fbpx
Ilustración dunha batalla entre suevos e romanos

Moda, xoias, moedas, tumbas… Ourense recrea o Reino Suevo nunha exposición única no mundo

Tempo de lectura: 5 min.

A cidade de Ourense acolle a exposición máis importante de Europa sobre o reino suevo. In tempore sueborum, que se inaugura o 15 de decembro, fai un percorrido polo tempo dos suevos na Gallaecia medieval (411-585) “reunindo a colección máis destacada que se ten realizado, cun total de 262 pezas procedentes de 39 museos de 10 países, e en cuxo catálogo participaron 60 investigadores, o que a converte no feito cultural máis relevante da provincia de Ourense. A mostra vai estar repartida entre o Centro Marcos Valcárcel, o Museo Municipal e a igrexa de Santa María Nai.

Por primeira vez  se reúne en Europa un número tan significativo de obxectos dos suevos: xoias, moedas, arte funerario e enseres cotiás, que veremos xuntos e no seu contexto. De feito, é a primeira vez en Europa que se exporán xuntas tantas pezas vinculadas aos suevos, procedentes dos seus lugares de orixe (Hungría, Eslovaquia, Chequia, Austria e Alemaña) e do territorio no que crearon o primeiro reino medieval de occidente (Galicia e Norte de Portugal).

In Tempore Sueborum pretende cubrir un oco sobre un dos mal chamados “pobos bárbaros” que na noite do 31 de decembro do ano 406 cruzaron a fronteira romana (o limes renano-danubiano) comezando un percorrido que os levaría a asentarse en diferentes provincias do Imperio Romano Occidental.

Fotografía aérea mediante voo dron do castro de Formigueiros / Manuel Franco

Obxectos únicos

Os visitantes contemplarán obxectos expostos por vez primeira en Europa, como o caldeiro do Museo Leborku, de Polonia, e o caldeiro de Musov, Museo Regional de Mikulov (República Checa). Outros son pertencentes ás elites bárbaras do centro e do leste de Europa que nunca foron vistos en España. Entre eles o busto de suevo procedente de Brigeto, que se conserva no Museo Nacional de Hungría; a estatua de suevo de xeonllos, do Museo de Historia del Arte de Viena; un busto de mármore dun xermano suevo, que luce trenza e bigote, e que procede dos Museos Reais de Bélxica.

Na mostra exhibiranse tamén tumbas principescas das elites “bárbaras” expostas por primeira vez en España, entre elas un conxunto de Balleure, do Museo de Dnon, en Francia; o conxunto da tumba de Hochfelden (Alsacia, Museo de Estrasburgo); o depósito funerario do sepulcro de neno en Gündelshein (Museo de Stuttgart, Alemaña).

Moedas e roupa

Asemade, inclúese o maior número de moedas atribuídas aos suevos mostrado nunha exposición, de xeito que será posible coñecer tremises de ouro de imitación das moedas romanas, con nomes do emperador Valentiniano III e Honorio, procedentes do Museo Arqueológico Nacional de Madrid e do Museo Nacional de Arqueología de Lisboa. Por primeira vez exporanse as silicuas de prata de Requiario, primeiro rei bárbaro que pon o seu nome nunha moeda.

Do mesmo xeito o visitante terá oportunidade de ver pezas desaparecidas que foron recuperadas para esta mostra e que, polo tanto, serán expostas xuntas por primeira vez, como é o caso do anelo e colar do Museo Nacional de Arqueología de Lisboa.

Crismón de Quiroga / Museo Diocesano de Lugo

Esta oportunidade cultural que vivirá Ourense permitirá contemplar como vestían as primeiras mulleres suevas mediante os obxectos atopados nas súas tumbas. Aquí se amosarán os procedentes da necrópole tardo-antiga de Mérida (Badaxoz), do século V, en ouro e granate. Outras pezas serán emblemáticas da arqueoloxía deste período que nunca foran reunidas nunha mesma exposición monográfica. Aquí se inclúen, entre outras, a estela funeraria de Vitorinos, documento epigráfico máis antigo do cristianismo en Galicia. Pertence ao Museo Castelo de San Antón, en A Coruña, ou o vaso litúrxico de bronce, chegado do Museo Monográfico de Conímbriga.

Os Suevos nunca foran obxecto dunha exposición monográfica sobre o reino que crearon durante practicamente dous séculos na Gallaecia (411-585). Neste sentido, o obxectivo da exposición é amosar ao gran público o estudo dos pobos xermánicos e a súa interacción entre diferentes tradicións culturais e as transformacións que levaron á configuración de novas entidades socio-políticas, que son o xermolo do actual mapa xeopolítico europeo.

Pezas do V e do VI

A exposición céntrase esencialmente no período que se estende ao longo dos séculos V e VI. A maior parte das pezas procede de coleccións pertencentes a museos e institucións galegas e portuguesas: Museo Arqueolóxico Provincial de Lugo, Museo Diocesano de Lugo, Servizo Municipal de Arqueoloxía de Lugo, Museo do Castro de Viladonga, Museo Arqueolóxico Provincial de A Coruña, Museo ‘Quiñones de León’ de Vigo, Museo de Pontevedra, Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, Museo da Catedral de Ourense, Museo da Catedral de Santiago de Compostela, Museo do Mar de Galicia, Museo ‘D. Diogo de Sousa’ de Braga, Museo Pio XII de Braga, Casa do Infante de Oporto, Museo Monográfico de Coimbra e Museo Arqueológico Nacional de Lisboa.

Unha parte significativa dos obxectos veñen doutros museos españois como o Consorcio Monumental de Mérida, o Museo Nacional de Arte Romano en Mérida, Museo Arqueológico Nacional de Madrid, Museo Arqueológico Provincial de Zamora, Museo de León, Museo de la Catedral de Oviedo, Museo de Valladolid, a Biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela ou o Archivo de la Biblioteca de la Universidad Complutense.

Algunhas pezas singulares de gran valor histórico-arqueolóxico foron prestadas por outros museos e institucións europeas como o Museo Nacional de Hungría, o Museo Balatón de Hungría, o Museo Nacional de Eslovaquia, o Museo Arqueológico de Estrasburgo, o Museo de Historia del Arte de Viena; o Museo Estatal de Berlín, o Museo Denon (Chalon-sur-Saône), o Museo Real de Bellas Artes de Bélxica (Bruselas), o Museo Leborok en Polonia e o Museo Regional de Mikulove (República Checa).

Presentación da exposición In tempore Sueborun en Ourense, sobre o Reino Suevo

Ourense, capital do reino suevo

“A Gallaecia sueva ten o seu protagonismo en Ourense na Idade Media”, dixo o presidente provincial, Manuel Baltar, “un tempo crucial na creación do carácter europeo, e iso aconteceu aquí”. Así, explicou que se trata “da oferta cultural máis relevante da provincia” e cuxa temática sobrepasa o ámbito local “porque estamos a falar dun feito con 1.600 anos de historia”, o primeiro estado de Europa, no que destaca o protagonismo de Ourense nesa etapa coa capital do reino suevo con Teodomiro”.

O comisario da mostra, Jorge López Quiroga, sinalou os 262 obxectos proceden museos de 10 países: España, Portugal, Austria, República Checa, Hungría, Eslovaquia, Polonia, Bélxica, Francia, Alemaña. Na elaboración das fichas do catálogo participaron 60 autores de 10 países, e no volume de estudos participaron 50 autores de 14 países. “A contribución en número de obxectos dos diferentes museos é excepcional: o primeiro, con diferenza, o Museo Arqueológico Nacional de Madrid, seguido polo Museo de Arqueología Diogo de Dousa (Braga, Portugal), o Museo Regional de Mikulov (República Checa), o Museo Nacional de Arqueología, Lisboa (Portugal), o Museo Arqueolóxico de Ourense, o Museo Nacional de Hungría e o Museo Nacional de Eslovaquia (Bratislava).

Pode que che interese...