fbpx
Artillería do Exército francés de Napoleón / pinteres.mx

Ponte Ledesma, cando os labregos galegos derrotaron con paus e pedras a todo un exército francés

Tempo de lectura: 9 min.

Ponte Ledesma e as cousas máis relevantes que a rodean. Situado sobre o río Ulla este maxestuoso viaducto une as aldeas de Ponte Ledesma (pertencente o concello Coruñés de Boqueixón) con Gres (que pertence ó concello Pontevedrés de Vila de Cruces).

Nos seus 2000 anos de historia foi testemuña de numerosos feitos relevantes, pero quizais un dos máis salientables foi a batalla que ó seu carón se librou o 9 de Marzo do ano 1809 contra as tropas de Napoleón e na que , contra todo pronóstico, as “Tropas da Xunta do Trasdeza” (formadas maioritariamente por labregos sin armas de fogo nin nocións militares) lograron vencer ó que en aquel momento era o mellor exército do mundo, o exército Francés.
Neste traballo do párroco e historiador de Bandeira don Xosé Espiño Matos que nos remite a asociación “Amigos da ponte de Ponte Ledesma”, dá conta sobre o episodio da batalla que tivo lugar en Ponte Ledesma entre as tropas da “Xunta do Trasdeza” e os soldados de Napoleón.

 

A ponte de Ponte Ledesma

A súa idade:

Sabemos que a ponte acutal foi construída en torno ó ano 1574 e que actuou nela como mestre de obras “D. Juan de Herrera”. Coñecido como “el Transmerano” por ter nacido en Trasmieres (Cantabria). Juan de Herrera foi nomeado “maestro de obras de la ciudad de Santiago” no ano 1570 e tamén participou en obras na catedral de Ourense, a el atribúeselle a sancristía do mosteiro de Sobrado dos Monxes. Pero tamén sabemos que esta ponte que podemos contemplar na actualidade foi construída sobre unha ponte anterior que quedara moi deteriorada polas enormes riadas do ano 1571, que tamén causaron a desaparición do mosteiro de “San Xoán da Cova” en Ponte Ulla.

Sospeitamos que esta ponte máis antiga, sobre a cal está construída a actual ponte, era de orixe romano. Hai autores que situan a vía romana XIX (que ía de Astorga ata Lugo) cruzando o río Ulla en Ponte Ledesma, pero aínda que non fose así é moi probable que algúnha vía secundaria da época romana pasase por alí. Así que cando miramos para a ponte non é ilóxico pensar que 20 séculos de historia nos están contemplando a nós.

O primeiro documento do que temos constancia na asociación de veciños que nos da veracidade da antigüidade da ponte é o Testamento de D.Gonzalo Ruíz de Bendaña redactado en Camanzo no ano 1253. Neste testamento, ademais de diversas propiedades para o mosteiro de camanzo, deixa 50 sueldos (moeda da época) para a Ponte de Ponte Ledesma.

O longo de todos estes anos, como xa vimos expoñendo, a ponte foi sometida a numerosas obras e reformas para o seu mantemento, unha das últimas grandes reformas tivo lugar a finais do século XIX e foi costeada polos produtores de viño do Ribeiro (a segunda denominación de orixe máis antiga de España ) pois o viño do Ribeiro que era enviado a Santiago pasaba pola ponte de Ponte Ledesma.

Ponte Ledesma, escenario dunha gran batalla en 1809 / turismo.gal

-A súa historia:

Posiblemente foron moitos os episodios históricos dos que foi testemuña a ponte pero un dos máis documentados foi a batalla que nela tivo lugar durante a guerra da independencia. Alí enfrontáronse 2000 soldados do que en aquel momento estaba considerado un dos mellores exércitos do mundo, o exército de Napoleón, armados con 2 canóns, armas de fogo e cabalería contra 2000 labregos agrupados na “Xunta do Trasdeza” e armados con paos, pedras e apeiros de labranza. Nesta histórica batalla , que tivo lugar o 9 de Marzo de 1809 saíron vencedores os labregos, o que constituíu un feito inédito naquel momento. Como dato anecdótico indicar que no ano 2009 foi colocado na ponte un monolito comemorando a batalla e ese monolito foi doado por un descendente do Xuiz Correxidor das tropas da Xunta do Trasdeza “D.José María Rivas de Taboada”.

-A ponte no camiño de Santiago:

Esta ponte tamén se atopa nun dos ramais do camiño de Santiago, en concreto no camiño do Sudeste ou Mozárabe, popularmente coñecido como “A vía da Prata”. Unha vez que os peregrinos chegaban á zona de Lalín moitos deles seguían o seu camiño por Ponte Ulla , pero había outros que desexaban visitar o santuario de “O Corpiño” e o mosteiro de Carboeiro, pasaban tamén estes peregrinos por Santiago de Fontao (onde incluso houbo un pequeno hospital de peregrinos) e por Merza ata Santiago de Gres.

Os peregrinos que pernoctaban en Gres durmían na que é a casa natal do escritor D. Xosé Neira Vilas e que actualmente é casa-museo. Despois cruzaban a ponte de Ponte Ledesma previo pago de un importe que aparece reflexado nunha pedra que se atopa xunto á ponte a carón de unha pequena capela adicada á virxe do Carmen. Subían por unha antiga calzada romana ata Castro (parroquia de Oural), recorrían as terras situadas ó leste do Pico Sacro, dirixíanse a Santiago polo monte Rubio, subían por Sar e entraban na cidade pola única porta da muralla que rodeaba a cidade de Santigo que a índa se conserva, a porta de Mazarelos.

-A ponte como ruta comercial:

Tal como describe Elisa Ferreira no seu libro “los caminos medievales de Galicia” a ponte de Ponte Ledesma formaba parte das rutas comerciais que discurrían cara Santiago e que inicialmente foran calzadas romanas. Sabemos de feito, como xa se mencionou antes, que a última gran reforma acometida na ponte tivo lugar a finais do século XIX e foi costeada polos productores de viño do Ribeiro. Como anécdota sinalar que a entrada de viño na cidade de Santiago aparece reflexada tamén no Códice Calixtino, cunha breve referencia no libro V, cita que a Cidade de Santiago tiña sete portas (aínda que co tempo fóronse engadindo máis portas, e postigos para o paso peonil):” As entradas e portas da cidade son sete. A primeira entrada chámase porta Francígena; a segunda Porta da Pena; a terceira, Porta de Sofrages; a cuarta, Porta do Santo Peregrino; a quinta, Porta Falgueriis; que conduce a Padrón, a Sexta. Porta Susannis, e a sétima, Porta de Mazarelos, pola que chega a cidade o precioso Baco”.

Tamén era transitada polos comerciantes de aceite que, dende a zona de Quiroga, levaban o seu ouro líquido a Compostela e tamén cara o porto de A Coruña para seguir a chamada “Ruta do Atlántico”

-A súa estrutura:

O puente mide 102 metros de longo e está formado por 9 arcos de sillería. Ten tallamares triangulares río arriba e trapezoidales río abaixo.

-Curiosidades e lugares de interés preto do puente nun radio de 2’5 Km. :

Posiblemente haxa numerosas lendas que descoñecemos en torno á ponte e tamén moitos lugares que visitar pero algúns deles son os seguintes:

.A carón da ponte, polo lado de Pontevedra atópase a capela da virxe do Carme, existen distintas versións populares de por qué esta capela foi construída. Unha delas di que un pescador que durante unha enchenta non daba achegado a súa barca á beira do río , crendo que afogaba, encomendouse á virxe do Carme prometendo facerlle unha capela no lugar donde dera saído do río. Ó chegar á altura das insuas a súa barca quedou atrapada entre os carballos e el conseguiu chegar á veira por iso mandou construir alí a capela. Outra das versión di que un veciño veu ir polo río abaixo unha barca na que viaxaba a imaxe da virxe do Carmen que se venera na capela sin que na barca fora ninguén mais. Intrigado comezou a seguir a barca e fixo a promesa de que alí donde a barca se achegase á beira do río e puidese coller a imaxe da virxe construiríalle unha capela para venerala.

Na sancristía da igrexa de Abades está colgado un cadro pintado a finais do século XVIII no que se representa un “miragre” acontecido a carón da Ponte. Neste caso trátase de unha muller que estivo a piques de afogar xunto á ponte e que se encomendou á nosa señora dos Desamparados (que se atopa no santuario de Abades). Como conseguiu salvarse, e en agradecemento á virxe, encargou que pintasen ese cadro no que se pode ver a ponte e unha muller na auga pedindo axuda.

Unha visita obrigada a carón da ponte son as insuas de Gres cos seus carballos, moitos deles centenarios, tamén dispón de zona de baño así como bancos e mesas para poder sentarse con comodidade a tomar un refrixerio. Poderemos ver nas insuas dúas pedras con fermosas inscricións, nunha delas podemos ler unha poesía que D. Xosé Neira Vilas e a súa Dona, Anisia Miranda, lle adicaron a esta paraxe. Na outra pedra podemos ler unha adicatoria a un veciño, Adolfo, que foi gran amante e protector destas insuas.

Temos a poucos metros a casa museo dun dos escritores galegos de mais renome. D. Xosé Neira Vilas que está aberta en horario de tarde case todo o ano (recoméndase consultar horario).

