fbpx
Imaxe dunha pa na croa do castro de Elviña, na Coruña

Polémica na Coruña entre o concello e un arqueólogo por utilizar unha escavadora no castro de Elviña

Tempo de lectura: 3 min.

Estes días saltou a polémica na Coruña logo de que unha escavadora estivera removendo terra no castro de Elviña. Unha acción que ten que ver co proxecto de consolidación do xacemento, potenciado polo concello, e que comezou en outubro.

A polémica saltou cando o ex director do Museo Arqueolóxico da Coruña, José María Bello, publicou nas redes sociais imaxes e vídeos da actividade desta pa no interior do xacemento. Un xacemento no que el mesmo traballou dentro do Proxecto Artabria, e polo que sinte unha querencia especial. De feito, mesmo presentou un recurso xudicial contra o actual escavación promovida desde o concello.

Desde o Goberno municipal aseguran que a presenza na croa de maquinaria pesada “é algo habitual” cando se trata de recuperar este tipo de construcións e que a súa natureza é lixeira. “Utilízana para mover e transportar a pedra e terra que están a retirar para que a construción apareza limpa na paisaxe”, apuntaron tal e como recolle El Ideal Gallego.

Pero para Bello esta explicación non é válida. “O Goberno Municipal da Coruña está a levar a cabo un delirante proxecto de destrución do Castro, e a primeira proba témola hoxe á nosa vista: unha pa escavadora campa polos seus respectos na croa do castro (o que xamais fora permitido ata agora) danando presuntamente superficies arqueológicamente fértiles e significativas na área escavada en 1985, da que me temo que serían arrasados as testemuñas sen maiores miramientos”, indicaba no seu perfil de FB.

No meu criterio técnico, unha animalada. Presunta, evidentemente. Feita con ocultación e escurantismo, e iso de presunto non ten nada. Hai superficie sen escavar dabondo, pero as ansias de damnatio memoriae dalgúns usurpadores non teñen límites”, engadía.

O arqueólogo José María Bello, á dereita da imaxe nun acto da Deputación da Coruña / dicoruna.es

Longa problemática

Esta nova campaña, que se realiza baixo a supervisión do arqueólogo municipal, vai dirixida “a consolidar e dar dignidade ás estruturas arquelóxicas” que foron descubertas no Castro entre 1947 e 2013 nas distintas áreas de escavación, e que recibiron, en cada caso, unha estratexia diferente de restauración.

O obxectivo é rematar de escavar as zonas que están iniciadas, para realizar a súa consolidación, consolidar as estruturas que saíron á luz na década dos anos corenta, e corrixir algunhas restauracións que non funcionaron da maneira esperada.

O proxecto contempla tamén intervencións nas tres entradas documentadas do castro, e rematar a escavación da terceira entrada, que foi documentada no ano 2013, de cara a deixar á vista o pavimento de pedra, que presenta un bo grao de conservación, e os dous torreóns, ademais da praza de acceso.

Recurso

Pero Bello, que é un gran coñecedor deste castro, non acolleu con bos ollos o proxecto e, de feito, chegou a presentar un recurso xudicial contra o proxecto impulsado polo concello. Ademais, denfendeu sempre a súa actuación no ben arqueolóxico desde o Proxecto Artabria.

“O noso obxectivo foi actuar co máximo respecto cara aos nosos colegas anteriores, devolvendo á luz a superficie orixinal que alcanzaran e a recuperación das testemuñas que, particularmente na intervención de 1985, deixaran con ese fin. Non só se tratou dun acto, reitero, de respecto e homenaxe cara aos nosos colegas anteriores, senón que se conformaron uns espazos didácticos acerca dos métodos e técnicas de escavación de tempos pasados”, indica nas súas redes sociais.

O arqueólogo José María Bello presentaba hai uns días a súa “Crónica de un tesoro maldito: El Castro de Elviña”, sobre a súa experiencia de traballo neste xacemento.

Pode que che interese...