fbpx
Imaxes do Camiño de Santiago antes e despois de ser arranxado / Foro do Camiño

Denuncian que as obras para restaurar tramos do Camiño destrúen tramos tradicionais

Tempo de lectura: < 1 min.

O Camiño de Santiago está convertendose no principal recurso turístico de Galicia, tanto que, ás veces, camiños tradicionais sofren as consecuencias desta turistización. Así o denuncia o Foro do Camiño que denuncia a presencia de maquinaria pesada en moitos tramos e, sobre todo, o remexido de vías naturais e tradicioanis.

Esta entidade xa puxo en coñecemento da Axencia Turismo de Galicia esta situación. Denuncian que hai obras que transforman o camiño físico e o seu propio entorno con traballos de construción cunha orientación totalmente urbanizadora. “Abríronse máis vías, puxéronse adoquinados, alterouse a rasante do chan… Usouse todo tipo de materiais de construción, gravas, saburra artificial e cementos”, apuntan.

“Un Camiño Histórico transformado pouco menos que nunha autoestrada e sen volta atrás! Non se trata dunha simple chafallada máis, trátase da destrución de patrimonio histórico, cultural, natural e espiritual e da destrución das raíces da peregrinación xacobea que se mantiveron no tempo por máis de 1200 anos, nas que se integra unha paisaxe natural excepcional e un patrimonio material e inmaterial que está sendo destruído”, critican nunha iniciativa aberta no portal Change.org

Así, insiste en que esta restauración dos camiños tradicionais “debe facerse doutra maneira” e pide axuda para facer chegar á UNESCO a súa petición para que revisen a realización desas obras que, nalgúns casos, non conta con impacto natural ou patrimonial.

Foro do Camiño xa enviou un escrito á UNESCO/ICOMOS con data do 26 de Xullo de 2016 cos distintos proxectos de “construción e acondicionamento” do Camiño de Santiago. Aquí podes acceder ás fotos do Camiño, antes e despois das obras.

Pode que che interese...