A presencia dos Lancaster en Galicia
Representación da batalla na obra Recueil des croniques d’Engleterre, de Jehan de Waurin. - Batalla de Aljubarrota, 13 de agosto de 1385 entre as coroas de Portugal e Castela - Fonte Wikipedia - Master of the Vienna and Copenhagen Toison d’Or

Cando a Inglaterra dos Lancaster invadiu Galicia, nomeou rei e fixou a súa capital en Ourense

A historia de Galicia tivo varios puntos críticos, especialmente no que na súa dependencia da Coroa de Castela se refire. Galicia, coma reino subordinado de Castela (o mesmo que León, Asturias ou Portugal) tivo varios capítulos nos que puido converterse en reino independente ou anexionarse a Portugal, puidendo cambiar a fisonomía da península en notables trazas.

Unha destas sorprendentes historias é a presencia da moi británica casa Lancaster en Galicia e as súas pretensións ao trono de Castela. A Casa Lancaster, descendente da famosa familia dos Plantagnet do ducado de Normandía, de Anjou, e orixe de varios reis de Inglaterra (reinando dende 1399 ao 1471) e de Francia.

O protagonista desta historia foi o primeiro desta dinastía, Xoan de Gante, terceiro fillo do rei Henrique III de Inglaterra, que foi nomeado duque de Lancaster en 1362 e estableceu a casa que tomaría este nome coa unión de terras entre a súa casa e a da súa curmá e esposa, entre elas os dominios de Lancaster e Leicester, convertíndose nun dos fidalgos máis relevantes da illa británica.

Xoán de Gane na súa corte en Ourense, segundo unha miniatura da época

Despois do falecemento da súa primeira muller, Xoan de Lancaster volta a casar en 1371 con Constanza, a filla do Rei de Castela, Pedro I coñecido coma “O cruel” ou “O xusticieiro”, que foi morto e deposto polo seu irmán Henrique II de Trastámara. Á morte de Henrique II, foi nomeado o seu fillo, Juan I de Trastámara. De feito, o rei era nomeado “Rei de Castela, de León, de Portugal, de Toledo, de Galicia, de Sevilla, de Córdoba, de Murcia, de Jaén, del Algarve, de Algeciras, y Señor de Lara, de Vizcaia e de Molina” coma conxunto de reinos e territorios independientes. Xa Galicia e Portugal trataran, no 1370, de unirse coma coroas, sendo esta tentativa coartada con virulencia por Pedro I.

Foi o rei Juan I de Castela o que inicialmente e mediante a súa alianza coa casa real francesa chegou a acosar nos anos 70 á capital londinense, e a derrotar personalmente nalgúns enfrentamentos ao duque de Lancaster. Por iso, e polas reclamacións ao trono castelán da muller de Xoan de Gante, Constanza, non foi sorpresa que o Lancaster, aproveitando a crise en que se confinou o reinado de Juan I entre 1383 e 1385 aproveitara para terlle devolto ao castelán as súas derrotas.

Juan I de Castela tentou levar a cabo unha unificación con Portugal, ao casar coa princesa e herdeira do monarca Lusitano, Fernando I, dona Beatriz de Portugal. A súa morte, Juan I pretende materializar un dominio sobre o reino veciño, pero a nobreza lusa rebélase contra o novo rei, e en Coimbra e Lisboa Juan I é derrotado, e novamente recibe unha dura derrota militar en Aljubarrota (1385), batalla da que foxe a fume de carozo a lombo do seu cabalo, deixando ao seu chanceler detido polas mesnadas lusas. Curioso o detalle de que as tropas lusas, visto que as castelás loitaban baixo o emblema do Apóstolo Santiago, tomaran coma referente apostólico o inglés San Xurxo, advocación baixo a cal adoitarían a loitar en posteriores guerras e batallas.

Retrato de Xoán de Gante

Galicia ten un rei inglés

Neste momento de debilidade o Duque de Lancaster decide intervir e poñer en valor a condición da súa esposa como filla lexítima de Pedro I, asasinado polo seu irmán, e por tanto a súa aspiración ao trono de Castela. En 1386 firma o pacto de Windsor cos nobles levantiscos de Portugal e invade o norte da península, desembarcando nas praias da Coruña. Tiña 47 anos e estableceu unha sorte de corte na cidade de Ourense mentres é nomeado rei paralelo de Galicia coma Xoan II de Lancaster, tendo neste reino e en Asturias o seu primeiro e principal núcleo de dominio. Parece previsible que os nobres galegos tiveran a promesa de independecia con respecto a Castela, e mesmo a ampliación dos seus dominios hacia os territorios ao sur do Miño, recuperando as vellas fronteiras do antigo reino suevo.

