fbpx
Via Láctea coa catedral de Santiago en primeiro plano. Camiño de Santiago / reydaluz.com
Via Láctea coa catedral de Santiago en primeiro plano. Camiño de Santiago / reydaluz.com

O Camiño de Santiago dixitalízase: da orientación da Vía Láctea a modernas apps

Tempo de lectura: 4 min.

Un dos grandes reclamos de Galicia é camiñar cara a fin da terra polas sendas do Camiño de Santiago. Sen embargo, esta tradición milenaria que afunde as súas raíces no máis profundo da historia de Europa, moito antes incluso da chegada da peregrinación medieval, por séculos contou con ferramentas completamente rudimentarias para a orientación dos camiñantes, coma a posición do sol, da Vía Láctea ou antigos manuscritos. Porén, coma non podía ser doutro xeito, nos albores do século XXI comeza a contar ademais co apoio da máis moderna tecnoloxía. Porque, segundo parece, o móbil é imprescindible ata para facer camiño, e as aplicacións viñeron a substituír ó longo da presente década as vellas guías de viaxe inauguradas preto de novecentos anos atrás co Códice Calixtino.

Indicador do Camiño de Inverno. Camiño de Santiago / noticiasvaldeorras.com

Indicador do Camiño de Inverno. Camiño de Santiago / noticiasvaldeorras.com

E é que sen darnos conta as vellas guías de papel, imprescindibles ata fai pouco en calquera mochila, foron desaparecendo de xeito paseniño deixando un novo espazo a fontes moito máis rápidas e directas e que ademais pódennos dar conta a cada minuto das principais incidencias do trazado. Así, tal e como recollía esta semana El Correo Gallego, a aplicación oficial da Xunta de Galicia, Camino de Santiago en Galicia, dispoñible tamén en caminodesantiago.gal, superou as 13.000 descargas no último ano, duplicando o número de instalacións do ano anterior, aínda que segundo a propia appstore para Android, poderían ser bastantes menos.

Nesta aplicación pódense consultar información como o trazado, descricións, fotografías, itinerarios, albergues e recursos turísticos das diferentes localidades. Unha verdadeira guía de viaxes en formato dixital e coa capacidade de ser actualizada con relativa facilidade. Conta tamén da información sobre condicións meteorolóxicas ou horarios de apertura de monumentos ou de centros de saúde. Pola súa parte, sempre segundo o xornal, a propia páxina web contaría con máis dun millón de visitas, o que suporía tamén un 20% de incremento perante o ano anterior.

Apps, 360, VR, cultura colaborativa, o futuro encamíñase

Porén, esta aplicación non é nin moito menos a única, senón a oficial, contando de feito cunha das valoracións máis baixas de entre os usuarios. Así, se tratamos de buscar unha axuda dixital para facer o Camiño, na tenda de apps do noso móbil podemos atopar unha inabarcable cantidade de aplicacións, tanto para os diferentes camiños existentes, diferentes rexións e países polas que pasa, en diferentes idiomas, alfabetos, temáticas… Na maioría delas o elemento común e o de combinar a antiga guía de viaxes con información en tempo real. Entre as máis valoradas estarían Mi camino de Santiago, AR Camino de Santiago, Camino Eroski Consumer, Buen Camino ou Trekright: Camino de Santiago, pero serían so unha moi pequena parte dun enorme catálogo delas.

Camiño de Santiago / Gavilla CC0

Camiño de Santiago / Gavilla CC0

Así, a competencia e a tecnoloxía van moito máis alá e son moitas as estratexias que permiten achegarse dun xeito diferente á esta experiencia. Se ben en Google xa fai uns anos foran pioneiros en percorrer o Camiño Francés en bicicleta coa súa xa histórica Streetviewcam, outras aplicacións nos permiten, ademais do acceso virtual en 360, un achegamento inmersivo a través da tecnoloxía VR. Así, con aplicacións como Camino de Santiago 360 ou Camino de Santiago Virtual, e coas xa populares gafas que permiten acoplar o noso terminal, podemos ver en 360 incluso en 3D recunchos do camiño aínda antes de poñer as botas.

Outra das versións das aplicacións son as redes sociais para camiñantes, moitas delas xa incorporadas nas aplicacións citadas, pero algunha delas como iPeregrinos naceron especificamente para esta función. O obxectivo desta aplicación fronte as anteriores e a capacidade de poñer en contacto as persoas, de compartir imaxes e vivencias, e, como non, de aprender das experiencias dos demais. Neste sentido a experiencia compartida entre camiñantes convértese nun elemento fundamental nestas aplicacións, afondando na faceta máis colectiva e versión de maior contacto social da ruta, nun intento de trasladar a experiencia ó ámbito da tecnoloxía.

Por último, e atendendo a esta idea, a última evolución do proceso é a cultura colaborativa, sen dúbida último horizonte a acadar na evolución dos antigos textos periexéticos. Fronte as tradicionais guías, é o desenvolvemento das aplicacións sociais combinadas cun desenrolo detallado da ruta, permite mover grandes cantidades de información de todo o trazado e en tempo real gracias as achegas dos diferentes camiñantes. Este é xa un perfil que en maior ou menor medida está a gañar terreo entre as diferentes aplicacións dispoñibles, pero que a día de hoxe aínda está por explotar.

Sen embargo, son moitos os que aínda a día de hoxe saen a facer o Camiño sen aplicacións e sen reloxos de actividade, unha opción completamente lícita. Porque, para moitos, facer esta ruta implica unha busca persoal. Se cadra a mesma busca que os peregrinos medievais ou da prehistoria, a busca máis ancestral do ser humano polos camiños cara o occidente, o cara o descoñecido e ata o fin da terra.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...