fbpx
Paixase da Ribeira Sacra / turismo.gal

174 quilómetros cadrados e 22 concellos: Así será o BIC máis grande de Galicia

Tempo de lectura: 3 min.

A Xunta ultima xa o que vai ser a declaración de BIC máis grande de Galicia. Un área delimitada polo Camiño de Inverno a Santiago e que abarcará 174 quilómetros cadrados e 190 núcleos de poboación en 22 concellos. Trátase da Ribeira Sacra, que será Ben de Interese Cultural coa categoría de Paisaxe Cultural. Un paso previo imprescindible para solicitar a inclusión, ademais, deste espazo na Lista de Patrimonio da Humanidade da Unesco.

O territorio BIC proposto pola Xunta limita ao norte no canón do Miño na presa de Belesar (parroquias de Rebordaos no Saviñao e Pesqueiras en Chantada) e ao sueste polo canón do Sil nas parroquias de Vilachá en Pobra do Brollón e de Torbeo en Ribas de Sil. Os límites restantes están definidos pola liña bordo da ‘Bocarribeira‘. Ademais desta área, inclúense elementos exteriores ou ‘exoámbitos’ que contribúen a complementar os valores da Ribeira Sacra, así como unha área perimetral de protección.

No expediente que xa puxo a andar a Xunta proponse a incoación de protección para 18 novos bens inmobles (monumentos, xacementos, conxuntos históricos ou lugares de valor etnológico), dous elementos mobles e tres manifestacións inmateriais. Ademais, proponse unha nova delimitación para bens xa protexidos.

O réxime xeral de protección establecido na resolución de incoación publicada o pasado venres divídese entre BIC xa declarados con anterioridade, novos contornos de BIC xa declarados, o propio BIC de Paisaxe Cultural e a zona perimetral.

Pena do Castelo, na Ribeira Sacra / Senderismo Galego

“Exemplo excepcional”

A Xunta explica que a Ribeira Sacra resulta un “exemplo excepcional” que é necesario protexer, unha preservación que se estende a outros bens e manifestacións que complementan o seu sentido e valor cultural, así como a unha zona perimetral.

De feito, como novidade, o expediente inclúe entre as manifestacións a protexer tres elementos do patrimonio inmaterial galego, como as festas de ‘fachas e fachós’ de Castro Caldelas, Vilelos e Castelo; as festas do ‘Entroido Ribeirao’ de Santiago de Arriba, o ‘Oso de Salcedo’ e os ‘Felos de Esgos‘; e a olaría tradicional de Gundivós e Niñodaguía.

Aínda que dependerá do número final de alegacións que haxa que resolver no tres meses de exposición pública deste documento, a Xunta márcase a data de finais de 2018 como meta para a declaración deste espazo como BIC, o que suporá “acurtar un ano o prazo máximo” para resolver o expediente.

Xuntanzas e alegacións

Durante o cuarto trimestre deste ano levaron a cabo 11 reunións técnicas nas que participaron todos os concellos e deputacións implicadas no proxecto, as denominacións de orixe vitivinícolas, as empresas hidroeléctricas e os axentes e asociacións interesados na declaración.

Ribeira Sacra Paisaxe de Galicia / galiciaunica.es

Paisaxe do Miño na Ribeira Sacra / galiciaunica.es

Con todo, e a pesar das expectativas da Xunta, o certo é que varias entidades de defensa do patrimonio xa anunciaron que tentarán rectificar algunhas partes do texto ao considerar que o expediente iniciado non está debidamente tramitado en canto a defensa do patrimonio.

Tras o proceso de exposición pública, que durará tres meses, remitirase o documento aos órganos consultivos para que emitan o seu informe. Os últimos pasos serán a elaboración dun informe técnico da propia Dirección Xeral e a declaración como BIC por decreto da Xunta.

A Ribeira Sacra, que se articula no límite entre as provincias de Lugo e Ourense e que afecta a ambas, é o “máximo expoñente” da “singular relación entre o home e a natureza”, segundo apunta a Xunta, xa que implica, ademais de valores culturais, paisaxísticos e patrimoniais, a relación económica da coñecida como ‘viticultura heroica’.

Pode que che interese...