O rei español, Xoan I de Castela chama a Cortes en Segovia en busca dunha reacción da nobleza castelá e leonesas, dado o escaso apoio dos nobles galegos. Mentres o Duque de Lancaster comeza a tomar as principáis prazas militares galegas. A cidade da Coruña caerá tras acampar o impresionante exército inglés, de sete mil homes, especialmente alarmados pola enorme efectividade dos arqueiros galeses, uns mil cincocentos, os chamados “yeoman”.

A campaña convértese nun avance cortesano máis que nunha campaña militar. Santiago abre as súas portas sen resistencia tras fuxir o arcebispo a Zamora, e fai o mesmo Ribadeo, que concentraba ao pé das súas murallas a parte do exército franco-luso que apoiaba ao Lancaster, dirixido por Pierre de Villaines. Ourense dobregase con facilidade e convértese, de facto, na capital cortesá, mentres que somentes Monforte de Lemos establece unha resistencia feroz e infrinxe aos ingleses a súa primeira derrota en Galicia.

O paso do sur convértese no principal punto de contacto cos seus aliados portugueses, tras da firma do Pacto de Windsor , casando á súa filla co candidato ao trono luso e convertendo a Portugal e Inglaterra coma aliados dende 1387, unha das principais e mais duradeiras alianzas entre nacións de Europa (e que tanta relevancia tiveron, entre outras, no S. XIX nas guerras napoleónicas e as principais guerras anglohispanas do século).

Os ingleses toman Baiona e avanzan a León

Por iso Baiona convértese nun punto moi relevante para deixar franco o paso do exército luso cara aos campamentos Láncaster, e Xoan II envía ao seu mariscal Sir Thomas Moriaux (Algúns o transcriben coma Mothuaux) á praza para que a tome. O mariscal, ao que algunhas narracións populares lle presupoñen unha pata de pau, toma a vila entre sangue, arrasando a poboación civil na mesma praia e rendindo a fortaleza de Monte do Boi coa ameaza de mil dos tan temidos arqueiros galeses, matando a toda a guarnición existente. Vergoñenta foi a actuación do Comendador Vasco Pérez de Camoens que rendeu a fortaleza sen loitar, e a quen a lenda coloca coma o culpable do desembarco dos ingleses pola súa falta de previsión e control.

Fortaleza de Monte do Boi, en Baiona, conquistada polas tropas inglesas de Lancaster

Unha vez reunidas as tropas portuguesas coas inglesas en Ourense, Xoan II de Lancaster decide avanzar hacia León para poñer en apretos ao rei castelán, pero o rei Xoan I e os seus conselleiros manobran ben, poñendo ás tropas invasoras perante unha dura guerra de desgaste por territorio descoñecido e hostil. Iso sumado ao efecto da peste levou ás tropas anglo-lusas a varias derrotas que puñan a súa situación na península en díficil equilibrio.

Por iso foi na outra Baiona, a francesa, na que ambos contendentes deciden poñer unha solución diplomática en 1388, renunciando os Lancaster á coroa castelá a cambio do matrimonio da súa filla Catalina con Henrique, o fillo de Xoan I de Trastámara. Este príncipe Henrique, futuro Henrique III de Castela, sería o primeiro nomeado coma Príncipe de Asturias, en imitación do principado de Gales ao herdeiro ao trono británico. Asimesmo, este tratado reforzaba o poder centralizante de Castela sobre o resto de reinos e asentaba o dominio da casa Trastámara coma principal da nobreza castelá.

Tratado de Windsor, acuarela

Galicia máis separada de Portugal

Outro efecto sería a separación, case que definitiva, do reino de Portugal, que aliado con Inglaterra, mantería a súa independencia ata a chegada dos Austrias. Esta separación rexia entre reinos cristianos materializaría ademáis unha separación total entre Galicia e Portugal, enfrentadas dende entón a ambas beiras da fronteira, tan belicosa nos seguintes séculos.

O retorno de Xoan de Gante, Duque de Lancaster, a Inglaterra debeu ser duro e amargo, mais recordaremos que no 1399 culmina a súas ambicións coa coroación de seu fillo coma Henrique IV de Inglaterra, deixando a pegada da súa casa en ata catro das principais dinastías reais europeas (Inglaterra, Castela, Portugal e Francia). Como curiosidade, indicar que segundo un servizo de xenealoxía israelí (MyHeritage) realizado no 2015, dous presidentes estadounidenses, Donald Trump e Bill Clinton, terían liña familiar directa por ser ambos descendentes de Xoan de Gante.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Investigador e divulgador

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: