Pena Grande, xacemento paleolítico que estivo a venda nunha subasta pública / IES Basanta Silva de Vilalba

O patrimonio galego pódese vender porque “non é ilegal”, segundo a Xunta

Vender o patrimonio non “é ilegal”. Así respondeu o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, a unha pregunta da deputada nacionalista Olaia Rodil sobre a subasta do xacemento de Pena Grande de Vilalba iniciada por Facenda en dúas ocasións e paralizadas grazas á mobilización política e social en Galicia.

En todo caso, Lorenzo anunciou a paralización da terceira subasta do xacemento prevista para este venres, 15 de decembro na cidade de Lugo. En todo caso, Rodil remarcou que foi grazas á mobilización política e social polo que foron paralizadas as anteriores subastas, no mes de setembro e maio.

Pena Grande é o xacemento arredor do que se deseñou, en boa parte, o Museo de Prehistoria de Vilalba, dirixido pola persoa que escavou este xacemento. Nel atopouse a principal xoia do Museo, un colgante datado de hai máis de 10 mil anos que está considerado a peza máis antiga recuperada no país. “Parécelles normal que o principal xacemento arqueolóxico do Paleolítico Superior poida ser subastado para acabar sabe Deus en que mans e con que finalidade?”, preguntouse Rodil

“Vostedes, sabían que se ía vender e a pesar diso, afirmou, “non fixeron nada”. A parlamentaria mostrou a súa “indignación” pola inacción do goberno para parar a venda e deixar que o patrimonio cultural galego remate en mans privadas porque repetiu parafraseando a afirmación do titular do Secretaria xeral de cultura, “non é ilegal a súa venda” .

Sabían da venda

“É indignante que recoñezan que o sabían porque foron informados dende Mariña Patrimonio e non fixeran nada máis que incluír na descrición do lote a existencia de dous xacementos arqueolóxicos”. Non é normal que se poida vender este ben patrimonial a un particular, criticou Rodil.

Despois do acontecido con Pena Grande, preguntou Rodil, vai mudar algo na Dirección Xeral de Patrimonio para que restos arqueolóxicos ou calquera outro ben do patrimonio cultural de Galiza que poida ser obxecto de subasta sexa transferido ao Goberno galego?. Unha cuestión que non foi respondida polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

Satisfacción desde Cultura do País

Por outra banda, desde o colectivo Cultura do País, o principal impulsor da campaña en contra da venda do patrimonio galego e, concretamente, de Pena Grande, amosaron a súa satisfacción pola retirada da poxa do xacemento paleolítico. “Somos conscientes de que, de non ser pola mobilización e a resposta popular encetada a partir do anuncio de Cultura do País para concorrer á poxa, nestes momentos non estariamos a celebrar a paralización do procedemento”, indicou nun comunicado.

“Nos últimos días constatamos que, trala nosa decisión de constituírmonos como última liña de defensa na protección do xacemento, fomos capaces de mobilizar colectivos, medios e persoas implicadas nun mesmo obxectivo. Tamén fomos capaces de mobilizar algúns intereses inmanentes non moi confesábeis que, aínda que xurdiron como unha resposta reaccionaria ao noso anuncio; tamén serviron para evitar que a poxa seguira adiante”, engadiu.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: