fbpx
Sauna Castrexa do Castañoso, na Fonsagrada / Mariña Patrimonio

Os segredos da maior sauna castrexa do noroeste da península

Tempo de lectura: 3 min.

Hai uns meses falabamos dunha construción de 120 metros cadrados e 20 séculos de antigüedade no medio dun monte perdido da Fonsagrada. Tratariase dunha das grandes xoias arqueolóxicas de Galicia; unha sauna castrexa. “Hai que seguir a pista do ouro”, apuntaba graficamente Luís López, arqueólogo de Terra Arqueos, para entender os segredos que oculta o Castro do Castelón de Castañoso. Era durante unha visita que Historia de Galicia realizou ao xacemento na compaña da xente de Mariña Patrimonio. Unha visita que HdG repetía o pasado mes da man de Manuel Miranda, presidente deste colectivo dentro das andainas do proxecto Rutas de Historia, impulsado por este portal, e que levaron ao lugar a case 60 persoas.

Precisamente, e para comprobar a súa importancia, tamén o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, acompañado do alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, xunto á Deputada de Cultura, Pilar García Porto, visitaron este ben hai uns días. E alí constataron, novamente, os grandes segredos que oculta esta sauna castrexa e que a fan resaltar por riba das outras catalogadas ata o momento no noroeste peninsular. Considerada unha xoia da construción castrexa, esta construción é única na provincia de Lugo, ademais dunha das mellores conservadas de toda Galicia.

Ilustración dunha sauna castrexa / capítulo cero

A sauna

Segundo os expertos, a sauna de Casteñoso sobresae polo seu tamaño, o seu excelente estado de conservación e por conservar a metade da súa bóveda a diferenza das restantes conservadas, outra en Ortigueira, unha en Cabana de Bergantiños e, algúns investigadores, tamén inclúen nesta listaxe a de Augas Santas, en Allariz. Durante os traballos arqueolóxicos recuperouse unha antesala da sauna do castro, duns 9 metros de largo, que é unha das máis grandes documentadas en Galicia. Tamén dispoñía de canalización hidráulica e atópase nun envexable estado de conservación.

Un total de 10 arqueólogos retomaron, co apoio dos Gobernos da Deputación e da Fonsagrada, os traballos de investigación na contorna da construción. Durante preto de dous meses, ampliaron a escavación do Castro do Castelón de Castañoso co obxectivo de caracterizar e coñecer de que época é o xacemento, así como de investigar a sauna que o distingue.

Descubrimentos

Estes traballos serviron para saber que o castro é do Século I despois de Cristo, en plena época romana. Ten, polo tanto, 20 séculos, e estaba moi vinculado á mina aurífera do río Éo. A construción do castro do Castelón conta cunhas oito vivendas castrexas. A fortificación está moi resgardada, moi defendida e moi afastada dos núcleos de poboación, circunstancia que facilitou que se conservase en tan bo estado.

Descubríronse case 4 metros de estruturas castrexas, o que permite entender mellor o sistema construtivo onde vivían, ademais da sauna. Os arqueólogos atoparon e recuperaron elementos romanos, como pezas de cerámica ou moedas co reselo da aguia, pertencentes á lexión romana.

Estruturas da sauna do Castañoso, na Fonsagrada / Mariña Patrimonio

Ben importante

“É moi importante para o Concello da Fonsagrada e, en xeral, para a nosa provincia, pois contamos cunha xoia castrexa punteira en Galicia, que nos permite por en valor a riqueza patrimonial, histórica e cultural coa que contamos en Lugo. A recuperación do Castro do Castelón é unha nova oportunidade económica para a nosa provincia”, sinalou Darío Campos.

O Goberno Provincial de Lugo decidiu financiar estas actuacións con 42.000 euros para poder continuar cunhas investigacións que abandonou a Xunta de Galicia, suprimindo a súa achega económica, aínda que é a administración galega a que ten as competencias directa neste eido.

Pode que che interese...