fbpx
Ábside de San Estevo de Chouzán / pinterest.cl

Cando tesouros do románico tiveron que ser movidos pedra a pedra para salvalos dos encoros franquistas

Tempo de lectura: 3 min.

Nos anos 50 e 60 desapareceron varios pobos asulagados polas augas do río Miño. Centos de persoas tiveron que deixar as súas orixes e o seu pasado e iniciar unha nova vida lonxe das súas lembranzas. Un deses pobos foi o de Portomarín, que ficou baixo as augas logo da construción do encoro de Belesar no 1963.

A construción da presa supuxo anegar case 2.000 hectáreas de terreo fértil, ademais da desaparición do Castro Candaz, do que xa temos falado neste portal,  e da vila de Portomarín, que se reedificou preto da súa antiga localización. Outros lugares habitados desapareceron tamén baixo as aguas do encoro, como Mourulle, Pincelo, Abeledo ou Portomeñe.

Algunhas construcións foron salvadas pedra a pedra, como a igrexa románica de San Xoán. Outras tamén seguiron o mesmo exemplo como as de Santo Estevo de Chouzán e San Xoán da Cova -ambas as e Carballedo- uns anos antes entre 1947 e 1954, cando se fixo o encoro dos Peares.

Igrexa de San Xoán da Cova, trasladada pedra a pedra por mor do encoro dos Peares / descubrirgalicia.com

Novidade

Unha situación que constituía unha novidade da época, tentar salvar grandes monumentos históricos, aínda que foron moitos máis os que se perderon baixo as augas do Miño e do Sil. A primeira igrexa que se trasladou en España foi a de San Pedro de la Nave, en Zamora, en 1931. As intervencións de Carballedo leváronse a cabo só un par de décadas despois. Pero quizais foi o caso de Portomarín o máis novidoso en Europa, porque ata entón non se tiña mudado unha poboación enteira de lugar.

As tres operacións foron dirixidas polo mesmo arquitecto, Francisco Pons-Sorolla, que nesa época era responsable da Dirección Xeral de Belas Artes para a chamada zona norte, que comprendía Galicia, León e Asturias.

Igrexa de San Xoán de Portomarín, cambiada pedra a pedra tras a construción do encoro de Belesar / turismo.gal

Premio

E, agora, máis de 50 anos despois deses traslado, a obra “Traslado de tres templos románicos no condado de Pallares” acaba de gañar a XI edición do Condado de Pallares, da Deputación de Lugo. O traballo, que inclúe unha completa documentación tanto literaria como gráfica, céntrase nos monumentos que tiveron que ser retirados do seu emprazamento orixinario para que non quedaran asolagados cando foron construídos os encoros.

A autora, Alberta Lorenzo, que se formou profesionalmente na Escola Superior da Universidade da Coruña, é doutora polo Programa Arquitectura e Rehabilitación, fixo un máster en Rehabilitación Arquitectónica, levou a cabo varios traballos de investigación sobre patrimonio de Galicia e participou en varios máis. Tamén presentou preto dunha decena de relatorios  e cursos, e ten once publicacións.

O xurado, integrado polos profesores da USC e investigadores Carlos Baliñas Pérez e Gonzalo Francisco Fernández Suárez, e polo tamén investigador e responsable de Publicacións do Museo Provincial de Lugo, Fernando Arribas Arias, adoptou a decisión por unanimidade, destacando a orixinalidade e interese da investigación e calidade do texto e dos elementos gráficos, así como a achega que supón para o coñecemento e posta en valor do patrimonio do antigo Condado de Pallares.

Pode que che interese...