Petróglifo queimado no Coto da Cidade, en Pontecaldelas / Pablo Eirín- Patrimonio Galego

Extenso Informe do patrimonio de Galicia queimado en outubro: Petróglifos, castros, castelos e outros bens

Hai unhas semanas, HdG xa daba conta do patrimonio queimado nos terribles incendios de Gondomar e Nigrán. Alí arderon por completo o castro de Chandebrito, a fortaleza do monte Galiñeiro ou a Torre de Méndez.

Posteriormente, a Xunta informou que, nunha primeira avaliación só atopara un petróglifo afectado polos terribles lumes de outubro. Por iso, HdG fixo un chamamento aos seus lectores para que deran conta de como están realmente os nosos bens. Nesta nova información, e con achegas de Elixio Vieites e de lectores deste portal, realizamos un pequeno informe no que tentamos dar conta de novos e importantes monumentos que tamén se queimaron noutros puntos da xeografía galega durante a terrible vaga de lumes de outubro que calcinou 50.000 hectáreas.

En todo caso, insistimos de que este informe non está completo e animamos aos lectores a que dean conta de máis afectacións. A idea é pasarlle todas as informacións a Patrimonio para que actúe, tras indicar que só se queimara un petróglifo.

Esta e a lista (aínda incompleta) feita por Historia de Galicia:

Castro de Altamira. Taboexa  (Concello das Neves)

É un castro de pequenas dimensións, cun diámetro total de 50 metros, cunha acrópole ben definida. Aínda é posible ver restos da súa muralla defensiva e un foxo na súa aba nordeste. Nas primeiras escavacións do castro realizadas no ano 1929 atoparonse varias moedas, cravos, coitelos de ferro, fíbulas, lucernas, muíños de man, cerámicas e restos dun peite de cobre. Foi escavado tamén no ano 1953 por Filgueira Valverde e Alfredo García Alén e, novamente, entre 1973 e 1976 por García Alén e Acuña Castroviejo que atoparon fíbulas en omega, agullas de fíbula, aneis, moedas, pequenos lingotes de chumbo e un muíño de man. Na última escavación, que tivo lugar no 1999, foron descubertas diversas figuras de bronce, como un pedestal, un togado e un aplique.

Pero o achado máis importante, segundo recolle Patrimoniogalego, foi realizado por un veciño do lugar cando participaba unha escavación de Alfredo García Alén. Na aba oeste atopou unha figura de 11,5 cm feita en bronce que representa ao deus Mercurio, hoxe depositada no Museo de Pontevedra.

Castro de Altamira antes do lume. Taboexa. As Neves. Foto de Oscar Franco en patrimoniogalego.net

Castro de Altamira. As Neves. Foto do facebook de Poza  da Serpe

 

Castro de Altamira. Taboexa. As Neves . Foto do Facebook da Poza da Serpe

 

Castro de Altamira. Taboexa. As Neves . Foto do facebook da Poza da Serpe

 

Castro de Chandebrito (Nigrán)

Como xa recolleu este portal, o Castro de Chandebrito foi un poboado que estivo habitado entre os séculos V a.C. e II da nosa era e que fala tamén do control e dominio xa en época romana da zona.

Castro de Chandebrito, en Nigran / patrimoniogalego.net

Castro de Chandebrito | Foto: 1.1 Fotografía

Castro de Chandebrito. Nigrán. Foto de Miguel Núñez

 

Castro de Troña (Ponteareas)

O Castro de Troña é un poboado fortificado caracterizado polas súas propiedades defensivas e pola armazón de edificacións que permiten o desenvolvemento da vida cotiá. Posúe dous recintos principais claramente identificados pola muralla, ademais de polos restos descubertos durante as campañas de escavación.

En conxunto pódense observar máis dunha trintena de edificacións, entre vivendas e anexos, así como parte das murallas perimétricas. Existen ademais unha serie de elementos singulares de especial interese para a visita. No extremo Leste, ó acubillo da muralla-torre grande, e entre as edificacións, destaca o gravado dunha serpe sobre a cara vertical dunha rocha. A poucos metros veremos un profundo oco escavado ó pé da muralla, probablemente utilizado como alxibe

Tal e como recolle Patrimoniogalego, na parte máis elevada erixíronse varias construccións contemporáneas: a igrexa dedicada ó Doce Nome de Xesús, dous cruceiros, fonte e lavadoiro. Ó redor da ermida celébrase unha romaría o 6 de agosto.

Castro de Troña. Ponteareas. Foto : Jhonatán Zúñiga. Meigo do Tea

 

Castro de Troña. Ponteareas. Foto: Jhonatán Zúñiga. Meigo do Tea

 

Castro de Troña. Ponteareas. Foto : Jhonatán Zúñiga. Meigo do Tea

 

Silleda. Parroquia Siador. Grupo de Mámoas da Costa de Laro

Tamén resulttou afectada a mámoa da Costa de Laro, en Silleda, situada a unha altitude de 695 m. Forma parte dun conxunto de catro mámoas catalogadas como Mámoas da Costa de Laro, no cumio do monte da Conroa, sendo esta a que está máis ao norte e abrangue 22 metros de diamétro.

En outubro do 2017 queimouse o monte no que se atopa deixando á vista moitas pedras en superficie que podería corresponder coas que compoñen a súa coiraza.  Tamén hai tempo puxeron un poste de punto xeodésico no seu túmulo. As fotos son cortesía de Daniel González Alén.

Mámoa da Costa de Laro I. Siador. Silleda. Foto: Daniel González Alén

 

Coiraza queimada da mámoa da Costa de Laro I. Siador. Silleda. Foto: Daniel González Alén

 

Mámoa da Costa de Laro II. Siador. Silleda. Foto: Daniel González Alén

 

Castelo Grande (Ponte Caldelas)

O Castelo Grande son unhas ruínas situadas en Ponte Caldelas, a 487 metros de altura, e con amplas vistas das terras de arredor. Consta dunha croa superior en forma de óvalo irregular duns 40 m de lonxitude no eixe este-oeste e 20 m no norte-sur, delimitada pola beira norte por una muralla de grandes bloques de cantería, ben encaixados entre si.

Tal e como publica Pablo Eirín en Patrimonio Galego, a superficie do recinto da croa é irregular con abundante cachotería a nivel superficial e aínda se atopa un perpiaño illado ben labrado aflorando do chairo. No extremo oeste, vese unha esquina dun muro de perpiaño ben encaixado cunha orientación noroeste-noreste. Dende este punto destaca claramente do monte onde se atopa o castro de Peneda.

Castelo Grande. Ponte Caldelas. Foto Pablo Eirín en patrimoniogaleno.net

 

Castelo Grande. Ponte Caldelas. Foto Pablo Eirín en patrimoniogaleno.net

 

Monte Alba (Vigo)

O Monte Alba sitúase a 502 m sobre o nivel do mar. É máis coñecido pola famosa capela do mesmo nome que coroa o cume. Nela venérase á nosa Señora da Alba e a San Bartolomeu. Trátase dunha ermida de sillería con planta rectangular.

Outrora formaba parte dun a fortaleza medieval que ocupaba a cima. Esta pertencía á casa dos Valadares e levaba o nome de Castelo do Alba. Non é estraño o seu emprazamento pois desde aquí domínase toda a área de Vigo e a súa ría. Proba diso é o escudo que se conserva na fachada da capela e que pertencía a esta familia e os diferentes restos de muros e pedras que se atopan nos arredores.

Monte Alba. Vigo . Foto de Galo Dourado en facebook Arqueoloxía de Galicia

 

Torre de Méndez (Nigrán)

A Torre de Méndez, en Camos, Nigrán, son os restos dun magnífico pazo, tamén BIC, do século XVI, hoxe en ruínas. Os muros que se poden contemplar na actualidade formaban parte da fachada principal do pazo e das súas dependencias interiores. Da capela consérvanse as fornelas e un amplo arco de medio punto, sobre o que se pode ler: “Esta capilla es de Antonio Méndez Ozores de Sotomayor”. Tamén ardeu.

Torre de Méndez, en Nigrán, un pazo do século XVI, queimado / J.M. Fajo

 

Así era a Torre de Méndez, en Nigrán, antes de queimarse / Patrimoniogalego

 

A fortaleza do Monte Galiñeiro

Afortaleza ou “castro do Galiñeiro” quedou moi afectada.  No cumio deste monte que domina o Val Miñor estiveron, probablemente, un antigo castro e unha fortaleza medieval.

Fortaleza do Galiñeiro

Fortaleza do Galiñeiro antes de queimarse / Soledad Felloza

 

Petróglifos Monte Maúxo (Vigo – Nigrán)

Tal e como se denuncia na web petroglifosdomauxo, a pegada dos lumes e a súa violencia foi evidente nalgunhas das estacións. “Vítimas dunha política de ordenación forestal e de unha protección legal inexistentes, deixados a monte e traídos polos que se supón deben lexislar e protexer o noso patrimonio e cultura, os petróglifos teñen unha nova ameaza que pode causar danos irreparábeis neles: a termoclastia”, indica.

De feito, as diferencias de temperatura sufrida poden provocar que se produzan fracturas na capa superficial da rocha como sufriu a Laxe das Tenxiñas despois dos incendios de hai uns anos. Os efectos da termoclastia deixaron a capa superficial fracturada en anaquiños. “Só o tempo vai mostrar si as laxes van sufrir os efectos das diferencias termicas ou non xa que isto non ten por que producirse inmediatamente”, advirte.

Petróglifos Monte do Maúxo. Vigo – Nigrán. Foto Angel de Prado en https://petroglifosdomauxo.com/

 

Petróglifos Monte do Maúxo. Vigo – Nigrán. Foto Angel de Prado en https://petroglifosdomauxo.com/

 

Petróglifo do Coto da Cidade  (Ponte Caldelas)

Está situado no punto máis alto do castro do Coto da Cidade. Nel hai varias rochas e na máis elevada atópase un conxunto de cinco coviñas de distinto tamaño e profundidade, non menos de 10 cm de diámetro. Dúas delas están aliñadas nunha fenda natural da rocha, de certo que teñen orixe na erosión natural, pero foron retocadas para darlles máis profundade e un perfil máis homoxéneo.

Tal e como recolle Pablo Eirín en Patrimoniogalego, por enriba delas hai unha terceira de profundidade media con non máis de 2 cm de profundidade. E finalmente, na parte máis alta desta rocha outras dúas case imperceptibles, perfectamente circulares unha a carón doutra apenas teñen profundidade, un par de milímetros quizais, con fondo plano. Os lumes de outubre tamén afectaron esta estación.

Petróglifo do Coto da Cidade. Ponte Caldelas . Foto : Pablo Eirín en patrimoniogalego.net

 

Petróglifo do Coto da Cidade. Ponte Caldelas. Foto : Pablo Eirín en patrimoniogalego.net

 

Petróglifos do Outeiro do Mar. Pazos de Borbén

Tal e como xa publicou HdG, Vicky remitiunos varis fotos de como quedaron os petróglifos do Outeiro do Mar, en Moscoso, Pazos de Borbén, un dos concellos máis tocados polos incendios. Como se poden ver nas imaxes enviadas, as insculturas resultaron afectadas e a pedra da estación rupestre mesmo escachou nalgúns puntos.

Petŕoglifos de Outeiro do Mar, en Pazos de Borbén, moi afectados polos incendios de 2017 / Vicky

A mesma lectora apunta que hai outros petŕoglifos pretos desta estación, os da Casa da Rapadoira e os de Xampardiño, pero que non se puido achegar aínda a comprobar o seu estado, aínda que teme que tamén estean moi afectados.

A estación de Outeiro do Mar, en Moscoso, Pazos do Borbén, antes de queimarse / megaliticia.blogspot

Os petróglifos do Outeiro do Mar son da Edade do Bronce e están xa catalogados. Esta estación componse de varias laxes na que podemos ver círculos, coviñas, cruces e liñas figurativas indeterminadas.

Petróglifo das Tenxiñas (Amoedo)

Jorge Álvarez García informou a través do FB de Historia de Galicia que resultaron afectados petróglifos en Amoedo e Pazos de Borben ate nun 100% e que o petroglifo das Tenxiñas foi danado no seu panel sur por termoclastismo. “A escena de cervos e varios gravados abstractos sufriron danos”, sinalou. Tamén ardeu o Castro do coto de Altamira

Hórreo queimado en Ourense na vaga de lumes de outubro de 2017 / FB O Sil

73 hórreos afectados nas Neves

Nas Neves, un dos concellos máis afectados polos lumes onde arderon un total de 73 horreos, algúns deles do século XVIII, e a maior parte deles de máis de cen anos. Polo tanto, forman parte xa do patrimonio material deste concello.

Con todo, e tal e como xa publicou HdG, a Xunta negouse a recoñecer estas construccións no decreto de axudas após os lumes. Unha situación que pode provocar que moitos destes bens non sexan restaurados.

Por iso, o rexedor das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, criticou duramente esta medida. En declaracións a Historia de Galicia denunciaba que a Xunta equipare agora estes bens como “cubertas de uralita” e sen posibilidade de ser subvencionada a súa restaruación. “É unha vergoña que non sexan recoñecidos como patrimonio histórico do concello porque agora moitos deles, algúns deles de varios centos de anos, quedarán probablemente sen restaurar”, laiouse.

 

Camiños tradicionais “arrasados” en Monforte

“A Xunta arrasou todo o que se lle puña por diante: árbores centenarias, castiñeiros, piñeiros arrincados, peches de pedra tradicionais… Atrancaron as entradas das leiras privadas sen informar aos veciños, á asociación, ou ao pedáneo”. É a denuncia que fai a Asociación de Veciños de Chavaga, en Monforte de Lemos, tal e como xa publicou o HdG.

A entidade acusou á Xunta de causar “danos” en terreos privados e en camiños veciñais durante os incendios forestais de outubro a pesar de que “non había ningún tipo de perigo de que o lume invadira vivendas”.

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: