fbpx
Graal do Cebreiro / Lourido

Que hai de certo na lenda do Santo Grial de Galicia?

Tempo de lectura: 4 min.

O escudo de Galicia está conformado por un gran copón sagrado, unha figura que todos os investigadores relacionan co Santo Grial, ou Graal. De feito, foron moitos os artistas, escritores e poetas que teñen representado o que xa se considera un dos principais símbolos identificativos de Galicia. Pero, existe realmente o Grial?.

Na actualidade son, principalmente dúas, as cidades españolas que din ter o Santo Graal, a copa sagrada da que bebeu Cristo na súa última cea; León e Valencia. Dúas cidades, ademais, que compiten pola “veracidade” da reliquia Santa.

Os de León insisten en que o seu Graal é o auténtico. Un ensaio escrito en 2014 por Margarita Torres e José Miguel Ortega fixo famoso en todo o mundo o coñecido como cáliz de dona Urraca. Un libro que, en todo caso, tivo duras críticas por parte de diversos historiadores. E é que segundo esta obra a copa utilizada por Xesús viaxou de Xerusalén a Exipto, e de alí, no século XII, a Dénia, en agradecemento pola axuda ofrecida pola taifa ante unha grave seca. O emir de Dénia, pola súa banda, regaloulla ao pai de dona Urraca, Fernando I, rei de León.

Santo Grial de San Isidoro de León / catedral de León

Tampouco os de Valencia quedan atrás. De feito, acaban de instalar 38 novos proxectores e 28 metros de tiras de LED que iluminan a reliquia e o retablo de alabastro que a envolve. A capela do Santo Cáliz, erixida no século XIV en pedra escura, é agora un espazo cegador na catedral de Valencia.

O Grial de Valencia / Catedral de Valencia

Tamén na cidade do Turia insisten en que o seu cáliz foi o que usou Cristo. A ruta seguida polo suposto Graal de Valencia foi, segundo o Cabildo Metropolitano de Valencia, igual de accidentada. A copa levouna a Roma San Pedro e alí permaneceu ata o século III, cando San Lourenzo, diácono do papa San Sixto II, enviouna a Huesca, a súa terra natal, para protexela da persecución do cristianismo decretada polo emperador Valeriano. A reliquia pasou por distintos enclaves pirenaicos, o mosteiro de San Juan de la Peña e Barcelona, ata que no século XV o rei Alfonso El Magnánimo entregouna á catedral de Valencia.

O Grial galego

Pero, existe ou non existe entón o Grial galego?… Que o copón sagrado sexa un dos grandes símbolos do escudo galego non é baladí e pode ter a súa orixe na presenza doutro “cáliz sacro” en Galicia. Estaría no Cebreiro, na igexa de Santa María, en Pedrafita do Cebreiro (Lugo). Unha pequena vila fermosísima a case 1.300 metros de altura, e en pleno corazón do Camiño francés a Santiago na súa entrada a Galicia.

Escudo do Rei de Galiza,
cara a 1450

O Graal galego ten unha gran importancia relixiosa e vinculan a súa orixe co mosteiro de San Xeraldo de Aurillac que alí se asenta desde o ano 836 e era rexentado por monxes Benedictinos franceses. Con todo, o actual cáliz parece estar datado no século XII e presenta as inscricións: Hoc sacratur quo cuntis vita parabatur; In nomee nostri christi et beate Marie Virgine.

O Graal do Cebreiro

A fama do Graal galego débese a unha lenda que ten a súa orixe na Idade Media. Así, nun día de duro inverno con moito frío e máis neve, o monxe que oficiaba a misa pensaba que ninguén ía acudir ao oficio. Pero, de súpeto, pola porta entrou Juan Santín, un devoto veciño de Barxamaior, unha aldea a uns quilómetros da igrexa. O relixioso sorprendido pensou como era posible que con aquelas condicións terribles un home fora quen de desafiar aos elementos por tomar un pouco de pan duro e viño ácedo na Eucaristía. Pero no momento da Consagración a hostia converteuse en “carne sensible á vista”, e o cáliz en sangue, “que ferve e tingue os corporais”. Os corporais co sangue quedaron no cáliz e a hostia na patena. Aí naceu a historia do Santo Graal galego.

Foi tal a fama desta miragre que chegou a toda Europa grazas as historias dos peregrinos. Tamén en 1486 os Reis Católicos, de peregrinaxe a Santiago, detivéronse no mosteiro para ver as reliquias do milagre e quixeron levalas. Pero conta outra lenda que as bestas nas que ían negáronse a continuar o camiño ata que o cáliz volveu ao seu sitio orixinal.

É tan forte e atractiva a historia do Graal galego que a ópera Parsifal, de Richard Wagner, está inspirada nel. Nin as cidades de León ou Valencia, que presumen de ter o Grial orixinal, poden gabarse de ter unha ópera adicada, como ten o Graal galego.

Escrito por

Xornalista, profesor da USC e coordinador do HdG.

Pode que che interese...