Artilleiros franquistas agardando para ocupar Ferrol o 20 de xullo de 1936

Para cando o memorial dos 1.000 asasinados polos franquistas en Ferrolterra?

Tapias do castelo de San Felipe, en Ferrol, onde foron asasinados numerosos antifranquistas durante a Guerra Civil / panoramino.com

O proxecto de elaboración dun memorial que recolla a nómina alfabética e cronolóxica das vítimas do franquismo en Ferrolterra –estimados nun milleiro– vai cobrando forma e recibiu xa apoios dos representantes dos municipios, pero non de todos polo momento.

A proposta promovida polo historiador Bernardo Máiz, que xa foi apoiada polo Concello de Ferrrol, foi presentada esta semana aos concellos da Mancomunidade –ademais de Ferrol, Narón, Neda, Fene, Ares, Mugardos, Cabanas, Valdoviño e Cedeira–. O obxectivo é construír un monumento para lembrar ás persoas perseguidas, condenadas e asasinadas polo franquismo.

Amada García, militante comunista asasinada en Ferrol en 1938 cando acaba de dar a luz

O historiador lembrou que se calcula que desde o ano 1936 a 1976 foron asasinados en Galicia polo franquismo preto de 7.000 persoas. Deses, na zonas de Ferrolterra serían 1.000 os axustizados, “a maioría entre o 36 e o 39, máis de cen entre os anos 40 e 55 e algúns máis nos anos setenta”, entre os que resultaron vítimas alcaldes como o de Cabanas, Cedeira, Fene, Mañón, Monfero, Mugardos e Serantes, ademais de 40 concelleiros. Tamén se contabilizan os 42 ocupantes do mercante Udondo, executados no cemiterio de Serantes.

Homenaxe

Actualmente hai placas e monumentos a algúns asasinados na comarca de Ferrolterra, pero ningún que acolla ao conxunto dos mortos. Iso é o que pretende a comisión da que forma parte Máiz que cre que debe de ser o concello ferrolán o que lle dea pulo a iniciativa porque foi nesta cidade onde se executaron a maioría das mortes.

Por outra banda, o vindeiro día 27 terá lugar unha homenaxe ás vítimas do franquismo no Castelo de San Felipe coincidindo co día no que foi executada Amada García en 1938.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: