fbpx
Recreación do Castelo Ramiro / Desgalipedia

O castelo Ramiro, a fortaleza perdida pola que pasou boa parte da historia de Ourense

Tempo de lectura: 5 min.

Non todos os ourensáns coñecen a existencia dun castelo medieval na propia cidade de Ourense, que foi na Idade Media a fortificación principal da urbe, fronte os numerosos conflitos bélicos que asolagaron Galicia durante séculos.

Os máis avezados na historia local falaran do “Castelo ramiro“, fundado polo mítico rei de Asturias Ramiro I (842-850) no seu avance ata as terras de León, que repoboaría. Algúns autores chegan a vincular o castelo coa famosa familia dos Temes, en tempos do reino suevo de Galicia, extremo este moi arriscado dende o punto de vista histórico e documental.

As lendas falan de tres razzias (ou invasións rápidas de saqueo) dos árabes a Galicia, a do 822 ao mando de Abdel Karim, a do 825 Abderramán, e a do 878 ao mando de Muahmad, sendo detidas e os mouros derrotados na fortaleza Ourensá. As lendas falan da presenza de mouros en Ourense, dos seus fabulosos tesouros e dos pasadizos segredos que daban acceso ás estancias ocultas do castelo, repletas de ouro.

Mesmo unha lenda sitúa unha aparición do apóstolo Santiago sobre as penas próximas, que daría ánimos aos cristiáns para vencer ás mesnadas árabes e liberar Ourense da ameaza inimiga.

Fortaleza do XII

Pero o certo e evidente é que os primeiros cimentos da fortaleza datan do século XII (quizáis poidera existir algún torreón ou atalaia do S IX, pero en ningún caso unha fortaleza completa) e a súa construcción deberíase aos bispos da cidade, que co reforzo dunha fortaleza militar ampliaban a súa supremacía frente ás potentes casas nobiliarias galegas, especialmente os Sarmiento e os Enríquez, que sempre ambicionaron a cidade auriense. Estaría situado na Valenzá ou Barrio de cabeza de vaca e un dos grandes estudosos deste castelo foi Jorge Abraham Vila no seu libro “Castelo Ramiro. Fortalez Episcopal de Ourense. S. XIII-XV”.

Foi nos conflitos sucesorios na Castela dos séculos XIII-XV onde a fortaleza ourensá tivo un importante papel militar. Foi derribada na guerra civil entre Pedro I e Enrique II, na primeira da guerra entre os Trastámaras, xa que o rei Pedro I acabou moi violentamente cun conato de fusión entre as coroas de Galicia e Portugal (1371), e ourense resultara un dos puntos clave da insurrección.

Pero Xoan I, sucesor dos anteriores, decidiu recuperar a fortaleza debido ao punto estratéxico e militar de que a cidade gozaba, e por ter sido a corte de Xoan de Gante, o “Rei Lancaster de Galicia”, do que xa falamos neste portal, durante a campaña do inglés no país. De feito, Xoan I era consogro deste rei e debíalle a súa coroa e o matrimonio do seu fillo aos pactos derivados deste conflito. Ademais a participación levantisca contra a casa Trastámara da nobleza galega fixo que o monarca apostara por reforzar o papel do bispado ourensán. A fortaleza volveuse a levantar e ampliar, pasando a chamarse o Castelo de Miraflor.

Así, o poder político, económico e militar na cidade residía na tenencia do castelo e na portaxe da ponte, e xa no 1394 tense constancia de pleitos entre o bispado e a familia Enríquez polo dominio de ambos os dous elementos, apoiando os Sarmiento as prebendas obispais. Coma xa dixemos, os Enríquez e os Sarmiento eran as familias nobiliarias con máis forza na provincia e aparecerían comunmente involucrados en todos os conflitos da comarca.

A ponte Romana de Ourense, sobre a que se detentaban as portaxes e peaxes de paso, fonte de poder e conflito na Idade Media da cidade

Conflitos entre os Enríquez e os Sarmiento

Desta forma o castelo e a ponte pasaron neste século XV de mans dos Enríquez aos Sarmiento, segundo a súa preeminencia política coa casa real de Castela, até recalar novamente no bispado no ano 1447 en tempos de Xoan II de Trastámara. Mesmo existiron conflitos armados cando o bispado, que perdera a portaxe da ponte, decidiu crear un servizo de paso por barcas en Portovello, resultando unha incómoda competencia para os Sarmiento, que responderon con violencia.

