Pintura cos reis católicos na rendición de Granada

Cando os Reis Católicos comezaron a dominar Galicia a través dos impostos

“Desde que os chamados Reis Católicos verificaron o feito que Zurita chamou a doma e castración do Reino de Galicia, a lingua galega quedou prohibida na Administración, nos Tribunais, no ensino, e na Igrexa evitando que nós, os galegos, rezásemos na nosa propia lingua”. É o primeiro uso desta expresión que, con posterioridade, marcaría á xeración de galeguistas. É obra de Castelao e apareceu recollida na súa grande obra política, o “Sempre en Galiza“.

Pero, como e cando se comezou a producir esa “doma e castración”?. A investigadora Amparo Rubio Martínez tenta botar un pouco de luz a unha época que rematou cos privilexios da nobreza galega e coa mermada autonomía do Reino de Galicia. Faino en “El reinado de los Reyes Católicos en Galicia. Actividad económica y fiscalidad regia“, unha obra editada polo Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) no marco da colección Cadernos de Estudos Galegos.

A obra quere dar a coñecer os detalles respecto dalgúns dos cambios máis sobresalientes no panorama político, económico e social do Reino de Galicia durante o reinado dos Reis Católicos. Pero tamén analiza a situación que vive Galicia durante todo o século XV, co estudo da evolución da facenda e a política económica e social durante os reinados de Juan II e Enrique IV. Uns datos que lle serviron á autora para observar os cambios que se producen no período de reinado dos Reis Católicos.

A principal documentación utilizada foi a atopada no Arquivo Xeral de Simancas (Valladolid), da Real Chancillería de Valladolid e nos principais arquivos galegos. Deste xeito, a obra tentar recrear as estruturas político-institucionais e socioeconómicas do Reino de Galicia, os poderes señoriais que gobernaban o territorio a finais da Idade Media e as medidas políticas introducidas polos Reis Católicos.

Pintura flamenca sobre a recaudación de impostos

Estas medidas sentarían as bases dun novo período de goberno caracterizado pola recentralización política e a recuperación do exercicio efectivo do poder real, a creación dun novo sistema de facenda e un novo sistema político no que as vilas e cidades comezaron a ter máis importante que o antigo poder nobiliario.

Estudo dos impostos

O estudo estrutúrase en tres bloques temáticos referidos ao Reino de Galicia durante o século XV: xeografía fiscal (arcebispado de Santiago con Tui, bispado de Ourense, Lugo e Mondoñedo); impostos ordinarios -alcabalas, diezmos do mar e alfolíes- analizando a orixe, evolución do imposto, casos de fraude e evasión fiscal no pago do imposto. Tamén os impostos extraordinarios, en especial a evolución que presenta o pedido real en Galicia ao longo do século XV, a contribución da Irmandade e os servizos votados en Cortes desde 1500 en diante. Tamén se presta atención á participación da Facenda Arcebispal Compostelá nas rendas da monarquía, percibindo unha parte considerable das rendas reais ordinarias na terra de Santiago.

Ademais, a obra indaga na contribución de Galicia ao fisco rexio con respecto a outras zonas fiscais da Coroa de Castela e no que achegaba Galicia no conxunto de territorios da Cornixa Cantábrica; na rede de axentes fiscais encargados da recadación de rendas reais e nas actividades económicas que se desenvolveron a finais do século XV nas principais cidades do Reino de Galicia. Préstase atención tamén á distribución poboacional dalgunhas cidades, tomando como referencia os patróns fiscais elaborados en 1496 para o pago da contribución da Santa Irmandade nas cidades da Coruña e Viveiro.

Fernando, rei de Aragón e Isabel, reina de Castela, coñecidos como os reis católicos

A autora

Amparo Rubio Martínez é licenciada en Historia pola Universidade Complutense de Madrid e Doutora en Historia Medieval pola mesma universidade. A súa liña de investigación céntrase neste momento no análise da facenda e da fiscalidade rexia durante o século XV e no reparto do poder político a través da participación da Igrexa, a nobreza e as oligarquías locais nas rendas reais. Asemade, ten participado en numerosos proxectos de investigación, como o dirixido por Eduardo Pardo de Guevara baixo o título Linaje, parentela y poder: la pirámide nobiliaria gallega (siglos XIII al XV) (II); ou Poder, sociedad y fiscalidad en el entorno geográfico de la Cornisa Cantábrica en el tránsito del Medievo a la Modernidad, liderado por Ernesto García Fernández.

Autora de máis dunha vintena de traballos – monografías, artigos en revistas e dicionarios especializados-, desde 2009 forma parte do Comité de Redacción do Glosario Crítico de Fiscalidade Medieval e desde o 2012 é membro da Red Temática Interuniversitaria Arca Comunis, centrada na investigación da Facenda e Fiscalidade Hispana entre os séculos XIII-XVIII.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: