fbpx
Pontevea, que divide Teo da Estrada xa é BIC / Turismo.gal

Pontevea, outra das grandes pontes históricas de Galicia xa é BIC

Tempo de lectura: < 1 min.

O Consello da Xunta aprobou este xoves o Decreto polo cal se declara ben de interese cultural (BIC) coa categoría de monumento a ponte de Pontevea, sobre o río Ulla, que separa os termos municipais da Estrada (Pontevedra) e Teo (A Coruña).

A documentación recollida avala a concorrencia neste lugar de diferentes camiños mesmo desde a época romana. Se ben é certo que non existe un acordo entre os historiadores á hora de identificar neste punto o paso da Vía Romana XIX, si hai certeza da confluencia de camiños asociados ás rutas de peregrinaxe e comerciais. Do que non hai dúbida é de que a ponte actual é unha ponte medieval, construída no século XVI, con reconstrucións importantes no XVIII.

As características arquitectónicas da ponte encadran a construción no tipo románicooxival, con seis arcos de cantaría apoiados en cinco grandes piares, con tallamares triangulares augas arriba para suavizar a presión e trapezoidais augas abaixo, que chegan ata o beiril.

Neste caso tivéronse en conta o informe dos órganos consultivos (Consello da Cultura Galega, Real Academia de Belas Artes e Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago) que emitiron informe favorable sobre esta declaración. Ademais, nos últimos meses o BNG de Teo viña levando a cabo unha campaña para esta ponte fora declarada BIC.

Tal como establece a Lei 5/2016, do patrimonio cultural de Galicia, o deber de conservación do ben corresponde aos propietarios e titulares dos dereitos reais sobre el mesmo e que, polo tanto, están obrigados a conservalo, mantelo e custodialo debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

Pode que che interese...