Parte do mural ‘Vista de A Coruña 1669’, de urbano Lugrís / Abanca

Péchase o ano Lugrís, o pintor do mar e da paisaxe de Galicia

O pasado xoves día 14 celebrouse na cidade da Coruña, un ano máis, e xa van oito, o chamado Día de Urbano Lugrís. Esta conmemoración, celebrada este ano no mes de decembro, foi escollida de novo para reivindicar a importancia da figura do sobranceiro pintor herculino. E, tamén, e coma todos os anos, foron os colectivos O Mural e In Nave Civitam os organizadores da xornada, nun ano excepcional para a divulgación da obra deste pintor. 

Para a conmemoración escolleuse un roteiro ata a localidade veciña de Vilaboa, no concello de Culleredo, onde se visitaron in situ os frescos das escolas parroquiais e máis as pinturas da igrexa da localidade. Esta visita en bus tivo continuidade despois na propia cidade da Coruña, no Obelisco, onde se fixo a tradicional pintada de paraugas con motivos lugrisianos e se continuou cara a sede de Abanca para visitar a restaurada obra Vista da Coruña en 1669, o famoso mural do antigo café Vecchio. De seguido, os participantes continuaron en manifestación atlántica polas rúas da cidade ata o Mont Ambigú onde se inaugurou a exposición “Mar de María Antonia”, se presentou a publicación “Tras os pasos de Urbano Lugrís” e se rematou o acto cun recital de poesía. 

Esta homenaxe é unha continuación do tradicional Día de Urbano Lugrís que celebran en colaboración as dúas asociacións dende o ano 2009. Daquela ambas se uniran para reivindicar a figura do artista nun acto que era un de tantos medios de promover a recuperación do monumental mural situado no café da rúa Real, deteriorado e ameazado por humidades, fumes e pola continxencia a que estaba sometido co arrendamento do local. Oito anos despois foi Abanca quen se fixo cargo do mural e o trasladou á súa sede na rúa Olmos, restaurándoo e colocándoo nunha ubicación adecuada, dando así por conseguido o obxectivo co que naceron ambas asociacións, e a loita que levaron feramente ata conseguir salvar a pintura. 

Sinatura de Urbano Lugrís no mural da Coruña

Exposicións e lembranzas

Porén, a diferenza das anteriores, esta conmemoración chega nun ano excepcional para o recoñecemento da obra deste autor. Como comentábamos noutro artigo do xornal, o presente ano Abanca organizou entre os meses de marzo e setembro unha exposición monográfica arredor da figura como muralista do pintor, ó xeito de promocionar a súa labor na protección e restauración da citada pintura. Na exposición Lugrís, paredes soñadas, amosábanse bocexos pinturas e documentos inéditos a redor da figura como muralista do pintor e reuníanse obras nunca antes recollidas en conxunto, como óleos para as confrarías de Pontedeume e de Malpica, O retablo do descubrimento, un políptico de 13 táboas procedente do Instituto da Cultura Hispánica de Madrid ou unha recreación VR da capela dos Santos Reis de Bueu. Con isto, ademais, entidade a bancaria pretendía demostrar, unha vez máis, o seu compromiso firme coa arte galega dos últimos séculos, a través dun importante investimento. 

Foi precisamente esta exposición, unha das máis visitadas de Galicia con máis de 42.000 entradas, a que fixo que este puidera ser considerado como ano de Lugrís. A reivindicación da figura do pintor non so xirou ó redor da exposición e da inauguración do histórico mural restaurado, na súa nova ubicación, senón que coa declaración de Ben de Interese Cultural por parte da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, se conseguiu un recoñecemento para esta obra única na nosa comunidade, xa que é un dos escasos exemplos dunha pintura declarada BIC en solitario, sen formar parte dalgunha colección. O ano se complementou ademais cunha exposición de Urbano Lugrís xunto o seu fillo, o tamén pintor, Urbano Lugrís Vadillo na galería Artbyz, situada no número 122 de San Andrés, no que se puideron contrastar de xeito conxunto as traxectorias de ambos. 

Así, ó longo de todo este ano, a cidade da Coruña fixo unha acollida máis que singular a un dos seus principais pintores, a aquel que retratou, do xeito máis evocador e onírico, o universo lendario da cidade, e da súa relación máis profunda coa súa historia tradicional, mítica, coa natureza e co mar. Así, a cidade que o artista retratara con devoción nas súas pinturas recoñeceu de xeito singular, ó longo deste ano, a traxectoria do artista. O Día de Urbano Lugrís, nesta oitava edición, foi sen dúbida o mellor peche para un ano exemplar para a divulgación da obra do xa máis que recoñecido pintor do mar por excelencia de Galicia.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica e creador de entornos virtuais. Investigador independente, especialista en arquitectura e territorio. Colaborador habitual de Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: