fbpx
Obxectos nunha feira de antigüidades de Lisboa / angiguedadesonline

Antigüidades, exposicións con pezas do XVII e ruta en Vespa, oferta do turismo histórico na Pontenova

Tempo de lectura: 3 min.

Máis de 60 profesionais de España, Francia e Portugal daranse cita na XI Feira de Artesanía e Antigüidades da Pontenova. Un evento que terá lugar os días 8, 9 e 10 de decembro, e que contará coa participación de profesionais de distintos puntos de Europa. Nesta edición, farano 60 anticuarios e artesáns de España, Francia e Portugal.

Ademais, e relacionado con este evento, haberá unha exposición de 120 pezas de olería e unha ruta reivindicativa en vespa para a posta en valor da Senda Verde. Uns eventos impulsados desde a Deputación de Lugo que, ademais, contribuirán á difusión desta cita a través da TIC. Tamén haberá demostracións de oficios tradicionais en vivo e menús de produtos típicos con prezos vantaxosos nos establecementos da localidade.

Na Praza dos Fornos situarase todos os profesionais participantes: 30 artesáns e 30 anticuarios, chegados de toda a xeografía nacional, dende Galicia, Asturias, Castela e León, Huesca, Leida ata Madrid; así como de distintos puntos de Portugal e Francia.

Na Casa da Cultura haberá demostracións de oficios tradicionais en vivo en quenda de mañá e de tarde. Ata o momento, está confirmada a participación de 8 artesáns: José Fernández realizará demostración de olaría de barro; Luisa Martínez Vázquez de cestería en mimbre; José Mª Rodil Arruñada forxa e obradoiros de navallas; José María García Bouza realizará talla en madeira; Jesús Iglesias de torno; José Ramón Carballeira fará exhibición de tear triangular; María José Arruñada fará pintura ao óleo e Mari Carmen Otero de cestaría.

Motos vespa / via-vespa.com

Olería e vespas

Ademais, a Deputación de Lugo levará unha exposición do Centro de Artesanía e Deseño composta por 120 pezas de oleiría, a maioría delas corresponden ao estudo de catalogación dirixido por Xosé Francisco Doval. Tamén haberá unha colección de bargueños fabricados no obradoiro do moble do CENTRAD, que fai un percorrido pola evolución desta particular peza de escritorio dende o século XVII e ata hoxe.

Por outra banda, a Pontenova acollerá a “Ruta Reivindicativa en Vespa pola Senda Verde” o 9 de decembro. Partirá da Praza dos Fornos ás 12:00 horas. Trátase dunha iniciativa coa se demanda ao Goberno Central a recuperación e posta en valor da antiga ruta do tren mineiro, executando o proxecto que se aprobou pero nunca desenvolveu pois suspendeu os fondos prevista para facelo. Esta senda, que transcorre polos Concellos de Ribadeo, A Pontenova, Trabada e San Tirso de Abres, conta cun grande valor patrimonial, cultural e paisaxístico. Os interesados en participar nesta iniciativa aberta ao público poden inscribirse no 689 00 80 73.

“Fonda tradición” de A Pontenova

Precisamente, Darío Campos, presidente provincial e alcalde do concello, destacou que con esta cita se quere poñer en valor a “fonda tradición no sector das antigüidades, pois a vila foi o lugar de encontro de anticuarios de toda Europa na procura de pezas rústicas e tradicionais”. “ Con esta feira, xa consolidada no calendario festivo de Galicia, aproveitamos a nosa riqueza cultural para xerar oportunidades económicas no Concello, reunindo a profesionais de distintos países europeos que son capaces de mobilizar á nosa vila a milleiros de persoas durante a ponte de decembro. O ano pasado, contamos con máis de 8.000 visitantes”, indicou.

Durante as xornadas da feira haberá menús especiais a 15 euros nos restaurantes San Briz, O Lar de Balbina, A Mina e a Pulpería Esther de Monterroso.

Pode que che interese...