fbpx
Maruja Mallo nun óleo de Araceli Rego

A vida rompedora e vangardista de Maruja Mallo

Tempo de lectura: 3 min.

Unha viaxe de principio a fin, un percorrido a través da vida e da obra de Maruja Mallo. Deste xeito presenta María Victoria Carballo-Calero, catedrática emérita de Historia da Arte Contemporánea da Universidade de Vigo, o seu último traballo que vén de saír do prelo. Co gallo da dedicación do Día das Artes Galegas 2017 á artista nada en Viveiro en 1902, a historiadora do campus de Ourense destacou o perfil dunha creadora “rompedora e vangardista” nun libro que vén de ser editado pola Deputación Provincial de Lugo.

“Maruja Mallo sempre estivo presente na miña traxectoria investigadora, desde moi nova tiven interese nela, pensando incluso en realizar a miña tese de doutoramento sobre ela, aínda que finalmente non foi posible”, comenta a catedrática. Este interese, indica, callou ao longo dos anos en diferentes textos que lle permitiron agora afrontar a monografía agora publicada.

Vida e obra como a mesma cousa

Maruja Mallo e Josefina Carabias en 1931 en Madrid coa obra Antro de fósiles

De Ana María Gómez González Mallo, Carballo-Calero salienta fundamentalmente como nela se dá “unha identificación total entre a vida e a obra, ambos son para ela a mesma cousa, tal e como defendían as vangardas”. Deste xeito, apunta, “sacrificou a súa vida pola súa obra, aínda que para ela non foi sacrificio xa que fixo o que ela desexaba”. Este compromiso coa arte, o feito de que “desde moi nova despuntou” e o seu carácter “transgresor” e “brillante”, sinala a historiadora, fan de Maruja Mallo unha personaxe á que resulta moi interesante tanto para o público especializado como tamén para o público xeral.

A publicación, titulada ‘Maruja Mallo’, arranca cos inicios da artista en Madrid, na Academia de San Fernando e na Residencia de Estudantes, onde “Maruja entra en contacto cun grupo de artistas e escritores que tentarán toda unha revolución vangardista nun panorama madrileño caduco e trasnoitado”. Así, empeza a súa relación con Dalí, Lorca, Guillermo de Torre, Gómez de la Serna ou Eugenio Montes, o seu desexo de vangarda e a súa consideración como “transgresora e ultramoderna”. A partir destes inicios, a monografía afonda paralelamente na traxectoria persoal e creativa de Maruja Mallo. Neste percorrido, Carballo-Calero dedica atención á relación da creadora con personaxes como Rafael Alberti e Concha Méndez e con movementos como a xeración do 27, a Escola de Vallecas e a “arte nova”; ao seu exilio e ao seu retorno e a outros feitos decisivos na súa vida. Porén, ao mesmo tempo que dá apuntamentos da súa evolución vital e profesional, ao longo das páxinas desta monografía a catedrática centra boa parte da súa análise nalgunhas das principais obras da artista.

Deste xeito, a monografía arranca a súa aproximación á obra de Mallo con Muller con cabra, de 1927 “o seu primeiro cadro importe” a partir do cal “a transformación da súa pintura experimentará un proceso vertixinoso” e que permite ver “a nova muller” que a creadora plasmará nas súa obras. Estampas, Sorpresa do trigo, O canto das espigas, Naturezas vivas, Máscaras, Estrelas de mar… son algunhas das obra sobre as que afonda María Victoria Carballo-Calero no seu percorrido. Un percorrido no que tamén fai parada nos murais que se lle encargan para o cinema de Los Ángeles de Bos Aires e que remata coa morte da artista en Madrid en 1995 aos 93 anos de idade despois dunha vida dedicada con paixón á arte.

Pode que che interese...