fbpx
O cine París, de Muros, nos tempos de maior esplendor, cando xente de toda a Costa da Morte acudía a súa sala / themurostimes.com

A lenta agonía do cine de Muros, un dos grandes exemplos da arquitectura modernista mariñeira

Tempo de lectura: 4 min.

Moi poucos son os que aínda se lembran de cando o cine París de Muros, ou simplemente o cine de Muros estaba en funcionamento. Erguido a comezos de século XX, nun maxistral estilo modernista, pertence a esa tipoloxía dos cines que enchían as cidades e vilas medianas de Galicia como un dos escasos lugares de reunión e ocio que as xentes se podían permitir ó longo dos primeiros dous terzos do século XX. Mais, un século despois da súa construción, a nova non é, como debería ser, a revitalización do edificio e da tipoloxía, e a de se converter nun atractivo para o patrimonio cultural e o turismo da vila, senón a súa progresiva e, semella que irresoluble, situación ruinosa. 

Despois de décadas de abandono a alarma saltou dun xeito definitivo a comezos do mes de setembro, cando por mor dun dos últimos vendavais do verán  unha das vigas orixinais do edificio cedeu caendo sobre o patio de butacas e arrastrando con ela unha sección completa do tellado. A nova, recollida daquela nos medios galegos, semellaba parte dunha crónica anunciada, xa que o edificio fora cercado e dende facía tempo e parte dos veciños da vila recoñecían o mal estado do antigo cine. Neste mes de setembro, á rúa non caeron elementos da cuberta, mais as dúas estreitas calellas peonís que o circundan, apesares de ser segundo os técnicos seguras, non semellan dar tranquilidade que precisas medios e peóns. O estado do edificio preocupa, xa que está caendo, comeza a haber fendas nas fachadas e tellas soltas, e coas primeiras chuvias do ano a auga xa entra libremente ó interior. Comeza a ser o fin de un dos edificios máis singulares da vila de Muros.

Longo deterioro

Así, a alcaldesa da vila María Xosé Alonso Torres, de Compromiso por Galicia, denunciaba na xunta de portavoces da pasada semana os atrancos que, segundo ela, estarían poñendo para a súa rehabilitación PP e PSdG. Segundo a rexedora, PP e PSdG pretenden deixar o edificio sen tellado, acusando ás voceiras destes grupos municipais de poñer escusas e atrancos e opoñerse a unha solución do problema.

O cine Paris, de estilo modernista, en Muros, completamente abandonado / guiademuros.blogspot.com

O certo é que o inmoble é propiedade do concello dende o ano 2009, xa que, despois de anos de intentos de venta por parte dos herdeiros do seu propietario orixinal, foi a corporación, co apoio da Deputación Provincial da Coruña, a que se fixo co antigo edificio por unha suma de 734.720€, sendo alcalde Domingos Dosil Cubelos do grupo BNG. Dous anos despois, no ano 2011, anunciouse a rehabilitación do cine, co obxectivo de crear un auditorio e un espazo cultural. Contábase para isto, cun convenio de colaboración co Decanato do COAG, cunha convocatoria dun concurso público para a súa rehabilitación, que se fallou non moito tempo despois. 

A proposta era crear un auditorio para a vila, que contara polo menos cunhas 200 butacas e unha pequena sala de exposición xunto á galería, así coma outros espazos adxuntos. Para isto lanzouse o concurso no que se presentaron propostas dunha máis que adecuada calidade e do que resultou gañador o proxecto de Cristina Asende e Alberto Quintáns. O financiamento da obra, taxado en un millón de euros, debería ser achegado mediante un convenio de colaboración entre administracións, nas que o propio consistorio, con axudas xa comprometidas do Ministerio de Cultura, achegaría uns 500.000€, no marco da novena fase do Plan Especial de Protección do Casco Histórico de Muros. Sen embargo, nin a administración autonómica do PP nin a Deputación do PSdG e BNG chegaron a acordo co concello, e co cambio de rexedor municipal ese mesmo ano o proxecto foise perdendo no esquecemento.

Así a única iniciativa neste tempo foi a de cercalo e a elaboración por parte do Concello dun plan de mantemento, que, á vista do ocorrido no mes de setembro, ou non se desenvolveu o non foi en absoluto efectivo. Agora si, no propio mes de outubro, despois da caída da cuberta, o Concello procedeu ó apuntalamento do edificio, o que en opinión da rexedora, e máis dos grupos da oposición é unha solución absolutamente insuficiente. E así que nas últimas reunións entre a corporación municipal e os arquitectos se volveu mirar a opción de desenvolver o proxecto de rehabilitación en dúas fases, unha primeira de consolidación de elementos estruturais, paredes tellados e elementos sustentantes, que permitira empregar o edificio baleirado, e unha segunda, de dotacións interiores cando se atope un financiamento maior. Para isto compre a colaboración dos distintos grupos políticos e de diversas administracións, o que semella especialmente complicado nestes momentos. 

Proxecto da restauración interior do cine Paris, en Muros / Concello de Muros

Un dos exemplos máis excepcionais  da súa tipoloxía  

Certo é que nos dous primeiros terzos do século XX non había vila de Galicia que se prezase que non tivera un cine. Porén, aínda que son cada vez menos os exemplos que conservamos da tipoloxía, poucos seguen a ter, aínda en ruínas, a presenza do de Muros. É de estilo modernista, situado ó carón do mar, e aínda que en si forma una estrutura bastante sinxela, baseada nunha gran sala de proxección cun gran patio de butacas en dous niveis, o certo é que a decoración do seu interior e da súa fachada principal fan destacar o edificio no conxunto da vila. 

O meirande interese do inmoble céntrase na súa fachada principal, aquela que se abre á fronte marítima. Esta é de plena herdanza modernista e apela directamente ós comezos do século XX no que se ergueu o edificio recreativo. O cine desenvólvese en dous niveis, pretendidamente contrastados. O inferior un macizo soportal sobre arcos rebaixados de cantería de granito e estética almofadada, e o superior, de formigón encalado, a xeito de galería completamente furada por unha sucesión de fiestras verticais. A primeira é o típico soportal de acceso ás tipoloxías de espectáculo de cambio de século, acollendo dúas grandes portas centrais e flanqueado polas taquillas, acolle ós espectadores para non agardar ó raso. A segunda, a fachada puramente modernista, lanza a imaxe dunha tipoloxía moderna, con materiais e formas novas, que denota que non é un edificio o uso, senón unha das tipoloxías de maior vangarda de vai cen anos: o cine da vila.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...