Ponte Ledesma

Moi preto da casa do escritor atópase un pazo marquesal hoxe en día, lamentablemente, en estado de abandono. Orixinariamente foi morada de unha das familias importantes da zona, a familia Herce (algún de cuios membros foron alcaldes de cidades como Santiago e A Coruña). Unha das súas descendentes casou co político liberal Saturnino Calderón Collantes, que foi un senador e brillante ministro da raiña Isabel II e que loitou por aumentar o peso da diplomacia española sobre todo en cuba e EEUU na primeira metade do século XIX. A un dos fillos de este matrimonio foille concedido o marquesado de Algara polo rei Alfonso XII.

Aproximadamente a 1 Km está a igrexa románica de Camanzo que foi un importante mosteiro primeiro pertencente á diócese de Lugo e despois a San Paio de Antealtares en Santiago. Esta é unha visita moi recomendable polos moitos elementos do románico que aínda se poden admirar nela tanto no exterior coma no interior. Un dato curioso é que neste mosteiro se refuxiában as monxas Benedictinas de Compostela en épocas de peste e de invasións.

Xunto á igrexa de Ponte Ledesma poderemos admirar dúas fermosísimas oliveiras centenarias da raza autóctona “Brava Galega”, que estivo a piques de extinguirse e actualmente está en vías de recuperación. Dise que foron plantadas no ano 1735 cando se acabou de construir a igrexa e que foron un agasallo dos comerciantes de aceite que levaban o seu producto cara Santiago e Coruña cruzando o Ulla pola ponte de Ponte Ledesma. Pola súa antigüidade e embergadura son únicas en Galicia. Tamén compre destacar de esta igrexa o cilindro de pedra que adorna o seu campanario e que, ata donde sabemos é, xunto co da Igresa compostelá de Santa Clara único na nosa CCAA (aínda que obviamente o da Igrexa de Ponte Ledesma é moito mais pequeño que o da Igrexa Santiaguesa).

A poucos metros da igrexa atópase o “Souto de Vila”, unha explanada rodeada de castiñeiros que tamén serve como campo da festa. A época na que está máis fermosa é dende a primavera ata o outono pola frondosidade dos castiñeiros, en época de castaña pódense coller para consumo propio sen nengún problema.

No concello de Boqueixón, na cercana parroquia de Castro atópase a antiga casa reitoral, hoxe restaurada e de propiedade privada, e a capela do San Mauro. Tamén podemos ver o magnolio e camelias centenarias da casa grande de Valderrama. Di a lenda que un dos antepasados dos Valderrama, que pertencía o linaxe dos “Mariño de Lobeira” se namorou dunha serea (de feito no escudo da familia aparece unha serea) e tivo fillos con ella, os de ollos claros levounos a serea para o mar e o único que naceu con ollos escuros foi o que quedou en terra e continuou a linaxe (o escritor D. Gonzalo Torrente Ballester baseouse nesta lenda para escribir un dos seus contos ). O visavó da actual dona foi D. Vicente Balo Mariño de Lobeira que foi o que mandou construír a propiedade de Castro tamén tivo numerosas propiedades en Santiago (cidade da que foi comendador) como o palacio que está en fronte da antiga facultade de dereito e na Pobra do Caramiñal (onde a familia conserva aínda un pazo do século XVI, restaurado, no que podemos ver o seu escudo). Este home tivo 2 fillos Vicente (que por problemas de xogo perdeu as propiedades que lle quedaran en herdanza) e Dolores (a quen lle quedaron, entre outras, as propiedades de Castro e aínda as conservou). Posteriormente tamén se emparentaron coa familia Galinsoga sendo algún dos seus compoñentes afamados xornalistas e políticos.

Dous desafíos:

Propoñémoslles ós visitantes mais aventureiros dous desafíos.

1º- Que intenten localizar o MOSTEIRO de Ledesma que aparece mencionado na Historia Compostelá escrita a finais do século XI principios do XII, según di un dos textos nela escritos “A raíña Urraca dooulle a Santiago a metade do mosteiro de Ledesma coas súas dependencias e servidume”.

2º- Que intenten localizar o CASTELO de Ponte Ledesma. Lamentablemente o pouco que sabemos de este castelo é pola crónica da súa destrucción. O castelo pertencía á familia dos García Rodríguez de Ledesma. O seu propietario nas revoltas de principios do século XIV que tiveron lugar en Santiago, e que pretendían que a cidade deixase de ser un señorío eclesiástico e pasase a ser un señorío de realengo (dependente do rei), apoiou ó bando que se opoñía á igrexa. Como finalmente a cidade seguiu sendo señorío eclesiástico o arcebispo Berenguel de Landoira vingouse de todos os nobres que estiveran contra a igrexa e en outubro do ano 1320 destruíu o castelo de Ponte Ledesma.

Sabemos por tanto da existencia do MOSTEIRO e do CASTELO pola referencia que se fai deles en documentos antigos pero non sabemos onde poden estar os seus restos (se é que queda algo deles). Aqueles aventureiros mais ousados que teñan a ben emprender a súa busca contarán con todo o noso apoio e colaboración.

Pode que che interese...