fbpx
Unhas obras promovidas pola Xunta chantaron un cadro eléctrico de tres por dous metros nunha vivenda protexida como BIC

A Xunta chanta un enorme cadro eléctrico nunha vivenda histórica nas obras de conservación dun BIC

Tempo de lectura: 2 min.

Unha obra promovida pola Xunta nun BIC acaba de facer unha pequena desfeita diante dunha vivenda histórica. Substituíu un banco tradicional por un enorme cadro eléctrico que rompe completamente a harmonía dunha praza que forma parte do Monumento Histórico-Artístico da Colexiata de Xunqueira de Ambía, en Ourense.

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio é a responsable desta actuación nunha praza histórica que forma parte da Colexiata de Xunqueira de Ambía. Segundo informou Luís Rodríguez, dono do inmoble afectado, as obras que se están realizando non se corresponden coas que figuran no proxecto orixinal, xa que se cambiou a actuación número 17 pola instalación deste enorme cadro eléctrico pegado á fachada da casa onde antes había un banco. “Isto non é unha obra de restauración, esa barbaridade de cadro afecta tanto á casa como ao resto da praza para restaurar”, apunta.

A casa, ao carón da Colexiata de Xunqueira de Ambía, antes e despois da actuación promovida pola Xunta

Curiosamente, esta intervención financiada pola Xunta ten o obxectivo contrario, xa que se trata de “poñer en valor e conservar” o entorno da colexiata. Segundo o prego técnico do concurso, o obxectivo é restaurar a praza Bispo Carrascosa, na contorna da Colexiata de Xunqueira de Ambía. Unhas actuacións que abarcan os espazos da praza Bispo Carrascosa, o adro da colexiata e o extremo nordeste da praza San rosendo, integrados todos eles no conxunto da colexiata, declarado Monumento Histórico-Artístico e BIC. Podes ler toda a noticia no xornal Galicia Confidencial.

Pode que che interese...