fbpx
Danos na mámoa do Monteirón, en Friol / Xabier Moure

O que importa o patrimonio; danan novas mámoas en Friol a pesar de que Cultura abrira xa expedientes de sanción

Tempo de lectura: 3 min.

Hai uns días, dende o Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo comunicou que propuxeron á Dirección Xeral do Patrimonio en Santiago a incoación de tres expedientes sancionadores pola realización de obras no Parque Empresarial de Friol sen o previo e preceptivo control arqueolóxico. A apertura destes expedientes obedece á denuncia que o pasado mes de setembro presentou o Colectivo Patrimonio dos Ancares, e da que xa deu conta este portal, pola agresión a dúas mámoas e a destrución total doutra con maquinaria pesada, todas catalogadas.

Desperfectos na mámoa de Pedrouzos, en Friol / Xabier Moure

Pero, a pesar da apertura destas sancións, continuaron as agresión. Noutra visita que realizaron os membros deste colectivo a este concello comprobaron que outras dúas mámoas sufriron novas agresións.

A primeira é unha mámoa, catalogada, da necrópole megalítica dos Pedrouzos, na parroquia de Santalla da Devesa. Ten unhas medidas aproximadas de 14 metros de diámetro e unha altura de case 2 metros. Está situada nas inmediacións dunha pista que foi asfaltada non hai moito (que por certo, xa presenta numerosísimos baches) e que leva ás instalacións dunha empresa inauguradas a principios deste mes de decembro. Na cara que da á pista obsérvase un longo corte producido por maquinaria pesada, ocasionado ao limpar de árbores e maleza o sitio, non sabemos se con motivo dos labores de asfaltado ou para a instalación dos postes que levan a electricidade para as devanditas instalacións.

Sinais esnaquizados na mámoa do Monteirón, en Friol / Xabier Moure

Uso de maquinaria pesada

A segunda mámoa agredida, tamén catalogada, é a da necrópole de Reigosa, na parroquia de Lamas, un enorme túmulo duns 5 metros de altura. Con motivo da limpeza do monte, unha máquina pesada pasou sobre a mámoa producíndolle profundos sucos coas rodas e depositando sobre ela terra e cascallos.

E por último, na necrópole megalítica de Monteirón ou das Gándaras de Narla, onde se atopa o túmulo catalogado co número 1, de 55 metros de perímetro e 4 de altura, a sinalización foi derrubada. Un indicador de dirección foi tirado por un camión ou tractor tal como evidencias as rodeiras, e tamén o panel que informa sobre a necrópole.

Denuncias

“Dende o noso colectivo xa vimos de presentar as novas denuncias. Esperamos que as propostas de sanción en curso sexan exemplarizantes, e que as novas denuncias sigan o mesmo camiño para, dunha vez por todas, os agresores caigan na conta de que atentar contra o noso patrimonio non pode saír gratis”, apuntan desde Patrimonio dos Ancares.

No concello de Friol había unhas 250 mámoas das que máis de 50 foron destruídas nos últimos anos. Este municipio é o que conta cunha das maiores densidades de túmulos por quilómetro cadrado de Galicia. Tamén é onde atopamos os enterramentos megalíticos máis grandes, con exemplares que pasan dos 60 metros de diámetro (hai castros que non teñen esas dimensións). Das 32 parroquias, 29 contan con este tipo de monumentos. A súa cronoloxía oscila entre o 5.000 e o 3.000 antes de Cristo.

Terra remexida na mámoa de Reigosa, en Friol / Xabier Moure

Escrito por

Divulgador e investigador do patrimonio. Impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares

Pode que che interese...