deberán enfrontarse a unha realidade nova pero que tamén terá a súa peculiar procura da galeguidade entendida baixo o prisma das novas vangardas; algo que dará pé a importantes discusións entre vangardistas e tradicionalistas.

Ademais dos relatorios que conforman o simposio, o día 11 ás 18.00 horas terá lugar unha mesa redonda sobre o fondo Gaos que acaba de ser doado á Universidade de Santiago na que participarán as persoas protagonistas desa doazón como son Monserrat Capelán, Mabela Casal, Joam Trillo, Julio Andrade Malde e Javier Garbayo.

Concertos

Paralelamente ás sesión teóricas, no simposio está prevista a celebración de dous concertos, de entrada libre, no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia). O primeiro, ‘Concerto de cancións galegas de aquí e de alá’, será o día 10 ás 20.30 horas a cargo da soprano Susana Lorenzo e do pianista Alejo Amoedo. O día seguinte á mesma hora terá lugar o de clausura, que baixo o título ‘Quendas e tandas de baile do século XIX no mundo hispanoamericano’ interpretarán os pianistas Mariantonia Palacios e Juan Francisco Sans.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: