Pezas de Castelao no cuarto 202 do Centro Gallego de Bos Aires, onde morreu

Que vai pasar cos cadros de Laxeiro e Seoane e o cuarto onde morreu Castelao tras a venda do Centro Gallego de Bos Aires?

Centro Gallego de Bos Aires atesoura unha das maiores coleccións de arte galega contemporánea –entre obra escultórica e pictórica–. E tamén un cuarto, o 202, onde morreu Castelao, que é un símbolo para a emigración e para todo o país. Un cuarto que permanece case intacto desde a morte do gran artista e político en 1950.

Pero o edificio do Centro Gallego e o seu hospital están á venda e poden ser comprados pola multinacional española Ribera de Salud, tras unha grave crise da xerencia deste centro que estivo intervido polo Goberno arxentino desde o 2015.

Entre o valioso patrimonio do centro hai cadros de Laxeiro, Seoane e Castelao. Son obras dun gran valor cultural para Galicia. Así, entre estas pinturas están 1) A familia do cego (Castelao); 2) O cego (Castelao); 3) Feira de Ourense (Colmeiro); 4) Nena no campo (Colmeiro); 5) Conto de nenos (Laxeiro); 6) Muiñeira (Seoane); 7) Nacemento (Díaz Pardo); 8) A sesta (Maside; 9) Emigrantes (Seoane), entre outros.

Algúns dos cadros do Centro Gallego de Bos Aires

Futuro

E que vai pasar con ese valioso fondo patrimonial?. “Non hai perigo. Será protexido”, apuntaba este xoves o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo. Polo momento está depositado nun banco para a súa proteccion á espera do seu destino.

A Xunta confirmou que os grupos interesados no centro están “abertos” á hora de negociar a saída ou a compra dese patrimonio. Pero Feijóo evitou poñer cifras. “Existe un censo e un catálogo de toda esa obra pero non lle vou dicir o prezo antes de comezar unha negociacion que podemos perder”, indicou o presidente galego.

Neste sentido, insistiu en que o seu goberno seguirá adiante na súa intención de facerse coas pezas a través dunha fundación de carácter cultural, pero tamén indicou que a lexislación arxentina é moi dura no relativo ao traslado de pezas de arte dese país.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: