fbpx
Campaña do Celta coa palabra Afouteza

Queres saber cal é a orixe de afouteza, a palabra do 2017 da RAG?

Tempo de lectura: 2 min.

Afouteza acaba de ser elixida a Palabra do Ano 2017. Obtivo 3.004 votos das 6.228 persoas que participaron na elección promovida polo Portal das Palabras, o proxecto web para a modernización e divulgación do léxico galego da Real Academia Galega e a Fundación Barrié.

Pero, de onde ven esta palabra que fixo famosa unha campaña publicitaria do Celta de Vigo?. Afouteza vén definida no Dicionario da RAG en dúas acepcións: pode referirse á disposición de quen actúa sen temor ás dificultades ou perigos ou á seguridade que unha persoa demostra en si mesma. A súa orixe atópase nun verbo latino, favere, que tiña por significado “favorecer ou “protexer”, e que os romanos usaban en principio no ámbito relixioso para se referiren aos favores e á benevolencia dos deuses cos mortais.

De favere e do seu supino fautum chegouse en romance a fouto e fouta, as formas primitivas do adxectivo. Logo na fala engadiuse unha vogal inicial de reforzo, e de aí afouto e afouta, é dicir, a persoa que “ten ou amosa afouteza”. Completan a familia léxica o adverbio afoutamente e mais o verbo afoutar (que pode ser tamén pronominal, afoutarse), cando lle damos ánimos ou valor a alguén para realizar algo ou encetar unha empresa.

Unha das campañas realizadas por siareiros do Celta coa palabra Afouteza

O primeiro documento

Afouteza está na lingua practicamente desde os inicios, como indica a súa presenza en documentos do século XIV. A primeira recollida lexicográfica fíxoa Juan Sobreira a fins do XVIII, na súa colección de termos. Di o padre Sobreira que “afouta” é a “persoa dilixente e activa nun traballo, manifestándose confiada no logro” e insiste “o que non desmaia, ou non manifesta desconfianza no que emprende” (adaptación da definición orixinal do frade bieito Sobreira, na súa colección lexicográfica de 1787-1805). Desde esa primeira notación, a palabra afouteza (ou no seu caso o adxectivo afouto-a) estivo presente sen interrupción nos dicionarios e glosarios históricos, incluída a primeira entrega do Dicionario da Academia (1913-1928), onde figuran tamén as variantes afoto –a e afoutado –a.

Mais a afouteza non é só unha palabra de dicionarios e dicionaristas, xa que aparece con certa regularidade en textos literarios e particularmente nos medios de comunicación, desde O Tío Marcos da Portela, pasando por A Monteira, a revista Nós e A Nosa Terra do comezo do XX, entre outras. Neste espazo comunicativo, volve brillar na segunda decena do século XXI.

Pode que che interese...