Óleo representando un naufraxio do século XIX

O Iris Hull; a terrible historia dun naufraxio con degolamentos e mariñeiros colgados nos paus do barco

Hai uns días lembramos a gran traxedia do Serpent, un buque militar británico no que perderon a vida máis de 170 homes. Pero sete anos antes, no mesmo lugar, coñecido como Baixos do Boi, preto de Cabo vilán, houbo outra traxedia, a do Iris Hull. Un vapor británico procedente de Cardiff con rumbo a India.

Unha traxedia na que só se salvou un mariñeiro dos 36 que compuñan a tribulación e que foi recollida profusamente nos xornais da época. Así, o día 11 de novembro de 1883,  “La Iberia” (Madrid) relataba:

“Aquí os detalles do sensible naufraxio do vapor inglés Iris, que procedente de Cardiff con rumbo o Estreito (para a India) embarrancou ás 4 da madrugada do día 5, ó norte do cabo Vilán, pero con tan mala sorte, que de 36 individuos  que constituían a súa dotación, só un se salvou, segundo noticias, en bastante mal estado. Este individuo foi conducido de inmediato a Camariñas e é o que da razón de que o capitán degolouse antes de que el, con outros cinco, tiráronse ó mar co obxecto de salvarse.

Segundo noticias, antonte á mañá, aínda se vía dende terra o resto da tripulación agarrados aos paos pedindo auxilio, que imposible darlles, dado o estado tan impoñente do mar.

Inmediatamente partiu para o punto do sinistro o vicecónsul  británico. Non hai máis detalles”.

Pintura sobre o naufraxio do Serpent

O día 14 sae no xornal “El Imparcial” un artigo titulado “El abandono de las costas”. Unha crítica ao goberno español facéndose eco de que os mariños ingleses consideran esta costa como a máis perigosa e é para eles a máis temida. O naufraxio do Iris, un dos que acaban de perderse  naquel lugar, ocorreu próximo ás costas. O buque ó tocar os baixos comezou a facer auga e afundirse, e durante todo un día oito tripulantes estiveron nos paus esperando auxilio. E estando a 100 metros da beira foi imposible axudalos, pola falta de medios de salvamento.

Segue comentando, que esta é a grave responsabilidade do goberno, e de que xa é hora , “por sentimentos de humanidade”, se doten de medidas nas costas occidentais de Galicia, de tódolos medios que os adiantos da época aconsellan para anunciar aos mariños os perigos que deben evitar. Di que non existen boias de campanas, nin grandes altofalantes que esas noites de pechazón poden substituír ós faros.

O venres 16, nos xornais “Correspondencia de España” e “La Iberia” publican o seguinte:

Hoxe podemos ampliar cos seguintes detalles a noticia do naufraxio do Iris Hull:

Ás 8 da mañá circulou por Camariñas (Coruña) a noticia de que nos baixos pretos ó cabo Vilán, naufragara un vapor, e que os tripulantes estaban nos paus pedindo auxilio. Inmediatamente, e movidos por un sentimento de humanidade, puxéronse en marcha numerosas persoas, desexando socorrer aos infelices que loitaban coa morte; e a media legua de distancia, en dirección Norte e sitio coñecido por Punta do Boi, o cadro que se presentou era terrible: o buque completamente sumerxido e en parte esnaquizado; dos tres paos que tiña, conservaba dous; e nas xarcias, atados ós mastros, 9 homes, que ó ver a xente na beira, redoblaron os seus berros de socorro. Estaban tan preto de terra que, en días de calma, pódese  falar, quedando todas aquelas pedras en seco cando baixa a marea. Tal espectáculo contrastaba co ánimo, aumentando a pena a imposibilidade de poder socorrelos; enormes montañas de auga cubríanos por intervalos, o vento sur soprando con furia e as rompentes que se estendían máis de dúas millas a fóra, impedían que ningunha lancha puidera chegar ó buque para recoller a aqueles desgraciados.

Todo o día durou este martirio para os pobres náufragos, e durante este tempo, dous deles, intentaron salvarse a nado, pero desapareceron instantaneamente entre as escumas. A noite ven coas súas tebras a poñer fin a tanto sufrimento, e durante ela desapareceron homes e paos, rematando de esnaquizar o buque.

Temporal na Costa da Morte / RTVE

De toda a tripulación soamente se salvou un home a nado que foi recollido no monte pouco despois de saír da auga, espido e coas pernas e mans sanguentas polas rozaduras que sufriu contra as rochas.

Como se salvou non se concibe sen admitir unha especie de prodixio; tal era o estado do mar, que o infeliz tivera que saír nadando á distancia de dúas millas ó sur do lugar do naufraxio. Conducido a Camariñas, déronlle os coidados co seu estado reclamaba e segue relativamente ben.

Segundo máis tarde manifestou, en inglés. O vapor tamén inglés chamábase Iris Hull, de 300 toneladas; procedía de Cardiff, de onde partira o sábado, e ás 4 da mañá deu nos baixos. Compoñían a tripulación 37 homes e o capitán; pero despois de varar o buque e sen dúbida comprendendo a imposibilidade de salvarse, suicidouse o capitán cortándose as arterias da gorxa”.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Divulgador

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: