fbpx
Suposto guerreiro castrexo atopado en Cervo

Atópase un guerreiro castrexo na Mariña que podería acabar custodiado pola Garda Civil

Tempo de lectura: 3 min.

Por Mariña Patricia Alemparte

Hai uns días recibía do amigo Ramón Ratoeira un WhatsApp co seguinte texto: “mira isto. Castro de Rueta-Cervo (Lugo)”, e seguidamente comezaron a chegarme fotos nas que se apreciaba claramente a figura dun guerreiro galaico. Impactada polas imaxes, ao día seguinte achegámonos a Rueta, onde nos agardaba Cándida Núñez, a dona do posible guerreiro.

“Sodes vós os que vides ver a estatua?”, así nos recibía a señora Cándida, ao tempo que nos guiaba cara ao invernadoiro e nos ía debullando a curiosa historia da estatua. O seu tío, que era canteiro, estivera polo mundo adiante traballando cunha cuadrilla de canteiros pontevedreses ata que, enfermo de tuberculose, viuse forzado a regresar á casa. Consciente da gravidade da súa doenza , fixo a promesa de esculpir un santo para a igrexa. “Era moi bo canteiro e a promesa cumpriuna, pero ao cura o santo non lle gustou porque era moi grande, así que quedou na casa”, relatábanos a señora Cándida.

Ao explicarlle que a estatua era moi parecida a outras que se teñen atopado nalgúns castros, a muller aclarounos que o seu tío traballaba coa pedra da canteira que hai no castro, preto da súa casa, ao tempo que nos insistía:  “ o santo fíxoo o meu tío Inocencio, aínda que sei que moitos veciños din que xa o atopou  feito, pero dino por maldade e por envexa”.

Na cabeza do suposto guerreiro castrexo distinguese un torque

O “guerreiro santo” mellor conservado de Galicia

O guerreiro, convertido en santo pola sobriña de Inocencio, atópase deitado a carón dun muro que pecha a finca onde se atopa o invernadoiro. Esta estatua mide uns dous metros e ten todas as características dun auténtico guerreiro galaico: torques, caetra, puñal, saia, cinto con trisquel…

Todo parece indicar que se trata dun guerreiro inédito, o primeiro que se descobre na zona norte de Galicia e, sen dúbida, o mellor conservado dos que se ten noticia até o momento. Na provincia de Lugo son coñecidos dous fragmentos deste tipo de estatuas prerromanas: os pés de Bergazo (O Corgo), exposto no Museo Provincial de Lugo, e a cabeza de Ralle (Taboada).

De confirmarse a autenticidade deste ben arqueolóxico, estariamos ante un dos achados máis importantes dos últimos anos en Galicia. Un ben arqueolóxico que, segundo nos confiou esta veciña de Rueta, o seu neto, que é fontaneiro, pretende levalo para facer unha fonte no chalé que está a construír no Vilar (Burela).“Eu doullo de moi boa gana, porque ten que quedar moi bonito botando auga pola boquiña”, explicábanos emocionada a señora Cándida.

Nesta foto pode verse o escudo tipo caetra do guerreiro castrexo atopado en Cervo

Era a “autoridade” da época

Pola súa parte, Ramón Ratoeira, ao coñecer esta circunstancia, informou á Dirección Xeral de Patrimonio sobre o achado así como da posibilidade de que remate como fonte ornamental. Dende Patrimonio, pola súa banda, afirman que nesta ocasión actuaron coa máxima celeridade e que mesmo enviaron un arqueólogo que sabe de arqueoloxía para analizar a peza.

Así mesmo, solicitaron a intervención da Garda Civil ao coñecer a actitude do neto da señora Cándida, quen ameazou con rachar a escultura “en mil pedazos, antes de que a leve a Xunta”. Consultado ao respecto, o SEPRONA de Xove, que podería custodiar este importante resto arqueolóxico, prefire manter silencio sobre o feito, pero asegura que, en todo caso, cumprirán o seu cometido. “Ata poderíamos quedar con el no cuartel porque, ao fin e ao cabo, este guerreiro era un representante da autoridade na época celta, como nós o somos na actualidade”, chancearon dende o cuartel de Xove.

Pode que che interese...