Toda esta situación de conflitos permanentes perxudicou tremendamente á veciñanza da cidade, víctima de abusos, violencia e de desórdes, que a debilidade da coroa castelá non era quen de solucionar. Así que aos abusos dos donos do castelo e o portazgo se sumaban os conflitos permanentes entre o Concello da cidade e o Bispado, e das casas nobres da comarca que se repartían as prebendas menores (coma as casas dos Espino, os Noboa, os Cadórniga ou os Mosquera, denunciados en varias cartas ao rei de Castela).

Principais zonas afectadas pola Revolta dos Irmandiños que derrubaría o Castelo Ramiro / Carlos Barros, USC

Revolta Irmandiña

Todo isto levou a que a cidade de Ourense se sumara no ano 1467 á revolta dos Irmandiños, e nos días do 15 ao 20 de abril a Irmandade da cidade decidira derribar e queimar a fortaleza de Miraflor ata os cimentos, coma pasou en numerosos puntos de Galicia co derrubo sistemático das fortalezas, mais de 130 en Galicia, pois eran o centro de poder da nobreza que normalmente expoliaba á poboación.

Coa derrota dos irmandiños a fortaleza foi reedificada pola familia Soutomaior, mentres que o bispado quedaba relegado ao portazgo sobre a ponte. O conflito seguiría na cidade, mesmo con gravísimos enfrentamentos armados que fixeron correr o sangue entre as rúas empedradas do casco vello, ate que no 1472 un pacto entre a nobreza deixa Ourense nas mans do Conde de Benavente, un nobre foráneo, que se adxudicou a encomenda directa da cidade quedando como amo e señor da mesma.

É nesta época, a do máximo esplendor da fortaleza, onde se erixe coma centro neurálxico da comarca con dominio en terras dende Ribadavia e Maside ate Amoeiro e Esposende como dominio xurisdiccional, ainda que a capital do condado pasa a ser Ribadavia, que posteriormente pasaría a mans dos Sarmiento.

Aínda así a situación de Ourense non sería calma ata a campaña de pacificación dos Reis Católicos quenes consideraron que dende o Castelo de Miraflor se abusara sistemáticamente dos veciños de Ourense e no 1486 decidiuse derrubar completamente o castelo, e deixar nas mans do Concello da cidade o goberno da mesma, abolindo dereitos nobiliarios e confinando á igrexa ao poder e guía espirituais.

Castelo esquencido

Este castelo é, coma o exemplo do Castelo da Rocha Forte en Santiago de Compostela, un dos exemplos de fortificacións magníficas esquencidas pola historia e somentes relembradas en lendas e contos populares que mantiveron viva a lembranza daqueles restos arquitectónicos.

Hoxe achamos pouquísimos restos na Peroxa, en cuio cumio estaría situado o castelo, con fortificacións anexas nas ladeiras próximas, e que están sendo obxecto de debate e de análise por varios proxectos arquitectónicos.

Dátase no 1920 a venda pola Marquesa de Camarasa (dona esta casa nobiliaria do castelo tras da Desamortización de Mendizabal) das ruínas do castelo, por mil cincocentas pesetas, e cuxas pedras foron reutilizadas e trasladadas , perdéndose boa parte dos restos da estrutura basal da fortaleza. Unha perda que remataría coa memoria colectiva do castelo. As pedras reutilizaríanse para obras de cantería na igrexa de Santiago da Peroxa e nalgunhas casas próximas como a Reitoral. No 1975 a construcción dun depósito de auga danaría, aínda mais, os restos do maltreito castelo.

Trátase, en fin, dunha complexa e completa historia medieval dunha das fortalezas máis relevantes do periodo bajomedieval en Galicia e dun castelo lendario catro veces derruído e tres veces reconstruído, do que apenas temos memoria. É tempo de recuperar a orgullosa memoria do castelo da cidade de Ourense e animar ás futuras xeracións a investigar e analizar os restos e aclarar o pasado destas gloriosas e antiguas atalaias fortificadas da cidade auriense.

 

REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS

Jorge Abraham Vila, Castelo Ramiro. Fortalez Episcopal de Ourense. S. XIII-XV”. Grupo Marcelo Macías. 2006

Patrimonio Galego

Escrito por

Investigador e divulgador

Pode que che interese...