Castelao ponse de moda
Castelao está de moda. Ao anuncio da Xunta de que quere traer o cadro de Castelao “A derradeira leición do mestre”, actualmente no Centro Galicia de Bos Aires, para a súa exposición en Santiago, tamén se suma a decisión do Museo de Pontevedra de reestruturar a súa Sala Castelao para expoñer os orixinais do album Nós.
Por iso, este martes pecharase ao público a Sala 2 dedicada á obra de Castelao no segundo andar do Sexto Edificio do Museo. Este peche temporal débese ao inicio das obras precisas para reformular o espazo e a distribución da obra e dar cabida aos 50 orixinais do Álbum Nós, que recentemente foran cedidos ao Museo por un período de 5 anos.
A Sala 2 contén neste momento os albumes de guerra, os debuxos de negros, as cruces de pedra da Galiza e da Bretaña, os óleos e acuarelas de pequeno formato e a vitrina coas máscaras orixinais e a documentación relativa á obra teatral ‘Os vellos non deben de namorarse”. “Para dar cabida á serie do Álbum Nós, realizarase unha nova compartimentación do espazo e, posteriormente, acometerase tamén unha pequena reformulación da Sala 1, que é na que se expoñen, entre outras obras, os óleos de gran formato do tríptico ‘Contos de Cegos’, propiedade da Real Academia Galega”, apunta a Deputación de Pontevedra.
O Museo calcula que este proceso de reformulación de espazos e distribución de obras durará arredor de dous meses. Tanto do deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, como o director do Museo, Carlos Valle, amosan a súa satisfacción por poder incluír os debuxos orixinais na colección permanente do Museo.
Exposición permanente dun achado histórico
Neste sentido, a institución destaca que a exposición do Álbum Nós de xeito permanente nas salas dedicadas a Castelao permitirá que o público se poida achegar a unha obra que permanecera oculta durante máis de oito décadas. Hai que lembrar que desde 1924 non se volveron ver expostas as estampas que conforman o Álbum e que desde a década de 1930 se perdera a pista do seu paradoiro.
Grazas ao traballo de investigación do equipo técnico do Museo de Pontevedra, os debuxos orixinais foran localizados nunha colección particular no mes de marzo de 2016 e foran expostos no marco da mostra ‘Meu Pontevedra’, que tivo lugar entre o 28 de xuño e 11 de setembro, e que conmemoraba o centenario da chegada de Castelao á cidade. Tras a cesión puntual das estampas para aquela exposición en concreto, o equipo do Museo negociou coa familia propietaria a cesión da obra por un período inicial de 5 anos.
As outras exposicións de Castelao
Castelao realizou as estampas do Álbum Nós entre os anos 1916 e 1918, que expuxo por primeira vez na Coruña en 1920. Posteriormente, entre os anos 1921 e 1924 sería exposto en Madrid, Ourense, Vilagarcía de Arousa, Monforte de Lemos, Ferrol, Pontevedra, Barcelona, Vigo e Santiago de Compostela. En 1931 editaríase en formato libro. A desaparición dos orixinais desde a década de 1930 foi unha constante fonte de pesquisas e hipóteses que, finalmente, derivou no achado histórico por parte do equipo do Museo fai case dous anos.