O que o lume dá e quita: petróglifos danados, pero aparecen novas estacións en Pazos de Borbén

Un dos promotores da Senda Arqueoloxica de Amoedo, Jorge Álvarez, remitiunos un interesante artigo sobre a inspección realizada no patrimonio arqueolóxico desta parroquia de Pazos de Borbén. Unha inspección na que, lamentablemente, comprobouse perda de parte de dous petróglifos, un deles o monumental petróglifo das Tenxiñas en Borbén. Pero tamén deu lugar a novos achados. De feito, apareceron novas estacións, algúnas delas, di “moi interesantes”.

Esta inspección foi realizada o pasado 9 de novembro por José Manuel Rey García, director do Centro Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro e arqueólogo técnico da Xunta, os tamén arqueólogos do IEM (Instituto de Estudos Miñoráns) Xosé Lois Vilar Pedreira e Manuel Ledo Bernárdez, que estiveron acompañados polos promotores da Senda Arqueolóxica de Amoedo, o propio Jorge Álvarez García, e Antonio Graña.  De feito, e tras a visita, sopesouse a posibilidade de solicitar unha figura de protección patrimonial para as áreas onde se concentran estes recursos e evitar así o seu deterioro continuado dos mesmos

Este é o seu artigo que chega logo da chamada desta web a que todos os seus lectores acheguen información sobre os bens afectadas –o tamén descubertos– logo da vaga de lumes de outubro.

 

O noso monte é memoria. Nel atesourase un riquísimo patrimonio cultural desde os topónimos ata os petróglifos, desde os contos ata as mámoas ou desde unha simple cantiga ata un muíño ao pé dun río… Esta riqueza está en cada recuncho de Galicia, de cada aldea e vila, pero que, como se comproba moitas veces, corre o risco de desaparecer e con ela o fundamento da identidade cultural do pobo galego que nos define como tal.

Os lumes son un mal dos nosos montes demasiado habituais e que non debemos tomar como algo “normal” ou algo ao que nos debamos habituar. O lume sempre deixa a súa nefasta pegada alí por onde pasa e no caso do patrimonio galego a pegada é tal que moitos dos gravados rupestres, por exemplo, xa case que están desaparecidos. No caso dos incendios os petróglifos son o tipo de xacementos máis prexudicados, xa que se o entorno destes non está limpo ou estando limpo a vexetación circundante que arde é elevada e mesta, a superficie da pedra acadará altísimas temperaturas que a poden facer escachar (termoclastismo) facendo desaparecer o soporte dos motivos gravados. Outros, como os foxos de lobo ou as mámoas non corren tan mala sorte.

Inspección realizada no patrimonio de Amoedo, en Pazos de Borbén, logo da vaga de lumes de outubro / Jorge Álvarez

Os lumes do 16 de outubro de 2017 procedentes da zona de Paredes e Padróns e que cruzaron varios concellos da comarca, chegando estes a Cotobade-Cerdedo, fixeron que unha vez máis o patrimonio galego ardera. Pazos de Borbén, coa súa riqueza en arte rupestre, mámoas ou construcións como a do foxo do lobo en Amoedo, non correu mellor sorte. Pero desta vez a agresividade destes lumes sobre estes bens viuse parada gracias a que se mantiveron limpas as contornas das concentracións de petróglifos, das mámoas ou da do foxo do lobo na Senda Arqueolóxica de Amoedo, sendo este ano que houbo implicación do concello neste mantemento de limpeza. Aínda así moitos gravados quedaron afumados ou denegridos.

Dous moi afectados

Dos máis de 80 petróglifos que tiña Amoedo, cantidade que aumentou considerablemente a uns 150, dous sufriron danos de diversa consideración por termoclastismo. Un deles foi o monumental petróglifo das Tenxiñas en Borbén, que debido á densidade arbórea no seu perímetro e ao forte vento que levou as lapas directamente á parede lateral sur, escachou. Nesta masa de granito escachada víronse prexudicados varios dos cervos así como outros gravados de tipo abstracto. O deterioro deste petróglifo xa é moi evidente. O segundo, un petróglifo pequecho de Rego Novo (Amoedo) sufriu cuantiosos danos en toda a súa extensión debido aos mesmos factores que o das Tenxiñas, pero ao contrario que o das Tenxiñas, este perdeuse irremediablemente para sempre.

Novos achados

Despois dos incendios, nas semanas seguintes, houbo unha inspección dos montes de xeito continuado para avaliar o estado do patrimonio de Amoedo e arredores. De xeito oficial, o xoves día 9, realizouse esta avaliación con José Manuel Rey García, director do Centro Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro e arqueólogo técnico da Xunta, cos tamén arqueólogos do IEM (Instituto de Estudos Miñoráns) Xosé Lois Vilar Pedreira e Manuel Ledo Bernárdez e acompañados polos promotores da Senda Arqueolóxica de Amoedo Jorge Álvarez García e Antonio Graña. Nestas prospeccións do territorio sobre o patrimonio apareceron máis superficies de rocha gravada: rochas con coviñas, o elemento abstracto máis sinxelo e representado; petróglifos de combinacións circulares ou representacións abstractas que agrupan distintos elementos de representación, un petróglifo que de 2 pasou a 5 puñais xunto a un podo morfo, indicios de xacementos do paleolítico á idade do bronce ou un novo petróglifo descuberto por un ciclista nos montes de Reboreda no barrio da Quintana, que aínda sen terse feito un estudo pormenorizado da rocha, promete dar sorpresas.

Como resultado desta concentración excepcional de 21 mámoas, castros e máis dun cento de petróglifos, falouse co técnico da Xunta, José Manuel Rey García, para sopesar a posibilidade de solicitar unha figura de protección patrimonial para as áreas onde se concentran estes recursos e evitar así o seu deterioro continuado dos mesmos. Isto require primeiramente unha catalogación axeitada de todos os elementos e unha proposta conxunta e consensuada entre técnicos, veciños, comunidade de montes e concello. Con todo, Manuel Rey elaborará un informe técnico para patrimonio que dará conta do potencial arqueolóxico da zona.

Estación rupestre afectada en Pazos de Borbén logo da vaga de lume de outubro de 2017 / Jorge Álvarez

Ausencia de políticas

Teño que denunciar que nos incendios de 2006 o bipartito contratara varias empresas de arqueoloxía para avaliar os danos sobre o patrimonio, desta volta non contrataron a ninguén. A ausencia dunha política de conservación e divulgación leva á perda irreversible de parte do noso patrimonio e aínda así continuamos cunha política de parches a posteriori ou nin iso, cando o normal é traballar de xeito preventivo. Un piñeiro pódelo volver a plantar, o petróglifo se rebenta, rebenta unha parte da nosa historia para sempre. Non é necesario un investimento de millóns de euros para conservar o patrimonio senón que é preciso a interacción de Xunta, comunidades de montes, propietarios particulares e concellos para manter limpos os xacementos arqueolóxicos. Con Ideas, vontade e ás veces diñeiro, o patrimonio galego non precisaría de moito máis.

Resumo da inspección sobre o terreo:

PETRÓGLIFOS

1 danado e 1 perdido. A cantidade de achados aumentaron a uns 150 petróglifos na zona de Amoedo. Mención especial a un novo en Reboreda… Espectacular.

MÁMOAS

0 danos. Posible novo túmulo.

FOXO DO LOBO

0 danos.

Demais patrimonio etnográfico: 0 danos. O lume non afectou á integridade de ningún dos bens.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Equipo técnico de Historia de Galicia

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: