fbpx
Chacharela

Cal é a primeira festa do ano en Galicia?

Tempo de lectura: 3 min.

Podería parecer que o día 1 de xaneiro ou, se cadra, o día de Reis son as festividades que inauguran o ano en Galicia, pero para a cultura popular e para as tradicións labregas do noso país esta idea podería ser moi distinta. Estas dúas festas, ou outras celebracións relixiosas que inician o mes de xaneiro, forman parte das festividades de inverno relacionadas coas celebracións de Nadal e, se nos mantemos estritamente na cultura material das tradicións rurais, daquela si dámonos conta de que o ano en si non nace co cambio de díxito do calendario gregoriano senón co renacer do ciclo agrario e, por tanto, co fin da matanza e o comezo da primavera.

En Galicia ambas son inauguradas polas festas de entroido que, polo xeral, e dependendo dos ciclos lunares, van de comezos ou mediados de febreiro ata o mércores de cinza, a finais deste mes ou comezos de marzo. Así, a palabra entroido, do latín introitus, fai precisamente referencia a esta entrada ou comezo do novo ciclo, e a proximidade do renacer e da primavera, constatada xa como tal dende o século XIII. Nestas datas, polo xeral, e ligada a moitos lugares do noso territorio, o día 17 de febreiro celébrase o Santo Antón, festividade cristiá que moi probablemente se fixera coincidir con estas primeiras datas do nacente ano, máis alá de que este santo ermitán exipcio do século III, segundo as fontes, morrería nesta época do ano.

Deste xeito se unimos a próxima celebración do entroido coa celebración do Santo Antón temos, agora si, a que para a cultura popular podería ser considerada a primeira festa do calendario de celebracións labregas. Se ademais queremos poñer lugar e localidade concretas esta celebración o día resultante será sen dúbida a do Santo Antón de Ábedes, no santuario desta parroquia de Verín. Nela, por primeira vez en todo o ano, fan a súa aparición os tradicionais cigarróns, co que en realidade esta romaría pode considerarse a primeira festa do entroido en Galicia. Seguido xa co domingo fareleiro e o resto de festas desta liturxia pagá, xa entrando febreiro, nas localidades veciñas, o arrinque verdadeiro do entroido galego comeza nesta festa.

Peliqueiros de Laza / foto MRomán Wikimedia CCBy

 

As primeiras romarías

O Santo Antón de Ábedes é unha pequena romaría en honor a este santo no que, ademais das obrigadas tradicións relixiosas, ten como particularidade a exaltación dos produtos da matanza, en especial o chourizo, e do viño novo. A festa comeza coa procesión dende a parroquia ata o santuario, celebración da misa solemne e a tradicional festa no monte ó carón do lume. Alí as diferentes familias collen sitio ó redor da capela con fardeis de comida, costelas, chourizo, ou carne de cabuxo que son asados ó espeto ou ás brasas. No caso dos chourizos, unha tradicional forcada de múltiples dentes, onde se engarzan os chourizos, fai este día de singular espeto. Daquela a festa continúa ó longo de toda a tarde onde xa aparecen os Cigarróns para animar a celenbración, e logo deles a romaría continúa ata a noitiña, cando xa o frío e a escuridade forza o remate da festividade.

Así, con esta romaría dá comezo o tradicional entroido galego, e máis en concreto o entroido de Verín, sendo o comezo máis tempraneiro da festa entre as do país. A festa, a romaría do Santo Antón de de Ábedes, recopila realmente todos os elementos dunha primeira exaltación da entrada do novo ciclo anual: a degustación dos produtos da matanza, o viño novo e o preludio do entroido coa presenza dos cigarróns. Aínda que segundo se mire, e como non podería ser doutro xeito no noso país, a vila veciña de Laza podería reclamar tamén para si o comezo do entroido co seu primeiro folión do día 1 de xaneiro, porén que esta non ten a significación de exaltación do novo ciclo que posúe a de Verín. Aínda que, como sempre, dependerá de como se mire.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...