Recreación dun banquete no Samaín arredor dun lume purificador

Noitevella… A noite do lume novo e das meigas

O 31 de decembro é unha das datas sinaladas non só do Nadal, senón de todo o ano. Esa noite é a noite de San Silvestre, que viviu e ostentou o papado da Igrexa Católica no século IV, cando se puxo fin as persecucións aos fieis. Grazas a el convocouse o Concilio de Nicea, en 325, e tamén que bautizou ao emperador Constantino, un dos grandes abanderados da expansión e aceptación da doutrina cristiá en todo o mundo occidental.

San Silvestre morreu o 31 de decembro de 335. E, desde entón, ese día é o seu gran día. Aínda hoxe fanse celebracións no seu nome en distintas partes do mundo. E tamén en Galicia, onde se considera, do mesmo xeito que San Xoán, que ese día é unha noite especial, “unha noite de meigas”. Unha tradición que se comparte con outras partes do norte de Europa. De feito, en Alemaña, a Noitevella aínda é coñecida co nome do santo de forma habitual. É tradición neste país cear carpa, regada co viño chamado sekt e predicir o futuro mediante a cera das velas, quizais en recordo ao carácter de adiviño e “meigo” que se lle atribuíu durante moito tempo, na Idade Media, á figura de San Silvestre.

O lume, un dos elementos que une nas noites frías do Nadal

O lume novo

Unha tradición que tamén se celebra nalgunhas zonas de Galicia. Así, no paso do Ano vello para o Ano novo, celebrábase “a queima do facho” ou prender o “lume novo”. Esta práctica consistía en preparar entre os veciños un ou varios fachos de palla que se prendían despois da cea. O lume novo tiña especial importancia pois pensábase que durante esa noite, como na de defuntos, as ánimas dos devanceiros devalaban polas aldeas e se aquecían ao seu carón.

Ese lume novo levabase para as casas e era o que debía acender a cociña o día seguinte. Por iso quedaba aceso durante toda a noite, con comida para os finados da casa, que, deste xeito, participaban da cea cos vivos. Tamén a noite de San Silvestre era unha das que escollían as bruxas para celebrar o aquelarres, de aí a expresión popular de “San Silvestre, meigas fóra!”. .

Dentro tamén desta mesma noite, en Vilardevós préndese o lume novo: fogueiras sobre as que saltan os veciños, do mesmo modo que se fai nas de San Xoán. Tamén se facían en Ourense, no adro das igrexas.

Inocentadas

O moderno costume de comer doce uvas ó son das doce badaladas que marcan a medianoite é agora común en Galicia, como no resto de España, pero é unha tradición moderna. Nalgunhas zonas tamén se celebraban inocentadas. Conta Taboada Chivite que en tal data os vellos do lugar aconsellaban ós novos gandeiros que lles cortasen o rabo ás vacas se querían que non moscasen durante o ano, aínda que hai quen di que esta broma pesada facíase o día de Santo Estevo, 26 de decembro. Outra das brincadeiras típicas deste día que os xastres mandaban ós seus aprendices a buscar a pedra das agullas, e tiñan que cargar con cousas pesadas un sitio para o outro.

Referencias bibliográficas:
Galipedia
MARIÑO FERRO, Xosé Ramón: Nadal na Gran Enciclopedia Galega, tomo 32. Lugo 2003.
TABOADA CHIVITE, Xesús: “La Navidad gallega y su ritualidad”, en Ritos y creencias gallegas. Sálvora, A Coruña, 1980, 117-143.
TABOADA CHIVITE, Xesús: “Refraneiro galego”, en Cadernos de Fraseoloxía Galega 2, 2000.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: